O Palacio do Elíseo converteuse este luns nun cuartel xeral europeo con tinguiduras bélicas. Francia convocou os seus socios de Alemaña, Italia, España, Polonia, Países Baixos, Dinamarca e mais Reino Unido para saber como responder ao novo escenario da guerra en Ucraína e a unha posible negociación de paz con Rusia forzada polos Estados Unidos. O presidente galo, Emmanuel Macron, escoitou do primeiro ministro polaco unha alegación a prol dun rearmamento do continente, acantoado entre o belicismo do oso ruso e o illacionismo norteamericano.
Estades preparados para tomar unha seria decisión?, preguntoulles o polaco Donald Tusk aos seus colegas europeos. Nun artigo editorial no diario The Telegraph, o primeiro ministro británico xa respondera antes de viaxar a París que si, afirmando "estar listo e disposto" a enviar soldados do seu país como forza de intermediación, sendo "moi consciente da profunda responsabilidade" desta medida co obxectivo de "contribuír ás garantías de seguridade" requiridas por Kiev.
Bruxelas contaría con instrumentos legais e músculo financeiro para unha misión de paz, posibilidade que secundan varios países a xuntanza de París. Alemaña e España rexéitano mentres dure a guerra
"Afrontamos", escribiu Keir Starmer, "o momento decisivo dunha xeración a prol da seguridade colectiva do noso continente", por iso anunciou que Reino Unido estaría preparada para enviar "tropas de paz" a Ucraína "se é necesario". Alemaña rexeita adoptar unha misión semellante, que o chanceler Olaf Scholz considera "altamente inapropiada" xulgando que "non é o momento" coa guerra en marcha e propondo como alternativa "un exército ucraíno moi forte mesmo en tempos de paz".
España comparte as teses de Alemaña pero non descarta a súa participación futura coa fin da guerra. Tras rematar a reunión en París, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tamén rexeitou o envío agora de tropas porque "aínda estamos en guerra e o importante é que as conversas que se van abrir non dean un peche en falso, deben dar unha xanela de oportunidade para unha paz xusta e duradeira". "Superar esta crise debe traer unha UE máis forte, ante as adversidades necesitamos máis Europa", engadiu Sánchez. Ademais, o presidente considerou "prematuro" tratar o envío de tropas de paz a Ucraína porque "aínda hai guerra no país". "Aínda estamos en guerra en Ucraína, hai soldados alí defendendo a independencia e a seguridade do seu país e o modelo europeo. Non se deron aínda as condicións de paz para pensar niso", afirmou.

Os socios comunitarios manteñen de momento a unanimidade sobre unhas condicións sine qua non ao falar de Ucraína, aínda que as fisuras empezan a abrirse. Esixen que Ucraína e a UE participen nas conversas de paz, o respecto á integridade territorial de Ucraína "nunha paz xusta e duradeira", é dicir, con Rusia retirada e pídese a seguridade de Kiev, pero aí saltan as diverxencias.
Scholz considera "altamente inapropiado falar de enviar tropas europeas mentres no flanco oriental xa hai despregadas oito misións internacionais con milleiros de soldados de Europa
A Administración Trump non quere a Ucraína dentro da OTAN e esixe esa misión de paz liderada polos europeos con Estados Unidos á marxe. Sánchez evitou aclarar como garantirían os europeos que "non poidamos atoparnos dentro dunha serie de anos cunha crise aínda maior", pero abriu a porta a que España envíe soldados se termina a guerra. "Se se produce este resultado, pois terá que contar coa solidariedade de todos os aliados, de todos os aliados".
O paso dado por Londres abre un debate silenciado e incómodo. Só Emmanuel Macron se atrevera a falar abertamente da presenza de soldados europeos en chan ucraíno, pero Francia circunscribíao dentro da misión de asistencia militar a Kiev, superando unha liña vermella como antes se fixo "cos mísiles de longo alcance ou os tanques". Macron mencionouno hai un ano pero recoñeceu que "non había acordo" a respecto diso e xerou suspicacias en varias capitais europeas.
Fóra da reunión de París, pero cos ollos e oídos nela, outros socios europeos recolleron o testemuño británico. A ministra sueca de Exteriores, asegurou que "cando haxa paz, debe manterse" e que o seu Goberno "non exclúe nada", en referencia a tropas en Ucraína. Tampouco Bélxica desbota xa formar parte dun eventual e futuro continxente militar de paz. "Xa temos tropas estacionadas en Romanía. Poderiamos avanzalas uns centos de quilómetros", recoñeceu Theo Franken, o novo titular de Defensa.
A Defensa europea ante a encrucillada ucraína
A Unión Europea contaría cun instrumento financeiro dotado de 17.000 millóns de euros até 2027 para embarcarse nunha misión tan arriscada, financiando o envío de tropas que garantisen a paz e seguridade en Ucraína, discutidas este luns en París entre os mandatarios dos oitos países europeos.
É o Fondo Europeo para a Paz, un instrumento da UE que non está financiado polos orzamentos comunitarios senón por contribucións de cada país. Con este instrumento sufragáronse algunhas das entregas de axuda militar a Kiev, compras conxuntas de material bélico dos Estados Membros ou proxectos de investimento en futuro equipamento e tamén operacións e misións no estranxeiro.
Ademais deste instrumento financeiro, a UE conta coa Axencia Europea de Defensa, EDA, un organismo creado hai 17 anos que leva gañando protagonismo desde o 2022. O seu orzamento é de 48.000 millóns de euros e nela participan os 27 Estados Membros e mais Noruega. Como o Fondo para a Paz, esta Axencia pon en marcha "programas para o desenvolvemento de capacidades, o adestramento, as compras conxuntas, así como a innovación e o I+D" no ámbito militar.
A artillaría europea despregada podería contar con munición paga polos orzamentos comunitarios, xa que a EDA leva máis dun ano realizando compras conxuntas do calibre 155 mm ás fábricas do continente. Canóns franceses, alemáns, polacos e eslovacos presentes en todos os exércitos europeos, tamén no español, estarían fornecidos. As forzas armadas de varios países tamén recibiron grazas a estes fondos novos equipos NBQ, os traxes ante catástrofes biolóxicas, químicas ou nucleares, necesarios en terreos como Chernobyl ou Zaporiyia.
Ademais da cuestión loxística, o flanco oriental europeo conta agora mesmo con oito misións de seguridade de miles de soldados europeos, unha experiencia para unha despregadura en Ucraína. En Romanía hai un Grupo de Combate Multinacional, un batallón da OTAN comandado este ano por España, pero tamén unha misión área con cazas de combate e baterías antimísiles. En total, preto de 5.000 soldados. En Eslovaquia hai outro grupo multinacional con soldados romaneses, checos ou eslovenos. Outro battle group da OTAN está despregado en Letonia, preto da fronteira rusa, co tamaño dunha brigada formada por 13 países, liderados por España e Canadá, pero con soldados de Italia, Polonia, Suecia ou Dinamarca. En Estonia hai outro battle group liderado por Reino Unido e Francia e do de Lituania encárganse Alemaña, Bélxica ou Países Baixos.
París mostra un cambio de mentalidade
Sánchez insistiu que os países europeos non acepten "calquera paz en Ucraína" e reprochou a actitude da Administración Trump porque "a voz de Europa debe ser escoitada" e non pode haber "seguridade de Europa sen Europa"
A reunión de París estivo cargada de realismo político porque as grandes potencias da UE e o Reino Unido deben decidir a posición que adoptar fronte a Trump e que axuda militar van seguir ofrecendo a Ucraína, se é que paga a pena a medio prazo. A presenza de Londres serviu para mostrar que a arquitectura de seguridade do continente e o impacto que terá nela un acordo de paz imposto por Estados Unidos transcende á UE. No encontro, o presidente Sánchez criticou as negociacións de paz formuladas pola Casa Branca xa que deberían basearse en "os principios nos que se sustenta a orde internacional, onde non se dea un recoñecemento ao agresor fronte ao agredido".
Fontes do Goberno confirman que Sánchez insistiu que os países europeos non acepten "calquera paz en Ucraína" e reprochou a actitude da Administración Trump porque "a voz de Europa debe ser escoitada" e non pode haber "seguridade de Europa sen Europa". Pero ao seu lado, a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, tamén presente no encontro, apremou a "un cambio urxente de mentalidade e un aumento en defensa" apremando a que ambas se dean xa.

Ademais do veto entre algúns gobernos europeos á presenza das súas propias tropas en Ucraína, a unilateralidade de Trump e os seus desprezos aos seus socios do continente tamén están a derrubar liñas vermellas políticas no seo da UE. Nunha mensaxe inusual para unha formación pacifista, o presidente do Partido Verde Europeo, a plataforma política que sustenta ao importante grupo na Eurocámara, celebrou a reunión convocada polo Elíseo. Ciarán Cuffe insistiu que os líderes debían "demostrar a habilidade da UE para alzarse a rol da seguridade europea porque o futuro de Ucraína e de Europa non pode deixarse en mans de Putin e Trump".
Europa ante o espello de hai un século, como no salto decimonónico, pero sen os seus vellos imperios coloniais nin a hexemonía de outrora. Para o momento actual ben poderían recuperarse as palabras de Winston Churchill nun discurso para as eleccións de 1922, cando se referiu "á longa serie de sucesos desastrosos que ensombreceran" o primeiros vinte anos do pasado século. Como nun déjà vu, "onde se erguera unha estrutura organizada, pacífica e próspera de sociedade civilizada", en pleno 2025 oito grandes potencias europeas discutiron agora se están preparadas para soster o esforzo bélico dun terceiro país, Ucraína, mentres o multilateralismo e o dereito e as institucións internacionais viran en cachizas.