Trump gábase, alén dos aranceis cero, de que Bruxelas lle acepta mercar produtos enerxéticos por 750.000 millóns e 600.000 adicionais en equipamento militar
Aranceis do 15% aos produtos europeos sen unha recarga recíproca para os estadounidenses. É o aspecto máis rechamante do acordo comercial anunciado pola Unión Europea e os Estados Unidos este pasado domingo, en vésperas de que finalizase o ultimato lanzado por Donald Trump para aplicar aranceis sen pacto -do 20% ou 25%, dixera- a partir do vindeiro 1 de agosto.
A propia escenificación do pacto serviu para evidenciar primacía estadounidense no resultado. A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, foi citada polo mandatario americano fóra do territorio da UE, en Escocia. E fíxoo, por sinal, nun complexo de golf do que é propietario. Dende alí Trump gabouse, alén dos aranceis cero, de que Bruxelas lle aceptara importar produtos enerxéticos dende os EUA por 750.000 millóns e investir 600.000 adicionais en equipamento militar estadounidense.
"Vai ser moi bo para todos", mantivo Trump sobre un pacto que Von der Leyen presenta en termos de "estabilidade". "Estabilizámonos nun tipo arancelario do 15% para a gran maioría das exportacións da UE" que se aplicará "á maioría dos sectores, incluídos os automóbiles". É, defende, un "teito claro" que achega "a estabilidade que tanto necesitan os nosos cidadáns e empresas".
Von der Leyen presenta o asinado en termos de "estabilidade" e máis "cooperación" E salienta que certos "produtos estratéxicos" non pagarán
O asinado, acrecenta, implica "aranceis cero" para certos "produtos estratéxicos" como "pezas de aeronaves e compoñentes", "certos produtos químicos", algúns fármacos e produtos agrícolas ou "materias primas críticas". "Seguiremos traballando para engadir máis produtos a esta lista", agregou a presidenta da Comisión na súa declaración oficial sen especificar máis.
No que atinxe a incrementar as importacións enerxéticas dos EUA, Von der Leyen refírese a esa cesión como un "incremento da cooperación enerxética". "As compras de produtos enerxéticos estadounidenses diversificarán as nosas fontes de subministración e contribuirán á seguridade enerxética de Europa. Substituiremos o gas e o petróleo rusos por compras significativas de gas natural licuado, petróleo e combustibles nucleares estadounidenses", admite en plena cruzada de Trump contra as tecnoloxías renovables.

Nun contexto de obvia cesión, Von der Leyen explicitou tamén "agradecemento" a Trump por "este avance". "É un negociador duro, pero tamén é un negociador", di a mandataria comunitaria.
Sánchez apoia "sen entusiasmo"
González Casares (PSdeG) considera unha "vergoña" o pactado e Miranda (BNG) veo "humillante"
As reaccións nos gobernos da Unión a este acordo soan, en boa medida, a resignación. Tamén a do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, que na súa conferencia de prensa para facer balance do curso político valorou o "esforzo que fixo o UE" e a "actitude construtiva" de Von der Leyen. El, abonda, apoia o resultado do pacto, "pero sen ningún entusiasmo".
Por parte da representación galega no Parlamento Europeo, as primeiras lecturas foron eminentemente críticas. "Vergoña, nada que celebrar", resumiu o eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, en cuxa opinión "o primeiro que aprendes en Bruxelas é que é mellor non acordar ca un mal acordo". "A Comisión Europea -agrega- rompeu con ese principio que tanto prestixio negociador lle outorgara", lamenta.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, nunha primeira reacción, considera que o pechado por Von der Leyen con Trump é "humillante para a UE". "Non é máis ca unha submisión ás políticas dos EUA, tanto ás belicistas como ás económicas", lamenta a nacionalista, que advirte de "desprotección dos nosos sectores produtivos" mentres "están fomentando políticas de apoio ás enerxías fósiles das industrias extractivas e, por suposto, a industria armamentística.