"Superamos o impactante fito de dous millóns de persoas refuxiadas que fuxiron da Ucraína en tan só doce días". É o resumo que o pasado día 8 facía o máximo responsable da Axencia da Onu para os Refuxiados (ACNUR), Filippo Grandi, para resumir a grave crise humanitaria desatada tras a invasión de territorio ucraíno por parte de Rusia e a conseguinte guerra.
Apenas dúas semanas despois do estourido do conflito, os datos máis recentes recompilados por ACNUR apuntan a que algo máis da metade desta persoas refuxiadas cruzaron pola fronteira de Polonia. Tamén recibiron importantes continxentes de desprazadas países com Hungría ou Eslovaquia, na contorna das 200.000 con datos do día 8, segundo a mesma fonte. Case cen mil pasaran a territorio ruso e unhas 80.000, a Romanía e Moldavia. ACNUR calcula que arredor de 235.000 tiveron como destino outros países de Europa.
Cómpre ter en conta ademais, subliña a axencia da ONU para as persoas refuxiadas, que unhas 96.000 persoas se tras trasladaran a Rusia dende as rexións do Donetsk e Lugansk (parcialmente baixo dominio ruso) dende o 18 e ata o 23 de febreiro, dous días antes do comezo da guerra cos primeiros bombardeos confirmados polo Goberno que encabeza Vladimir Putin. Neses territorios, a guerra é unha realidade cotiá para a poboación dende hai 8 anos.
ACNUR advirte de que as refuxiadas chegan "conmocionadas" pola violencia e subliña que son "inaceptables" as "discriminacións entre as persoas que foxen da Ucraína" e "calquera acto de racismo debe ser condenado"
Neste contexto, o alto comisionado da ONU para as persoas refuxiadas explica, tras cinco días sobre o terreo, que "nas fronteiras vin un éxodo de persoas, na súa maioría mulleres e nenos" -os homes de 18 a 60 anos teñen prohibido abandonar Ucraína por teren idade para seren chamados a combater-, "conmocionados e profundamente impactados pola violencia". En xeral, mantén Grandi, estas persoas están a recibir unha "cálida acollida", pero cómpre ter en conta que "por tras das frías estatísticas, hai dous millóns de historias de separación, angustia e perda".
Advirte tamén ACNUR de que está a manexar informes sobre "inaceptables discriminacións entre as persoas que foxen da Ucraína". "Expresei a miña preocupación ás autoridades pertinentes", porque "calquera acto de discriminación ou racismo debe ser condenado e todas as persoas deben ser protexidas" nun panorama "estarrecedor" no que a xente "foxe ou se refuxia desta guerra brutal como pode".
A asistencia ás persoas refuxiadas que foxen da guerra da Ucraína segue tendo ecos tamén en Galicia. Así, a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias están a organizar a axuda e máis de vinte cidades do Eixo Atlántico ofrecéronse para a acollida. Esta mesma semana, o Goberno galego mantivo unha xuntanza cos concellos e as principais organizacións non gobernamentais para seguir coordinando o dispositivo.
As ONGD galegas subliñan, ante as diversas mostras de solidariedade, que "a mellor forma de colaborar coa poboación ucraína é a través das organizacións que están a traballar na zona"
Nesta liña, a Coordinadora Galega de ONGD vén subliñando, ante as iniciativas individuais de solidariedade que están a xurdir, que "a mellor e máis eficiente forma de colaborar coa poboación ucraína é a través das ONGD que están a traballar na zona". Así, a entidade lembra que varias ONGD galegas xa están levando a cabo accións de axuda en diversos ámbitos (saúde, infancia, refuxio, acompañamento, alimentación…) nas fronteiras de Ucraína e cos seus países veciños. Agora mesmo, Médicos do Mundo, Entreculturas, Farmamundi, Axuda en Acción ou Educo, xunto as súas ONG amigas na zona, teñen equipos traballando nesta emerxencia.
Tamén advirten das razóns polas que recomendan facer achegas económicas en non en especie dende Galicia. Bens como roupa, medicamentos ou comida poden non ser axeitados ás necesidades da poboación e á situación humanitaria e loxística no terreo, que pode variar rapidamente en situacións de crise e debe ser avaliada constantemente, explica a Coordinadora. Ademais, supoñen custos e dificultades administrativas e loxísticas adicionais (necesidade de embalaxe, trámites nas alfándegas suplementarios, datas de caducidade…).