Tatiana Hunko cruzou Ucraína coa súa filla de 14 anos para poñela a salvo no medio dunha guerra que para ela xa dura 8 anos. Desde Lviv, conta como se están a organizar en grupos de defensa territorial
Tatiana Hunko tivo que explicarlle a súa filla o que era a guerra cando tiña sete anos. Era 2014 en Dnipro, a terceira cidade máis grande de Ucraína. Alí chegaba o conflito da rexión de Donbás, onde cidades como Donetsk e Lugansk mantiñan batallas pola súa independencia apoiadas pola Rusia de Vladimir Putin, que mudou o conflito en guerra o pasado xoves. Esa noite caeron misís en Dnipro e Tatiana veu, por primeira vez, a vida da súa filla realmente en perigo.
Non sabe explicar como, pero convivían co conflito armado. ″Xa estabamos acostumados. Cada día comezaba coas novas do fronte e o reconto de mortos e feridos″, explica. O pasado venres preparou unha maleta e cruzou o país coa súa filla en coche. Levounas ata Lviv –a cidade do oeste do país pola que moitas persoas están cruzando a Polonia– o seu marido, que aínda non chegou de volta a Dnipro, desde onde quere defender o seu país.
″Loitamos pola liberdade que tedes vós″, dixo Zelenski ante a Eurocámara
No sétimo día de guerra en Ucraína desde Unicef alertan de que ″os combates se achegan á poboación civil, aos fogares e ás escolas dos nenos, aos hospitais e aos orfanatos″. Putin está a intensificar a súa ofensiva en puntos clave da capital do país, Kiev, despois de bombardear á poboación civil en Járkiv, a tres horas en coche ao norte de Dnipro. Tras un primeiro encontro entre as delegacións negociadoras rusa e ucraína en Bielorrusia este luns, ambos países manifestaron que volverán reunirse, de momento sen resultados.
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, entrou por vídeoconferencia na reunión do Parlamento Europeo deste martes para apoiar a solicitude formal de acceso á Unión Europea que o seu país remitiu nas últimas horas diante das deputadas e deputados. ″Loitamos pola liberdade que tedes vós″, sinalou Zelenski, que foi partidario da colaboración con Europa desde que accedeu ao poder hai tres anos.
Mentres, milleiros de persoas permanecen sen auga potable nin electricidade. A Oficina do alto comisionado das Nacións Unidas para os dereitos humanos ten verificado o asasinato de 13 menores desde que comezou a guerra. Desde Unicef salientan que hai sete millóns e medio de nenas e nenos ucraínos en risco e aseguran que na crise dos refuxiados pola guerra a metade son menores de idade.
Marina, a filla de Tatiana Hunko, ten agora 14 anos e está colaborando coa súa nai en preparar comida para os militares e civís que están a participar na defensa do país. ″Marina entende perfectamente o que está a pasar″, di Tatiana. En realidade, a nena viviu máis tempo en guerra que en paz. ″Despois dos bombardeos do primeiro día, e ao ver o que estaba a pasar en Járkiv, collín a nena e viñemos para Lviv. Estamos na casa duns compañeiros da asociación de hispanistas de Ucraína″.
Tatiana é a directora do Centro ucraíno-hispano de lingua e cultura da Universidade Nacional Mineira de Ucraína, en Dnipro. Comunícase con Praza.gal nun perfecto castelán. Ten 46 anos e, nos poucos momentos nos que a súa cabeza non está en máxima tensión, empeza a pensar en que a súa non é unha boa idade para comezar unha vida desde cero. A palabra que define o sente agora é "rabia".
″Intentamos axudar en todo e participamos nos traballos de voluntariado, – engade– facemos de comer para os militares e a defensa territorial. Hoxe [por este martes] estivemos varias horas pelando e cortando verduras, e tamén facendo redes de camuflaxe: a xente tráenos roupa vella de cores terra e cortámola en tiras″. Todo isto vai ao fronte e aos grupos de defensa de cada vila: ″Cada pobo se está a preparar para ′recibir′ o agresor″.
"Non te podes sentir segura no medio dunha guerra, pero o máis importante é ser útil", asegura Tatiana Hunko
Un milleiro de quilómetros separan Dnipro de Lviv. Alá deixaron aos seus pais e avós, primos, cuñados amigos, alumnos... ″O meu mundo″, resume Tatiana, quen recoñece que o luns foi quen de durmir por primeira vez. ″Agora estou tranquila, dentro do que cabe. Non te podes sentir segura no medio dunha guerra, pero o máis importante é ser útil. Loitar″. Ela e Marina están agora ao outro lado do país, onde tamén chegaron as bombas. ″Varias veces ao día dan avisos e hai que baixar ao refuxio [que para elas é o soto do edificio de vivendas no que se atopan]″.
″Estou furiosa. Os primeiros días foron de shock total. Agora saíume da profundidade da alma unha rabia incontida. Síntome capaz de facer cousas que nunca imaxinara. Que veñan [di en referencia ás tropas enviadas por Putin] porque se teño a miña filla a salvo non lle teño medo a nada″, confesa. Está disposta a facer o que sexa necesario para recuperar a súa vida e volver a unha casa na que acababa de pintar as paredes do salón e de terminar de pagar o coche novo. Cousas que eran importantes e agora resultan triviais.
"Pido que a xente levante a voz e conte o que nos está a pasar"
Pensou en cruzar a Polonia, desde Lviv teno máis doado porque está a uns 80 km da fronteira, mais aínda sente que poden permanecer a salvo en Ucraína. De momento, non quere abandonar o seu país: ″Son ucraína, amo a miña terra e non vou permitir que a destrúan″. Marchou de Dnipro por Marina. ″Era necesario –asegura– como nai penso na miña filla antes que noutra cousa″.
″Din que aquí ninguén quería facer o servizo militar, pero agora todo o mundo quere ir loitar á guerra. Están alistándose no exército ou na defensa territorial″, conta Tatiana. Ela coñece a máis persoas que decidiron ficar no país que as que optaron por marchar.
Gustaríalle que houbese unha reacción política máis rápida, ″que se dean máis pasos e se tomen medidas máis drásticas e concretas″. Con todo, afirma que lles está a chegar a solidariedade de todo o mundo: ″No que se refire á xente o apoio é marabilloso. Mandan cartos, medicamentos... Eu pido que a xente levante a voz e conte o que nos está a pasar″. Para Tatiana esta guerra xa dura oito anos. ″Sempre souben que os rusos eran capaces de todo″, lamenta.