"Este regreso espectacular de Trump viuse alimentado por unha certa angustia percibida polos estadounidenses. Baixo a presidencia de Biden moitos norteamericanos alimentaron o sentimento de ter perdido terreo no económico, sendo a economía o factor determinante no sentido do seu sufraxio"
Donald Trump vai ser o novo presidente dos Estados Unidos, iniciando un segundo mandato oito anos despois da súa primeira vitoria en 2016. O líder republicano gañou con claridade as eleccións celebradas este martes, obtendo unha ampla maioría tanto nos votos electorais necesarios para ser investido coma no voto popular. Os conservadores controlarán ademais o Senado e, probablemente, a Cámara de Representantes. Un poder case absoluto que deixa as mans libres ao controvertido mandatario para aplicar a axenda coa que se presentou aos comicios: baixadas de impostos, suba de aranceis, freo ás regulacións medioambientais, limitación de dereitos e cambios na política exterior.
Que vai mudar na política exterior estadounidense? Podemos esperar unha maior tensión comercial con China? Un achegamento a Putin e a retirada dos apoios militares a Ucraína? Cambios na actualmente estreita relación entre os EUA e a Unión Europea? Mudanzas en Oriente Medio? Falamos con David Alvarado, profesor de Ciencia Política na Universidade de Vigo, consultor internacional, director do Observatorio Internacional para a Paz e sobre as Migracións (OIPAMI), investigador asociado do Centre d’Études et Recherches en Sciences Sociales (CERSS), entre outros, e autor de varios libros.
Pídoche primeiro unha valoración dos resultados. Dende fóra dos EUA sorprende que unha persoa como Trump poida gañar as eleccións, sobre todo despois do asalto ao Capitolio en xaneiro de 2021. Que factores explican o seu triunfo e a derrota de Biden/Harris? O seu triunfo explícase máis polo poder da figura de Trump ou pola debilidade da súa alternativa?
A vitoria de Trump era esperada. A maioría de sondaxes daban como vencedor ao candidato republicano, se ben gustabamos de agarrarnos a aqueles indicios que desbotaban calquera escenario como o que finalmente se produciu. O cambio de candidato e o auxe inicial nas enquisas de Kamala Harris, que se presentou coma una sorte de revulsivo, non agochaba que se trataba dunha pouco coñecida candidata, sen carisma nin capacidade de liderado, que non dominaba ben os temas, sen programa económico nin de política exterior, que se limitaba a pasear a súa simpatía ao longo da xeografía estadounidense. Malia os apoios de callado que recibiu, nunca foi unha candidata á altura dunhas presidenciais, até o punto que nin tan sequera o temor a unha reelección de Trump mobilizou a unha lexión de abstencionistas socioloxicamente demócratas.
"A falta de tirón de Harris confírmase no feito que latinos, afroamericanos, mulleres e xoves votaron por Donald Trump en proporcións bastante sorprendentes, cando menos en comparación con recentes escrutinios"
A falta de tirón de Harris confírmase no feito que latinos, afroamericanos, mulleres e xoves votaron por Donald Trump en proporcións bastante sorprendentes, cando menos en comparación con recentes escrutinios. Historicamente os electores afroamericanos votaron maioritariamente ao partido demócrata, pero este ano Trump obtivo arredor do 20% dos seus sufraxios, fronte ao 12% en 2020. E o mesmo no que concirne ao voto latino, que se incrementou de xeito exponencial con respecto ás últimas eleccións. Do mesmo xeito, estímase que Harris obtivo arredor dun 54% de sufraxios femininos, que é inferior ao 57% que obtivo Biden en 2020. Por franxas de idade, o apoio demócrata tamén diminuíu lixeiramente, estimándose que un 50% dos menores de 30 anos votaron por Kamal Harris, fronte ao 60% dos electores desta franxa de idade que sostivo a Biden en 2020. Ao contrario, e como dato curioso, o apoio a Donald Trump diminuíu entre os maiores de 65 anos.
Este regreso espectacular de Trump viuse alimentado por unha certa angustia percibida polos estadounidenses. Baixo a presidencia de Biden moitos norteamericanos alimentaron o sentimento de ter perdido terreo no económico, sendo a economía o factor determinante no sentido do seu sufraxio. A mensaxe populista do candidato republicano permitiu ampliar a súa base alén da clase obreira branca e que o populista Trump volva facerse co poder sendo máis popular e máis poderoso que nunca tras ter desafiado unha vez máis as regras e convencionalismos da política. O realmente sorprendente é que a percepción de crise non se corresponde coa vívida realidade dun país onde o PIB medra ininterrompidamente desde fai décadas, exceptuando os anos da crise financeira e da Covid-19, tendo mesmo incrementado os salarios no 2023 un 4,5%, algo máis dun punto por riba da inflación, situándose a taxa de desemprego por debaixo do 4%, sendo a máis Baixa desde a década de 1970. Neste mundo que privilexia as representacións en detrimento do real é onde o populismo ultra medra e se asenta a vitoria sen paliativos de Donald Trump.
Que efectos inmediatos vai ter na política internacional? Veremos unha política máis isolacionista de Washington?
"A vitoria de Trump significa menos previsibilidade, menos cooperación cos aliados tradicionais de Estados Unidos e máis tensións comerciais, sendo a economía o eixo sobre o que se artellará a estratexia no novo mandatario"
A vitoria de Trump implicará sen dúbida a acentuación da tendencia xa iniciada por Barack Obama de retirarse paulatinamente dos problemas e casuísticas das relacións internacionais contemporáneas. Tralo impacto interno que supuxeron os atentados en solo estadounidense no 2001 e a “guerra contra o terrorismo” de George W. Bush, Obama inicia unha nova dinámica exterior marcada polo retraemento dos problemas internacionais e a delegación en terceiros actores por parte de Washington. Inaugúrase a doutrina do Smart Power (“poder intelixente”) con Hillary Clinton como secretaria de Estado, conxugando vectores de Hard Power e Soft Power, apoiándose no multilateralismo, desconfiando da intromisión en novos conflitos e escenarios e tan só protagonizando intervencións directas moi puntuais, ao contrario do que era habitual por parte de Estados Unidos.
Trump mantén esta lóxica cada vez menos intervencionista, coa agravante que este presidente non dubida en poñer en cuestión a orde internacional, atacando o multilateralísimo, sacando ao seu país de instancias coma a Organización Mundial do Comercio ou do Acordo de París e todo adobiado de grandes doses de nacionalismo e populismo con respecto á xeopolítica, que é altamente politizada, en clave interna, polo histriónico mandatario. A súa reacción isolacionista fronte á pandemia da Covid-19 deixa ben ás claras esta orientación. A imprevisibilidade é outra característica da política exterior de Trump, dando ao traste con alianzas tradicionais e apostando por novos tratados custosos e inútiles. Trump gábase que baixo o seu mandato non houbo conflitos, o cal non é certo e, doutra banda, na súa deriva sitúase a xénese de moitas das desordes que caracterizan o mundo actual.
"Trump gábase que baixo o seu mandato non houbo conflitos, o cal non é certo e, doutra banda, na súa deriva sitúase a xénese de moitas das desordes que caracterizan o mundo actual"
Outra achega de Trump á política internacional é a amoralidade da súa deriva exterior, sen importarlle a calidade democrática dos seus interlocutores, non amosando reticencia algunha á hora de asinar tratados con líderes autoritarios e pouco respectuosos dos dereitos humanos. Neste senso, semella plausible que Trump continúe a súa acción internacional exactamente onde o deixou. A fascinación por Putin de Trump é sen paliativos, o cal implicará o desleixo americano da Ucraína, cuxa sorte dependerá do posicionamento que adopte e o grao de implicación que a UE decida adoptar.
Cambiará algo en Oriente Medio, especialmente na relación entre os EUA e Israel? Pódese esperar un agravamento das tensións con Irán?
Tras recoñecer a capitalidade israelí de Xerusalén e promover os Acordos de Abraham, non podemos descartar que con Trump á fronte se sancione a anexión de parte de Gaza por parte do exército de Netanyahu. Tamén e plausible o mantemento da tensión con China e con Irán, pero isto pode depender de Rusia, que gana un maior protagonismo na escena internacional con Trump como presidente. Veremos.
"As fracturas na UE veranse agravadas baixo Trump, que promete rachar a unidade transatlántica con respecto a cuestións tan sensibles como a guerra na Ucraína, debilitando a OTAN e dando pulo ao populismo ultraconservador encarnado por líderes como Orban ou Meloni"
Que cambia nas relacións entre os EUA e a UE, tanto políticas como económicas? Haberá cambios na OTAN?
Trump non deixou de multiplicar as provocacións contra Europa durante a campaña electoral, chegando a tildar á UE de “mini-China”. Os seus primeiros catro anos de presidencia, de 2016 a 2020, centráronse na retirada do Reino Unido da UE, a suposta competencia desleal de Bruxelas a nivel comercial ou as contribucións orzamentarias dos países europeos membros da OTAN. No plano comercial, Trump ten ameazado con impoñer aranceis a todas as importacións, sendo Estados Unidos o principal socio comercial da UE. A Comisión Europea está a deseñar posibles medidas de represalia se estas taxas entran en vigor, se ben a presión e aranceis comunitarios non modificaron un ápice a política de Trump durante o seu primeiro mandato. Doutra banda, as fracturas na UE veranse agravadas baixo Trump, que promete rachar a unidade transatlántica con respecto a cuestións tan sensibles como a guerra na Ucraína, debilitando a OTAN e dando pulo ao populismo ultraconservador encarnado por líderes como Orban ou Meloni. Sen posibilidade dunha nova reelección, é posible que Trump non se limite o máis mínimo e, seguindo os seus impulsos, adopta medidas que afecten á relación bilateral, a economía e á seguridade europeas.
E todo coa agravante de que o continente non atravesa un período de estabilidade política, con gobernos coma o de Francia e Alemaña afectados pola auxe da extrema dereita, e unhas evolucións económicas morosas, que non son quen de reducir a fenda con Estados Unidos e China. Doutra banda, Trump conta con aliados coma o primeiro ministro húngaro, os flamantes dirixentes austríaco e eslovaco, así como a italiana Giorgia Meloni. O presidente estadounidense non dubidará en instrumentalizar estes perfís para dividir aínda máis á UE e acadar os seus obxectivos. A cambio, os líderes da ultra dereita veranse apoiados por Estados Unidos, debilitando a unidade europea e cun impacto certo nos comicios alemáns de 2025 e franceses de 2027.
"O desafío máis inmediato é o da guerra na Ucraína. Trump prometeu negociar un acordo de paz “en 24 horas”. Segundo o Washington Post, a estratexia baséase en presionar á Ucraína para que ceda a Rusia a Península de Crimea e o Donbás, coa esperanza de que Moscova acceda a asinar a paz en contrapartida"
Como afectará a vitoria de Trump ao curso da guerra en Ucraína?
O desafío máis inmediato é, quizais, o da guerra na Ucraína. Trump prometeu negociar un acordo de paz “en 24 horas”, eventualidade que inquieta a Kiev. Segundo publicou o Washington Post, a estratexia de Trump baséase en presionar á Ucraína para que ceda a Rusia a Península de Crimea e o Donbás, coa esperanza de que Moscova acceda a asinar a paz en contrapartida. Amais, a dependencia europea de Estados Unidos en materia defensiva tamén deixa á UE con pouca marxe de manobra con respecto ao futuro da OTAN, se ben non semella plausible que Trump chegue a abandonar a Alianza. O máis probable é que non lle preste a debida atención, desprovendo á OTAN de lexitimidade e capacidade operativa polo enorme peso que ten Washington na Alianza. Algún analista mesmo ten avanzado a hipótese de que Trump incite a Moscova a atacar aos aliados que non gasten o suficiente en Defensa, tal e como insinuou en febreiro e que, por moi surrealista que pareza, é unha opción a non descartar á luz da imprevisibilidade e impulsividade do presidente electo.
"A dependencia europea de Estados Unidos en materia defensiva tamén deixa á UE con pouca marxe de manobra con respecto ao futuro da OTAN, se ben non semella plausible que Trump chegue a abandonar a Alianza"
Trump distinguiuse pola súa hostilidade dialéctica cara a China. A súa vitoria implica un maior risco dunha guerra comercial co país asiático? Aumentarán as tensións militares no Mar da China e en relación a Taiwan?
Á luz da experiencia previa, podemos dar por certo que a vitoria de Trump significa menos previsibilidade, menos cooperación cos aliados tradicionais de Estados Unidos e máis tensións comerciais, sendo a economía o eixo sobre o que se artellará a estratexia no novo mandatario. Segundo estas constantes, a política ao encontro de China, que se presume un desafío decisivo e prioritario para Trump, tamén terá impacto nas relacións transatlánticas. Mesmo se podería establecer unha sorte de paralelismo con Europa, xa que Trump se vai focalizar sobre a relación comercial cos chineses, o que se verá acompañado dun certo desleixo con Taiwan, que é exactamente o mesmo que ten pensado facer coa UE e a Ucraína.
"O impacto na relación bilateral [entre EUA e China] será eminentemente económico e comercial. O máis probable é que o enfoque privilexie un endurecemento dos acordos comerciais e un repregue estratéxico sobre o porvir de Taiwan, quizais evocando unha saída como a de Hong Kong"
O impacto na relación bilateral será eminentemente económico e comercial. Porén, a ameaza de Trump de aumentar os dereitos de aduana sobre os produtos chineses un 60% será difícil de materializar, se ben servirá de vector de presión na guerra de aranceis con Beixín, ao tempo que Washington buscará reducir a súa dependencia en materia de tecnoloxías e cadeas de aprovisionamento. Agora ben, se en vez de aspirar a un xogo de influencias cruzadas de suma cero os Estados Unidos fan dunha vitoria total sobre o seu rival estratéxico o seu obxectivo principal, podemos avanzar cara un escenario onde Trump se desinterese completamente de manter as diferentes canles de comunicación existentes, abortando calquera cooperación entre ámbolos dous países, sendo esta unha alternativa que racionalmente non debera interesar a ambos actores.
A finais do pasado verán, Trump declarou nunha entrevista a Fox News que era moi crítico con China, pero que respectaba ao país e tamén ao seu presidente, Xi Jinping, mantendo que tiña unha “excelente relación” con este. O máis probable é que o enfoque privilexie un endurecemento dos acordos comerciais, que sexa razoable, e un repregue estratéxico sobre o porvir de Taiwan, quizais evocando unha saída como a de Hong Kong e avanzando cara o desmantelamento da rede de alianzas estadounidenses en Asia Oriental para ver de obter certa aquiescencia chinesa na reconfiguración dos tratados comerciais a favor de Estados Unidos. O obxectivo último sería un deal comercial con China con elementos proteccionistas, buscando apuntalar a autonomía estadounidense con respecto ao xigante asiático, que se vería acompañado de certas contrapartidas políticas.