Os aranceis do 25% anunciados por Trump custarían 200 millóns ás empresas galegas, segundo a Xunta

Donald Trump, durante un mitin CC-BY-SA Gage Skidmore

As exportacións de Galicia a Estados Unidos sumaron 800 millóns de euros en 2024, o 2,6% do total

O Consello da Xunta deste luns analizou un informe elaborado pola Consellería de Economía e Industria que calcula nuns 200 millóns de euros o custo para as empresas galegas se Estados Unidos implanta aranceis xerais do 25%, segundo o anunciado polo seu presidente, Donald Trump.

Guindastres no Porto de Vigo CC-BY-SA bluguia_pablo

Segundo informou o presidente Rueda, a análise realizada pola Xunta parte do anuncio de Trump, aínda pendente de concretarse, de implantación de aranceis xerais do 25% aos produtos da Unión Europea. En Galicia, segundo os seus datos, "un milleiro de empresas" exportan a Estados Unidos, das cales 350 o fan "de xeito regular", como mínimo nos últimos cinco anos, fundamentalmente aluminio, viño e bens de consumo como produtos máis representativos.

350 empresas galegas exportan a Estados Unidos de xeito regular, principalmente aluminio, viño e bens de consumo

As exportacións totais de Galicia a Estados Unidos sumaron o pasado ano 800 millóns de euros, o 2,6% do total de exportacións do ano, que acadaron un novo récord con 31.000 millóns de euros. É da aplicación xeral do 25% de aranceis a ese volume de exportacións de 800 millóns de onde saca a Xunta o impacto de 200 millóns de euros.

O viño é xunto co aluminio un dos principais produtos exportados por Galicia a Estados Unidos CC-BY vreimunde

Ademais desta cuantificación, Rueda tamén anunciou que a Xunta activará un "observatorio" dos aranceis estadounidenses a través da antena empresarial que o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) ten en Miami, que ofrecerá "asesoría e apoio técnico" ás empresas interesadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.