Os aranceis de Trump terán un impacto "masivo" nas exportacións europeas de 380.000 millóns

Donald Trump, anunciando os aranceis o 3 de abril de 2025 na Casa Branca © Casa Branca

Un 70% dos bens exportados pola Unión Europea aos Estados Unidos sufrirán algún tipo de arancel excepcional imposto por Donald Trump. A guerra comercial entre as dúas beiras do Atlántico é xa unha realidade, e no horizonte non se albiscan sinais de acordo, senón nubes que tinguen de negro o comercio transatlántico, un dos alicerces do crecemento económico durante a segunda metade do pasado século.

Un 70% dos produtos vendidos pola UE aos EUA estarán suxeitos ás tarifas aduaneiras do 20% ou do 25% dende este mes de abril

Produtos europeos exportados anualmente ao mercado estadounidense por un valor de 380.000 millóns de euros terán que pagar tarifas do 20%, que son as medidas anunciadas por Trump a noite do pasado mércores na Roseira da Casa Branca. Pero outros bens, como coches e compoñentes automobilísticos ou de aceiro e aluminio, terán un arancel mesmo máis alto, do 25%. Con estas tarifas, Washington podería chegar a recadar 80.000 millóns extra.

O arancel do 25% xa está en vigor e as aduanas dos Estados Unidos empezan a engordar á conta dos produtos europeos, grazas á guerra comercial impulsada por un mandatario cuxo modelo económico é o de finais do século XIX e principios do XX, ou o son as medidas impostas antes do crack do 29 e que, precisamente, exacerbaron as consecuencias desa crise, como ben explica Liaquat Ahamed no seu vasto ensaio Os señores das finanzas, merecedor dun Premio Pulitzer.

Donald Trump, escenificando a sinatura dos aranceis © Casa Branca

Nin as receitas fracasadas nin "o impacto directo de algo enorme que sufrirá todo o planeta", en palabras dun alto funcionario europeo, frean a Trump. Até agora, Bruxelas gardara con celo as súas contas, á espera de coñecer como se materializaban as ameazas do presidente estadounidense porque a taxa do arancel que imporía á UE no seu Liberation Day estaba por concretar. Finalmente quedou fixada no 20%, o dobre que o 10% básico do que gozará, por exemplo, Reino Unido e inferior ao 34% da China ou o 24% para o Xapón.

O impacto da guerra arancelaria na UE

Bruxelas teme que as novas pescudas que Washington está abrindo contra o sector madeireiro, os semicondutores e a industria farmacéutica deriven en máis aranceis

Con esas cifras, na Comisión Europea xa teñen unha primeira estimación e o impacto é masivo. Produtos por valor de 380.000 millóns de euros estarán suxeitos aos novos aranceis trumpianos. Dese volume total, ao redor de 290.000 millóns en bens sufrirán a tarifa recíproca do 20%, grazas á cal as aduanas estadounidenses recadarán uns 58.000 millóns de euros. Os produtos de aceiro e aluminio suxeitos ás tarifas da section 232, cunha taxa do 25%, están valorados en 26.000 millóns de euros. A recadación neste sector, que xa empezou, ascendería a 6.500 millóns. Por último, os coches e compoñentes automobilísticos non fabricados nos Estados Unidos tamén afectados por esa sección arancelaria do 25% alcanzarían os 67.000 millóns, o que deixaría outros 16.500 millóns nas aduanas estadounidenses.

"Se xuntamos todas estas cifras, dános en torno ao 70% das nosas exportacións aos Estados Unidos" afectadas, explica unha segunda fonte comunitaria. En total, un ingreso extra grazas a Trump de 80.000 millóns, "o que comparado co monto total que recadan até agora, de 7.000 millóns, é evidente que hai un salto masivo", relata este funcionario europeo.

Estes cálculos son os que estarían na mente de Trump cando decidiu lanzar semellante envite á Unión Europea, pero a xogada pode resultar en fracaso. Nas entrañas da Comisión recoñecen que "aínda teñen que mirar estes números con moito coidado", puntualiza a primeira fonte comunitaria, que cualifica a situación actual como "moi dinámica" ao basearse no comercio actual, onde entrambas beiras do Atlántico existen uns aranceis case inexistentes. De media, os 27 imporían ao conxunto das importacións estadounidenses un tipo do 1,2% mentres que alén do Atlántico pagaríase un 1,4%, cifras case idénticas. Lonxe das táboas mostradas na Casa Branca.

A outra cara da moeda advirte este alto funcionario comunitario é que por "lóxica económica das tarifas o comercio vai diminuír, así que non podemos asumir dalgunha maneira que imos ter o mesmo volume de intercambios cos Estados Unidos para crear ese tipo de ingresos arancelarios". Unha análise puramente teórica mostraría que "non vai suceder a asunción de que todo o mundo seguirá comerciando cos Estados Unidos na mesma cantidade".

Avecíñase un 'Armagedón' comercial

Este venres o comisario de Comercio, Maros Sefcovic, manterá unha videoconferencia co seu homólogo estadounidense para tentar frear o inevitable e que xa está en funcionamento. Negociar sigue sendo o primeiro eixo de actuación de Bruxelas, pero na Comisión citan os outros dous: represalias e diversificación.

O segundo funcionario da Comisión alerta de que antes de lanzar todos estes aranceis, a Administración Trump identificara cinco áreas estratéxicas de enfrontamento. Aceiro e aluminio e automóbiles xa foron golpeados pero quedan "a madeira, os medicamentos e os semicondutores". As investigacións contra o sector madeireiro comezaorn e "o máis probable, así o indicaron os Estados Unidos, é que abran investigacións aos outros dous sectores que cualifican estratéxicos para as súas manufacturas", o farmacéutico e o de compoñentes electrónicos. Serían tres novos sectores que apuntan a sufrir a guerra comercial de Trump. 

Os produtos ligados ao sector naval son unha das principais exportacións galegas aos EUA. Na imaxe, estaleiros na ría de Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Polo momento, en menos de dúas semanas, entraría en vigor o 15 de abril, a UE aprobará a primeira batería de represalias a unha lista de produtos estadounidenses. O luns é probable que en Luxemburgo os ministros de Comercio dos 27 Estados Membros realicen os últimos cambios e validacións. E a resposta europea terá unha segunda fase, aínda baixo discusión. As fontes comunitarias prefiren "non especular" porque todas as opcións están sobre a mesa, incluído detonar a bomba nuclear activando o mecanismo anticoerción, que permitiría gravames aos servizos dixitais estadounidenses, co obxectivo de que o 15 de maio, como moi tarde, estea a funcionar.

Escribe Peter Kazimir, antigo ministro de Finanzas de Eslovaquia durante a crise grega e hoxe gobernador do banco central dese país, que estamos ante "probablemente un momento histórico: un pequeno Armagedón europeo e estadounidense". Kazimir é consciente de que "se a UE responde cos seus propios aranceis, os produtos estadounidenses que ingresen ao mercado comunitario estarán suxeitos a aranceis e, en consecuencia, os seus prezos subirán", o que pode implicar máis inflación, pero o eslovaco asegura que "necesitamos ver a resposta da Unión Europea", aínda que non sexan "boas noticias para a economía".

O continente empeza a poñer a venda na ferida inflixida polo seu gran aliado tradicional e histórico, unha das dúas superpotencias que o sostivo nos tempos escuros do nazismo e que agora se revela contra a vella Europa acusándoa de estafadora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.