Trump desprega a súa axenda ultra dende o inicio: "Perforar e perforar", leis tránsfobas e blindar as fronteiras

Primeiro acto de Trump tras volver ser investido como presidente dos EUA; escenificando nun estadio a sinatura das súas primeiras ordes © Casa Branca / Goberno dos EUA

USA! USA! Entre aclamacións e aplausos, refuxiado do frío invernal de Washington entre as paredes do Capitolio, Donald Trump tomou posesión este luns como 47º presidente dos Estados Unidos. Unha nova era Trump. Apenas catro anos despois de abandonar o cargo, o magnate estadounidense regresa á Casa Branca blindado polo Tribunal Supremo e con maioría tanto na Cámara de Representantes como no Senado. Unha lexislatura, a priori, libre de contrapesos para devolver a Estados Unidos ao lugar que lle corresponde: o de primeira potencia do mundo. Make America Great Again.

O xa presidente dos EUA preséntase no seu regreso como o home elixido por Deus para rescatar o país da "decadencia"

"A idade de ouro dos Estados Unidos empeza neste instante". Estas foron as súas primeiras palabras como presidente, tan só uns minutos despois de xurar o cargo sobre a Biblia e unha hora escasa máis tarde do recibimento oficial na Casa Branca -esta vez si- por parte do xa ex-presidente, Joe Biden. "Desde este día en diante o noso país vai florecer, vai volver a ser respectado en todo o mundo. A nosa prioridade será crear unha nación orgullosa, prospera e libre", insistiu, nun discurso inaugural cun marcado ton nacionalista. O declive de Estados Unidos terminou. America First.

Trump xura o cargo como presidente dos EUA, este 20 de xaneiro

Entre os asistentes, moitos dos principais líderes da extrema dereita internacional. Javier Milei, Giorgia Meloni, Viktor Orbán, Nayib Bukele ou Santiago Abascal. En primeira fila, e acompañando á propia familia de Trump, colocouse o propietario de X, Elon Musk. Pero non era o único. Jeff Bezos, Mark Zuckerberg, Sundar Pichai, Shou Chew... Os homes máis ricos do mundo tamén fixeron acto de presenza.

"Tentaron acabar coa miña vida", lembraba en relación aos dous intentos de asasinato dos que foi vítima durante a campaña. "Hai uns meses, nun campo de Pensilvania, unha bala voou pola miña orella. Sentino. Agora creo máis que nunca que hai unha razón pola que sigo vivo: Deus permitiume volver converter a Estados Unidos nunha gran nación".

Identifica con "sentido común" a cancelación de solicitudes de asilo para persoas migrantes

Tampouco escatimou nas críticas á administración demócrata saínte. "O noso goberno enfronta unha crise de confianza. Temos un goberno que non é capaz de xestionar unha crise sinxela nin na casa nin fóra. Un goberno que deu fondos ilimitados á defensa de fronteiras estranxeiras pero que se nega a defender as súas fronteiras, ou o que é máis importante, ao seu propio pobo", criticou con dureza en referencia a outro dos temas que marcou o groso da súa campaña electoral: a crise migratoria.

Como parte da súa "revolución do sentido común", Trump anunciou a declaración de "emerxencia nacional" na fronteira sur do país, a fronteira con México. "Deterase inmediatamente toda entrada ilegal, e comezaremos o proceso de devolver a millóns e millóns de estranxeiros criminais aos lugares de onde viñeron. Enviarei soldados e tropas á fronteira sur para repeler a vergoñenta invasión do noso país", proclamou. Unha medida que non se fixo esperar. No momento mesmo que o acto de investidura chegaba á súa fin, CBP One, o sistema de solicitude de asilo estadounidense, pechou, deixando sen cita a miles de solicitantes. Tampouco se libra a concesión de cidadanía por dereito de nacemento, que se retirará aos fillos de inmigrantes en situación de irregularidade.

Elon Musk, un dos novos principais asesores de Trump, realiza o saúdo fascista ante os seguidores do novo presidente dos EUA

Expansionismo, negacionismo climático, transfobia

Ameazas expansionistas, negacionismo climático e transfobia. Trump retomou algunhas das propostas que fixeron saltar as alarmas internacionais nas últimas semanas. O magnate reiterou a súa intención de "retomar" a canle de Panamá, tras acusar o país centroamericano de incumprir os tratados con Estados Unidos. "China está a operar a Canle de Panamá e non llo demos a China, démosllo a Panamá. Ímolo recuperar". Un cambio máis: o Golfo de México pasará a chamarse o Golfo de América.

O magnate reitera a súa intención de "retomar" a Canle de Panamá, retira os EUA do Acordo Climático de País e exclúe as persoas trans de institucións públicas como escola ou exército

As políticas climáticas sufrirán igualmente un enorme revés durante o seu mandato. "Estados Unidos vai volver a ser un país industrial e, para iso, temos algo que ningunha outra nación industrial ten: a maior cantidade de petróleo e de gas do mundo", subliñou. "Imos perforar, baby, imos perforar". Pero non só iso. Trump volve sacar a Estados Unidos do Acordo Climático de París e elimina os subsidios para a compra de vehículos eléctricos.

Tamén anunciou a emisión dunha orde executiva para que o goberno federal só recoñeza dous sexos: "Masculino e feminino". "Acabarei coa política do Goberno para utilizar o xénero como arma de enxeñaría social", advertiu pouco antes de anunciar a exclusión das persoas trans de institucións públicas como a escola ou o exército.

"O meu legado máis orgulloso será o de ser un pacificador, alguén que unifica". Trump non se esqueceu da política exterior, un dos temas que lastrou á administración do seu predecesor. "Desde onte, un día antes de asumir o cargo, os reféns en Oriente Próximo volven a casa coas súas familias", presumiu en relación o alto o fogo alcanzado entre Gaza e Israel. "Soñemos con audacia e nada se interporá no noso camiño. Somos estadounidenses. O futuro é noso", sentenciou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.