Guerra en Europa: Rusia xa bombardea na Ucraína

Mapa dos territorios da Ucraína lindeiros con Rusia e imaxe de Putin anunciando os ataques CC-BY-SA Praza.gal

Hemeroteca

Guerra en Europa. As tensións crecentes que nos últimos meses se viñeron sumando á guerra de baixa intensidade que xa se remonta a hai case unha década estouraron na pasada noite do 23 ao 24 de febreiro deste 2022 con bombardeos de Rusia contra a Ucraína e as primeiras incursións terrestres dende Crimea. O presidente ruso, Vladimir Putin, anunciou nunha mensaxe televisada o inicio dunha operación militar que cinguiu ás "repúblicas populares do Donbás", as contornas en territorio ucraíno controladas por pro-rusos que recoñecera días antes como independentes, se ben a incursión vai moi alén.

Defende Putin que Rusia quedou "sen outra opción" para "protexerse" e que as "circunstancias nos obrigan a tomar medidas decisivas e inmediatas". Esas circunstancias, xustificou, son o que cualifica de "xenocidio e intimidación por parte de Kiev durante oito anos". O goberno ucraíno e entidades supranacionais como a Unión Europea negan que tal xenocidio se producise.

Con este pano de fondo, Ucraína declarou a lei marcial e resta valor ao anuncio de Putin segundo o cal os bombardeos non afectarán a poboación civil. "Somos fortes, estamos preparados para todo", asegura o presidente do país atacado, Volidímir Zelenski, mentres o seu goberno ve claro que as operacións militares rusas non teñen máis intención que a de "destruír o Estado ucraíno, apoderarse do seu territorio" e ocupalo permanentemente.

Alén do enfrontamento militar e do tirapuxa diplomático, diversos medios internacionais reportan dende o comezo do ataque escenas que evocan moitos outros conflitos bélicos do pasado, caso dos Balcáns na década fina do século XX, e que atinxen á poboación civil. Sereas alertando a veciñanza de Kiev, a capital da Ucraína ou enormes fileiras de vehículos con persoas tentando fuxir a lugares potencialmente máis seguros. Mentres, a ONU clamou polo cesamento do ataque e o regreso ás canles diplomáticas.

Putin, anunciando os bombardeos contra Ucraína, nunha imaxe divulgada polo seu Goberno © Imaxe divulgada polo Kremlin

Posición do Goberno de España

O Executivo de Pedro Sánchez, que asiste a un cumio extraordinario da UE polo conflito bélico, suspende a Conferencia de Presidencias Autonómicas e convoca o Consello de Seguridade Nacional

Pouco despois de que Rusia comezase os bombardeos, o Goberno de España emitiu un primeiro comunicado oficial para "condenar enerxicamente a invasión militar de Ucraína por parte da Federación Rusa". "É unha agresión completamente inxustificada, dunha gravidade inédita, e unha violación flagrante do dereito internacional que pon en risco a seguridade global", subliña o Executivo de Pedro Sánchez, que reúne este xoves o seu Consello de Seguridade Nacional baixo a presidencia do Xefe do Estado.

O Executivo español esixe o "cesamento inmediato das hostilidades antes de que se multiplique o número de vítimas" e "o retorno das tropas ao territorio internacionalmente recoñecido da Federación Rusa". "Estamos -acrecenta- coordinados cos socios da UE e aliados da OTAN para unha resposta adaptada á gravidade da actuación ilegal da Federación Rusa". Esa posición común concretarase nun Consello Europeo extraordinario, convocado de urxencia para este mesmo xoves e ao que asiste Sánchez, quen suspendeu a Conferencia de Presidencias Autonómicas que ía celebrar na Palma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.