Galitzia, dúas realidades en conflito que volven ser escenario de guerra

Praza da ópera de Lviv en setembro de 2019 © Ana G. Liste

A antiga rexión de Galitzia é hoxe o escenario de fuxida das persoas refuxiadas pola guerra iniciada por Vladimir Putin na Ucraína. Achegámonos á historia desta parte da Europa Central da man do historiador da Universidade de Vigo Luis Velasco Martínez

Chega con baixarse do tren en Lviv –tamén coñecida como Leópolis– para decatarse de que ten case máis diferenzas con Kíiv, a capital da Ucraína, que con outras capitais europeas como Praga. Pois Lviv tamén foi capital, pero da antiga rexión de Galitzia, que se mantivo baixo o paraugas do Imperio Austrohúngaro. Dicimos que a historia se repite, así o lembrou en Compostela o xornalista afgán Mohammad Ali Pakdel, refuxiado en Ourense. E semella que nesta parte de Europa a guerra, a represión, a emigración e a reconstrución sexan cíclicas.

Galitzia foi unha rexión que abrangueu parte das actuais Ucraína e Polonia, e probablemente tamén de Eslovaquia. As fronteiras non estaban tan delimitadas coma hoxe, pois nisto influíron cuestións como a expansión do catolicismo por Polonia, despois dos pobos eslavos e máis tarde dos xermánicos. Lviv e Cracovia foron as cidades principais desta rexión. A respecto da denominación hai varias especulacións, mais poucas certezas sobre un vínculo real coa nosa Galicia. O máis probable é que o nome proveña dunha cidade situada ao sur de Leópolis, Hálych, na beira do río Dniéster.

Detalle dun edificio en Lviv que ten escrito en polaco Galitzia © Ana G. Liste

″Si que hai algúns paralelismos con Galicia cara a finais do século XIX, sobre todo co tema da emigración ao estuario da Plata, en concreto á Arxentina e Uruguai″, sinala Luis Velasco Martínez, profesor da área de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo. ″Como ente político nunca tivo unha pervivencia, pero estivo bastante delimitada e vivíu moitos saltos de soberanía. Aparte do Imperio Austrohúngaro –ao que pertenceu ata 1918– nesa zona se instaurou nos séculos anteriores a breve República polaca, estivo afectada pola constitución de Rusia e máis tarde polos saltos na ocupación polo expansionismo ruso″, engade.

O da antiga Galitzia é un territorio tremendamente disputado. Unha zona de influencia cultural centroeuropea, que mantén unha grande influencia do mundo eslavo

O certo é que hoxe todas sabemos onde está Lviv porque o pasado febreiro se converteu na principal vía de escape da guerra iniciada por Vladimir Putin na Ucraína. A maioría das persoas refuxiadas, que xa son máis de tres millóns, cruzaron a Polonia desde esta cidade que ata o de agora non sufrira as consecuencias da crise de Crimea iniciada en 2014 nin do masacre posterior ás protestas do Euromaidán, a ′revolución da dignidade′ do pobo ucraíno a favor das relacións coa Unión Europea na Maidán Nezalézhnosti –a Praza da Independencia de Kíiv– que rematou coa presidencia de Víktor Yanukóvich, líder dun partido prorruso. Leópolis tamén estaba á marxe do conflito co que estaban a convivir ao outro lado do país, na zona do Dombás, onde cidades como Donetsk e Lugansk eran apoiadas por Rusia para independizarse da Ucraína.

É un territorio tremendamente disputado. Unha zona de influencia cultural centroeuropea, que mantén unha grande influencia do mundo eslavo. ″Estivo a cabalo entre esas dúas realidades moitos séculos. O que está claro é que os argumentos maximalistas dos rusos son discutibles e, por outra banda, tampouco poden ser utilizados como argumento para lexitimar as actuacións que estamos a ver hoxe. Non se pode dicir que Rusia naceu na Ucraína, como insinúa agora Putin. Outra cousa é que, efectivamente, existiron ou existen grandes grupos rusófonos dentro da Ucraína; pero iso tamén hai que entendelo dentro da propia política de migracións interiores da Unión Soviética″, razoa o historiador da UVigo.

“A grande catástrofe xeopolítica do século XX foi a disolución do Imperio Austrohúngaro”, di o historiador 

″Sempre comento nas clases que Putin dixo hai uns anos que a grande catástrofe xeopolítica do século XX foi a disolución da Unión Soviética. Pois aquí temos a clara evidencia de que non foi así, que a grande catástrofe xeopolítica do século XX foi a disolución do Imperio Austrohúngaro. O certo é que, cos seus problemas, era un gran Estado ocupando Centroeuropa con moitas nacionalidades integradas dentro da monarquía dual, mantendo as súas diferenzas políticas, sociais e económicas″, apunta Luis Velasco.

O Imperio Austrohúngaro foi un espazo moi complexo de integración, mais supuxo o período máis longo de paz para a poboación desta parte de Europa. Entre o final das guerras napoléonicas e a Primeira Guerra Mundial, mantívose como unha zona bastante pacífica. Algo completamente inusual se o comparamos cos séculos anteriores e co que aconteceu despois da Primeira Guerra Mundial ″porque desde que estala a fronte do leste ata a Segunda Guerra Mundial, as tensións xeopolíticas, nacionais e identitarias, sumadas aos fluxos de migracións forzosas, xeran grandes conflitos″. Galitzia, como tal, deixou de existir coa sinatura do Tratado de Versalles.

A estreita relación entre a poboación de influencia da antiga Galitzia mantense hoxe a través da Eurorrexión dos Cárpatos, unha alianza entre Polonia, Ucraína, Eslovaquia e Hungría

En 1919 non existía un continuo territorial nesta parte de Europa, había multitude de grupos e identidades diseminadas polo territorio. Pensouse que dándolle un Estado a cada nación se solucionarían as tensións, pero había moitos grupos diferentes. ″Pensemos –debulla Luis Velasco– nos xudeus, que estaban esgallados; ou nas minorías polacas, húngaras ou de lingua alemá. Todo isto, collido con pinzas, co Imperio Austrohúngaro estivo máis ou menos pacificado a costa de moitas tensións e moitos pactos. E cos novos Estados-nación non se logrou esa paz pola falta de homoxeneidade, iso é algo que chega despois da Segunda Guerra Mundial tras un proceso arduo, tremendamente conflitivo e terrible que son todas as migracións forzosas ou a sistematización da eliminación dalgúns grupos étnicos, como é o caso dos xudeus: aínda que siga contando con poboación xudea como o actual presidente da Ucraína, Volodímir Zelenski″.

A estreita relación entre a poboación de influencia da antiga Galitzia mantense hoxe a través da Eurorrexión dos Cárpatos, unha alianza entre Polonia, Ucraína, Eslovaquia e Hungría. Pero non se pode obviar o tempo que Ucraína pertenceu á Unión Soviética, onde tivo un papel importante. En 1991 o pobo ucraíno decide que non quere formar parte dun Estado sucesor da URSS, pero Luis Velasco lembra que isto puido ser doutra maneira. Pois a dualidade entre a alma europea e a eslava mantívose.

Estatua en homenaxe ao poeta polaco Adam Mickiewicz en Lviv © Ana G. Liste

″Probablemente agora esteamos a tomar máis consciencia de que é Europa. Xeograficamente é indiscutible que o é, pero socialmente e politicamente Ucraína estivo baixo o réxime soviético, que pouco ten que ver coa Europa democrática e liberal. Aínda que tamén é certo que durante todo o proceso de expansión da UE cara o leste, esas sociedades máis vinculadas ao mundo rusófono e eslavo foron adaptándose. E reivindicaron moi ben o seu pasado, como é o caso de Praga, que de pronto se converteu nun destino predilecto para os Erasmus. Isto está relacionado coa fórmula da UE para crear ′identidade europea′. Pero, a pesar de que existe unha relación económica importante con Ucraína, o certo é que é a gran descoñecida″, sinala Velasco.

"Unha guerra deste nivel non a coñeciamos desde 1945”, asegura Velasco

Desde 1991, o achegamento de Ucraína a Europa é notable, tamén á Unión Europea á que xa pertencen o resto de países do grupo dos Cárpatos. Mais o interese de Rusia en ter unha saída ao Mar Negro, entre outros, mantivo o conflito activo dentro da Ucraína desde 2014; e agora pasou a un seguinte nivel coa invasión indiscriminada do país. ″Este é un escenario de conflito que vai para longo, a guerra como tal comeza en 2014 pero desde 2008 temos unha sociedade completamente rota. O resultado da polarización e do propio recordo desta guerra rusa en Ucraína vai quedar para xeracións″, apunta o historiador.

Non podemos obviar a guerra dos Balcáns nos anos 90, nin o que acontece en Siria, nin outras tantas ofensivas como as que experimentan o pobo palestino ou afgán. ″Unha guerra deste nivel non a coñeciamos desde 1945. Iso quere dicir que polo menos hai unha xeración en Europa que fixo a maior parte da súa vida sen coñecer unha guerra así. E nós non estamos preparados para enfrontarnos a isto, e máis logo da pandemia da COVID-19. A nosa concepción do espazo, das relacións humanas, e tamén cos Estados, está moi tocada″, salienta Luis Velasco. A ameaza nuclear, neste caso, cámbiao todo.

Exterior dunha galería de arte alternativa na zona histórica de Lviv © Ana G. Liste

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.