Máis garantías e dereitos: as diferenzas que atopan os refuxiados da Ucraína na Unión Europea

Familias que foxen da guerra na Ucraína esperando na zona de autobuses que os levan cara a outras partes de Europa © UNICEF/UN0610654/Vladimir

A directiva europea para desprazamentos masivos de poboación que se pode aplicar coas persoas refuxiadas da Ucraína achega máis garantías, diminúe os tempos de agarda e facilita o labor das ONG

As persoas que tiveron que marchar da Ucraína pola guerra iniciada polo presidente ruso, Vladimir Putin, teñen garantidos os seus dereitos como refuxiadas desde o primeiro momento no que traspasan a fronteira cara os países da Unión Europea e se inscriben no programa de protección. Isto non lle sucede ao resto de persoas en réxime de refuxiadas, que se enfrontan a un sistema confuso e cheo de burocracia con poucas certezas, polo menos nos primeiros meses.

Susana Fernández, responsable da delegación da oenegué Movemento Pola Paz Galicia explica que ″a grandísima diferenza é a aplicación da directiva europea que permite unha celeridade nos procedementos nunca vista. Empezando porque a mera solicitude xa permite que as persoas poidan acceder ao sistema de protección, pero é que ademais no prazo de 24 horas xa teñen permiso de residencia e de traballo. En cambio, o resto dos solicitantes poden residir de maneira regular en España cando formalizan a solicitude, pero tardan seis meses en ter un permiso de traballo″.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado da conselleira de Política Social, Fabiola García, na visita ao centro de acollida de refuxiados de Accem na Coruña CC-BY-SA Xunta de Galicia

A pesar de existir desde a crise de Kosovo de hai 21 anos, esta directiva europea nunca se aplicara

O punto de partida é a ′Directiva 2001/55/CE do Consello Europeo do 20 de xullo de 2001 relativa ás normas mínimas para a concesión de protección temporal no caso de afluencia masiva de persoas desprazadas e a medidas de fomento dun esforzo equitativo entre os Estados membros para acoller a ditas persoas e asumir as consecuencias da súa acollida′. A pesar de existir desde a crise de Kosovo de hai 21 anos, esta directiva europea nunca se aplicara.

“Temos unha oportunidade para comprobar que se poden facer as cousas dunha maneira diferente porque neste caso se está a facer mellor”, di Daniel Bóveda de Accem

O propio Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións recoñece que a aprobación desta directiva para a crise ucraína é ″un fito moi relevante″. Permite ás persoas refuxiadas acceder a unha ′protección temporal′ que inclúe os permisos de residencia e traballo inmediatos e o acceso a todas as prestacións sociais dispoñibles no Estado de acollida, como o Ingreso Mínimo Vital. No caso galego, poderán solicitar a Risga. Así mesmo, o Goberno central aprobou unha orde para simplificar os trámites burocráticos, que axiliza todo o proceso de recoñecemento destes dereitos.

″Celebramos que se puxese en marcha esta directiva europea despois de 21 anos. Xa houbo outras crises humanitarias, como a de Siria ou Afganistán, e a resposta non foi a mesma. O que non quere dicir que as persoas da Ucraína non precisaran esta resposta, nin moito menos. Realmente, temos unha oportunidade para comprobar que se poden facer as cousas dunha maneira diferente porque neste caso se está a facer mellor″, salienta Daniel Bóveda, responsable provincial da ONG Accem en Vigo.

O Concello de Ames organizou unha xuntanza informativa sobre o acollemento e as boas prácticas a seguir coas persoas refuxiadas de orixe ucraína que cheguen ao municipio CC-BY-SA Concello de Ames

O plan de acollida para as persoas que foxen da guerra na Ucraína centraliza unha primeira atención en catro grandes centros situados en Madrid, Barcelona, Alicante e Málaga desde os que despois se irá derivando á xente cara as oenegués presentes nas diferentes zonas do Estado dentro da rede de acollemento. As 112.000 persoas ucraínas que residían en España antes da guerra concentrábase na costa mediterránea e na contorna de Madrid, de aí a localización destes centros, que xa atenderon a máis de 6.000 persoas. Segundo datos do Ministerio de Interior, outorgáronse 17.600 resolucións de protección nas últimas dúas semanas no Estado.

O Goberno central estableceu un novo sistema de acollemento familiar no que poñen en contacto ás familias interesadas en acoller a familias refuxiadas da Ucraína

Todo está a suceder moi rápido e o Goberno central recoñece que se trata dun momento de ″máxima incerteza″, pois tampouco se sabe canto tempo se vai demorar a situación de acollida. A incerteza é maior para aquelas persoas que tiveron que deixar o seu fogar e, en moitos casos, a familiares e amizades no seu país. Ademais dos permisos de residencia e traballo por un ano –prorrogables a dous– o Ministerio de Inclusión salienta que se lles proporcionará aloxamento e manutención, axudas económicas, asistencia sanitaria, escolarización para os menores e clases de castelán, atención psicosocial, orientación laboral, asistencia xurídica, a convalidación do carné de conducir durante un ano e roaming gratuíto.

As persoas que chegan por outras vías e xa non pasan por estes centros de recepción, teñen os mesmos dereitos recoñecidos unha vez que se inscriben nas comisarías de Policía acreditadas para realizar estes trámites. Ademais, no caso das persoas de orixe ucraína o Goberno español estableceu un novo sistema de acollemento familiar por seis meses (ampliable a un ano) no que poñen en contacto ás familias interesadas en acoller a familias refuxiadas da Ucraína, que manteñen igual o resto dos dereitos do sistema de protección e a prestación de servizos e axuda. Concellos galegos como o de Ames xa están a ofrecer información sobre este programa á veciñanza.

Máis certezas

A Xunta calcula que xa hai en Galicia un milleiro de persoas refuxiadas pola guerra na Ucraína, en todo o Estado o Ministerio estima que son arredor de 12.000. As ONG teñen máis facilidades para axudar e acompañar no proceso migratorio a estas persoas, pois o feito de ter recoñecido o permiso de traballo marca unha gran diferenza –segundo explican desde as organizacións– porque xa se poden inscribir directamente no SEPE e como demandantes de emprego. Así, xa teñen acceso a todas as formacións e ofertas de traballo, como calquera galega ou galego.

Persoas que saen da Ucraína pola fronteira coa República Moldova o pasado 24 de marzo. © UNICEF/UN0613965//Vincent Tremeau

Ademais, nas oenegués teñen máis certezas á hora de traballar, pois saben que as persoas da Ucraína van manter o acceso aos dereitos do programa de protección. Xa que no caso das persoas que chegan desde outras orixes pasan meses ata que se confirma e ratifica a súa situación. Isto supón que teñan que deixar de atender a moitas persoas no medio dos programas de acompañamento porque lles chegue denegada a solicitude de protección, e esa praza teña que quedar libre para outra persoa en condición de refuxiada.

"Agora non temos que agardar a que haxa unha resolución, sexa denegatoria ou positiva. Polo que non temos que botar a ninguén do sistema”, di Alba Breijo de Ecos do Sur

″Agora non temos que agardar a que haxa unha resolución, sexa denegatoria ou positiva. Polo que non temos que botar a ninguén do sistema. Como tampouco pasou no caso de Afganistán, aínda que non se fixo a través desta directiva europea, a súa petición tramitouse doutra forma. Son casos moi excepcionais que dependen tamén da situación no país de orixe″, detalla Alba Breijo, responsable do programa de protección internacional da oenegué Ecos do Sur en Galicia.

Alba Breijo incide en que todas as persoas que cheguen da Ucraína se rexistren para non perder os seus dereitos e advirte que hai que pensar no longo prazo á hora de axudar: ″É moi importante canalizar todo isto a través das vías formais, pois é unha forma de acceder ao sistema de protección máis segura para a xente, na que van recibir unha atención integral. Non esquezamos que hai un risco moi elevado de trata de seres humanos, como en todas as situacións de extrema vulnerabilidade para mulleres e nenos″.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.