A acollida en Galicia de persoas refuxiadas de Ucraína: sen coordinación nin estratexia para unha invasión prolongada

Persoas refuxiadas cruzando a fronteira entre Ucraína e a República Moldova un mes despois do inicio da guerra © UNICEF/UN0613965//Vincent Tremeau

O Consello de Contas vén de auditar a resposta pública galega á crise de Ucraína nun informe que reclama protocolos e planificación e unha análise da integración a medio prazo

O Consello de Contas vén de facer pública unha auditoría sobre as medidas adoptadas por concellos e deputacións galegas para atender a crise humanitaria provocada pola invasión rusa de Ucraína iniciada hai agora dous anos, o 24 de febreiro de 2022. O informe revela falta de coordinación entre administracións e ausencia dunha estratexia ante a prolongación do conflito, ante o que recomenda protocolos e planificación así como unha análise da integración a medio prazo das persoas refuxiadas. 

Resumo que fai o Consello de Contas da súa auditoría sobre a atención ás persoas refuxiadas de Ucraína © Consello de Contas

O informe agora divulgado por Contas é a primeira auditoría "pronta" que fai a institución para tentar achegar os feitos analizados ao momento en que se divulgan as súas análises, xa que habitualmente adoitan pasar anos entre as súas fiscalizacións das contas públicas dunha administración e a publicación dos resultados. 

Neste caso os técnicos de Contas realizaron os seus traballos durante 16 semanas analizando a resposta de concellos, deputacións e Xunta a tres grandes cuestións: cal foi a achega das entidades locais aos recursos do plan estatal para Ucraína, se as medidas propostas foron executadas en tempo e forma, e se as medidas están a adaptarse "como consecuencia da prolongación da invasión".

O informe salienta a actuación do Concello e da Deputación da Coruña mentres que "o papel das restantes deputacións é pouco relevante"

Sobre a primeira cuestión, a das achegas das administracións, Contas sinala que a nivel municipal "non existiu coordinación dos recursos dispoñibles" agás no caso do Concello da Coruña "que dispón dunha Oficina propia e un programa completo de atención inicial". No resto dos casos analizados por Contas "os programas municipais foron o resultado de coordinar a nivel municipal as iniciativas particulares ou privadas que se produciron nos primeiros meses no marco da atención sociosanitaria de emerxencia".

E a nivel supramunicipal, "existía un procedemento formal fixado normativamente para a acollida de persoas refuxiadas" pero "non existiu de xeito permanente unha coordinación dos niveis de goberno máis alá dunha inicial coordinación por medio dun 'ente' creado ad hoc, o Comité Técnico de Galicia (Cotega)", que integra representantes da Delegación do Goberno de España, a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ademais de entidades sociais. Nese eido "a achega da Fegamp reduciuse a unha coordinación inicial no marco do Cotega que non resulta acreditado que se prolongase con posterioridade a maio de 2022".

Valoración que fai Contas da actuación das deputacións na acollida a persoas refuxiadas de Ucraína © Consello de Contas

Canto ás deputacións, Contas sinala que a existencia dun Centro de Emerxencia na cidade da Coruña repercutiu "na existencia dun programa máis relevante" nesa zona mentres que "o papel das restantes deputacións é pouco relevante".

Ante estas eivas o ente fiscalizador recomenda a todas as administracións ter preparados protocolos para a xestión dos recursos precisos para crises humanitarias deste tipo máis alá da creación de órganos ad hoc que dependan de iniciativas conxunturais. 

"A execución de medidas resultou, agás nos supostos das entidades locais de maior poboación, pouco formal e homoxénea máis alá das primeiras datas", di Contas

Sobre se as medidas propostas foron executadas en tempo e forma, Contas sinala que "a execución de medidas resultou, agás nos supostos das entidades locais de maior poboación, pouco formal e homoxénea máis alá das primeiras datas" recorrendo fundamentalmente a "o emprego de contratos menores e a concesión de axudas moi reducidas no tempo". Tamén se critica que "os custos calculados nas actuacións realizadas resultan dispares, non tanto polas diferentes actuacións acometidas polas distintas entidades locais, senón incluso en actuacións análogas".

Unha concentración na Coruña para reclamar a paz en Ucraína © Acampa Coruña

Por último, canto á previsión dunha prolongación da crise humanitaria e o establecemento, Contas sinala que se primaron "os mecanismos de resposta urxente, sen planificación a medio prazo" e sen "unha estratexia de adaptación das medidas como prolongación da invasión. Así, os auditores recomendan "unha análise dos datos de atención e indicadores de integración a medio prazo como un instrumento útil para a consecución do proceso en tres fases que fixa a normativa", isto é, "valoración, acollida e autonomía". "A determinación dos devanditos indicadores e a análise da súa evolución esixe unha efectiva coordinación multinivel que deberá realizarse e documentarse como mecanismo de planificación da presente e de sucesivas crises humanitarias", conclúe o Consello de Contas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.