As persoas refuxiadas pola guerra da Ucraína xa son case o duplo que toda a poboación galega

Persoas refuxiadas da Ucraína chegadas a Moldavia o 8 de marzo © Siegfried Modola / Unicef

Tras algo máis dun mes de invasión na Ucraína e mentres a atención informativa internacional está centrada, en boa medida, nas imaxes do masacre da cidade de Bucha -ao norte de Kíiv- tras a retirada das tropas de Rusia e nas repercusións socioeconómicas das sancións contra o Goberno de Vladimir Putin, a guerra segue traendo consigo unha emerxencia humanitaria de primeira magnitude en forma de éxodo de persoas refuxiadas. Tanto é así que os datos máis recentes da ACNUR, a axencia das Nacións Unidas para as persoas refuxiadas, reflicten que a cifra de persoas que fuxiron de territorio ucraíno practicamente duplican o total da poboación galega.

Incluíndo os desprazamentos internos, as persoas que tiveron que abandonar os seus fogares roldan os 10 millóns, segundo ACNUR

Con datos actualizados a 4 de abril -a día 3 no caso da poboación desprazada a Eslovaquia e a 29 de marzo para as cifras de Rusia-, uns 4,6 millóns de persoas fuxiron cara a países limítrofes coa Ucraína dende o comezo da invasión -o 24 de febreiro-, pero a cifra rolda os 5 millóns tendo en conta os desprazamentos previos dende Donetsk e Lugansk. Se a suma inclúe os desprazamentos dentro da propia Ucraína, ACNUR calcula que son uns 10 millóns de persoas as que tiveron que abandonar os seus fogares pola guerra.

A finais de marzo, o alto comisionado da ONU para as persoas refuxiadas, Filippo Grandi, visitou a cidade de Leópolis, unha das que acolle un maior número de persoas refuxiadas camiño doutros países. "A rapidez coa que se rexistrou o desprazamento e a enorme cantidade de persoas afectadas en tan pouco tempo non ten precedentes na memoria europea recente", sinala, nun contexto no que tamén advirte de que "13 millóns de persoas precisan axuda humanitaria urxente en todo o país".

"A escalada de hostilidades é especialmente aterradora para a infancia atrapada no conflito", advirte Unicef

"Falei con mulleres, con nenos, que se viron gravemente afectados por esta guerra"; "as necesidades de protección e humanitarias son enormes e seguen aumentando", advertiu malia que o fluxo de persoas refuxiadas ten un ritmo relativamente inferior nos últmos días. "Todo o sistema humanitario está facendo todo o posible para chegar ás persoas necesitadas, pero debe garantirse a seguridade do persoal humanitario e dos civís que reciben asistencia", reclama ACNUR, que subliña que "hai vidas que dependen" do respecto a este principio da legalidade internacional.

Neste contexto, outra axencia da ONU, Unicef, advirte de que practicamente a metade das persoas refuxiadas por esta guerra son nenas e nenos. "A escalada de hostilidades é especialmente aterradora, especialmente para a infancia atrapada no conflito; os combates achéganse á poboación civil, aos fogares e ás escolas, aos hospitais e orfanatos", resume nun comunicado. 

Persoas refuxiadas pola guerra da Ucraína, atendidas por Unicef en Romanía nunha imaxe do 12 de marzo © Adrian Holerga / Unicef

Con este pano de fondo, a finais de marzo estaban rexistradas en Galicia unhas 400 chegadas de persoas refuxiadas procedentes da Ucraína. Organizacións non gobernamentais galegas veñen advertindo de que, malia que os gobernos ofrecen máis facilidades para elas, chegan a un sistema "saturado" no que persoal técnico e voluntariado segue recibindo tamén persoas doutros países e afectadas por outras guerras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.