A chamada crise de Ucraína está sendo un bo termómetro para medir a temperatura actual do escenario internacional, os cambios rexistrados a respecto do pasado e as incógnitas que se abren para o futuro.
A pesar de que conserva unha indiscutíbel hexemonía militar, os USA veñen ofrecendo indicios reveladores dunha maior febleza na area internacional. A Rusia de hoxe non ten a influenza que posuía a vella URSS.
Se houbera que enumerar os principais actores presentes, directa ou indirectamente, nesta crise, non existirían dúbidas: os USA (e a importante alianza militar que representa a OTAN); Rusia; a UE e China. Se tiveramos que facer o mesmo hai 60 anos para ilustrar o sucedido na illa de Cuba coa instalación de mísiles naquel territorio, o catalogo reduciríase a dous protagonistas decisivos: os Estados Unidos e a URSS. Velaquí un indicador moi significativo das diferenzas entre ambas situacións.
A pesar de que conserva unha indiscutíbel hexemonía militar, os USA veñen ofrecendo indicios reveladores dunha maior febleza na area internacional: os fracasos da súa intervención armada en Iraq e Afganistán; a forte polarización que se vive no seo da sociedade norteamericana -da man do “trumpismo”- e a grave perda de calidade democrática que se manifesta nas estruturas institucionais e que tivo a súa máxima expresión no intento de ocupación do Capitolio nos primeiros días do 2021; as dificultades para promover un desenvolvemento económico inclusivo...
A Rusia de hoxe non ten a influenza que posuía a vella URSS. A pesar de que conserva unha capacidade militar moi considerábel, padece importantes eivas na súa arquitectura política interna e na súa estrutura económica. Hai 20 ou 30 anos semellaba evidente que, nunha comparativa con China, Rusia resultaba dominante para a maioría dos analistas. Hoxe ninguén cuestiona a superioridade económica do pais asiático e a súa maior capacidade para tecer vínculos e alianzas en diversos continentes do planeta.
A imaxe que está ofrecendo a UE neste conflito é debedora da coñecida inexistencia dunha política exterior común e da súa dependencia militar dunha organización -a OTAN- na que os Estados Unidos dispoñen dunha hexemonía pouco discutíbel
A imaxe que está ofrecendo a UE neste conflito é debedora da coñecida inexistencia dunha política exterior común e da súa dependencia militar dunha organización -a OTAN- na que os Estados Unidos dispoñen dunha hexemonía pouco discutíbel. A esta realidade cuase xenética, engádense novos factores que provocan un maior debilitamento: a saída de GB do club comunitario, o nivel de dependencia enerxética de Alemaña co gas procedente de Rusia e a presenza dalgúns novos Estados do leste que manteñen posicións afíns con certas políticas que promove Putin. Os aspectos mais positivos que se predican habitualmente cando se fala da UE (presenza de determinados países que teñen niveis de benestar social e de solvencia democrática superiores aos que se constatan na grande maioría dos territorios do mundo) non cotizan suficientemente no mercado da xeopolítica e provocan esta situación de subalternidade da principal alianza europea.
A saída negociada a este conflito debería ser quen de harmonizar dous obxectivos desexábeis: a non presenza de Ucraína na OTAN (para non alimentar dinámicas de belixerancia contra Rusia) e o respeto á libre decisión de cada nación sobre a súas políticas de alianzas internacionais
Descartada -por pouco verosímil- a hipótese da confrontación bélica, a saída negociada a este conflito debería ser quen de harmonizar dous obxectivos desexábeis: a non presenza de Ucraína na OTAN (para non alimentar dinámicas de belixerancia contra Rusia) e o respeto á libre decisión de cada nación sobre a súas políticas de alianzas internacionais (clausurando a vella teoría das “soberanías limitadas” vixente durante a “guerra fría”). Se hai vontade política, existe marxe suficiente para acordar os termos dunha solución satisfactoria para todas as partes involucradas.
En calquera caso, esta crise podería ser unha oportunidade para discutir -e, no seu caso, revisar- a pertinencia da continuidade da OTAN tal e como foi creada no seu momento. Hai trinta anos, cando desapareceu a URSS, perdeuse unha ocasión única para substituír a política de bloques e abrir unha nova lóxica nas relacións internacionais. Tal e como se ten lembrado nestes días, a Administración norteamericana daquela época asumiu -ante Gorbachov- o compromiso de non ampliar a Alianza Atlántica nos territorios europeos do que fora o Pacto de Varsovia. Polo que se viu posteriormente, aquela promesa non se cumpriu.