Galicia acolle temporalmente 1.800 persoas procedentes de Ucraína, que se suman ás 950 que xa residían de forma estable

Un grupo de persoas procedentes de Ucraína nunha concentración celebrada na Coruña para pedir a fin da guerra © Acampa Coruña

Dende que o 24 de febreiro as tropas rusas invadiron o territorio ucraíno millóns de persoas abandonaron o país eslavo, engrosando unhas cifras de refuxiados e refuxiadas que xa superan os cinco millóns, segundo os datos de Acnur. Aínda que o groso se concentra nos países limítrofes, especialmente Polonia (case tres millóns), Rusia, Romanía, Hungría e Moldavia, unha pequena parte desprazouse ao Estado Español, onde se lles está a ofrecer acollemento e protección temporal. 

Dende o 11 de marzo foron aprobadas 73.008 resolucións de protección temporal no Estado español, 1.802 delas en Galicia, apenas o 2,47% do total

Dende o 11 de marzo foron aprobadas 73.008 resolucións de protección temporal, 1.802 delas en Galicia, apenas o 2,47% do total. As persoas que están chegando a Galicia grazas a esta figura de acollemento súmanse á comunidade ucraína que xa residía no noso territorio, un colectivo pequeno en número en relación co doutras nacionalidades, pero que foi medrando de forma moi importante nos últimos anos, chegando ás 950 persoas a finais do pasado ano 2021. Unha pequena parte, en todo caso, dos máis de 115.000 ucraínos e ucraínas empadroadas no conxunto do Estado español ata o pasado 1 de xaneiro.

Estas cifras de empadroamentos, con todo, están xa a variar notablemente nos últimos dous meses, polo que é probable que o dato actualizado no remate deste ano 2022 sexa moi superior. O Instituto Nacional de Estatística vén de publicar un informe que reflicte os datos máis actualizados sobre o proceso de acollida das persoas procedentes de Ucraína.

Das 1.802 resolucións de protección temporal solicitadas e aprobadas en Galicia, a maior parte corresponden ás provincias da Coruña (722) e Pontevedra (627), con números máis cativos en Ourense (285) e Lugo (168).

Ata agora había 950 persoas nacidas en ucraína empadroadas en Galicia. Só no mes de marzo houbo 405 altas novas

A poboación procedente de Ucraína empadroada en Galicia foi medrando de forma moi importante nos últimos anos. Mentres que no ano 2003 -xusto antes do inicio da Guerra do Donbas-  sumaban unhas duascentas persoas, a finais do pasado ano 2021 a cifra achegábase ás mil (950). A comunidade ucraína en Galicia está formada -como veremos máis adiante- sobre todo por mulleres, que representan case o 60% do total

En calquera caso, o número de ucraínos e ucraínas empadroadas en Galicia está a incrementarse moito. Só no mes de marzo producíronse 405 altas novas, o que deixa a cifra total moi por riba das mil persoas. Haberá que agardar aos datos completos do ano 2022 para coñecer a dimensión final que acada a comunidade ucraína no noso país.

Case a metade das persoas empadroadas en Galicia tiñan entre 16 e 44 anos e as mulleres representaban ao redor do 60% do total

Esta comunidade ucraína era ata agora (datos finais do ano 2021) maioritariamente feminina e cunha media de idade bastante nova, pois case a metade das persoas empadroadas tiña entre 16 e 44 anos. Só 41 destas persoas estaban por riba dos 65 anos e, pola contra, había 130 menores de 16 anos.

Os ucraínos e ucraínas galegas concentrábanse ata agora nas provincias da Coruña (426) e Pontevedra (311), con 111 persoas empadroadas en Ourense e 102 en Lugo.

O 70% das novas altas corresponden a mulleres e que ao redor do 42% son de nenos, nenas, mozos e mozas de 19 anos ou menos

Este perfil coincide co das persoas que se están a empadroar por vez primeira nos últimos meses. Os datos que ofrece o INE para o conxunto de España amosan que o 70% das novas altas corresponden a mulleres e que ao redor do 42% son de nenos, nenas, mozos e mozas de 19 anos ou menos, sen grandes diferenzas por sexo. En cambio, por riba dos 20 anos a práctica totalidade dos novos empadroamentos corresponden a mulleres, con moi poucos rexistros de homes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.