En 2023 Galicia exportou alta tecnoloxía por un valor de 633 millóns de euros, un 50% máis que en 2021 e o dobre que hai sete anos
O sector industrial galego está a experimentar nos últimos anos un notable crecemento e, por exemplo, incrementou un 61% a súa facturación dende o ano 2016. Entre os responsables desta auxe están un numeroso feixe de empresas altamente internacionalizadas, modernas e con grande énfase na innovación, como destacaban na obra Galicia, distrito industrial Daniel Hermosilla e Antón Baamonde, cos que falamos nesta entrevista.
O IGE publicou este venres os últimos datos, correspondentes ao ano 2023 sobre o comercio exterior de produtos de alta tecnoloxía en Galicia, que amosan un extraordinario aumento das exportacións deste tipo de produtos, cun valor de 633 millóns de euros o pasado, unha cifra moi semellante á do ano 2022 e que practicamente mellora nun 50% os datos de 2021. Dende o ano 2016 as exportacións galegas de produtos de alta tecnoloxía multiplicáronse por dous.
O saldo de Galicia é moi positivo, é dicir, vende moita máis alta tecnoloxía da que merca
Tamén aumentan as importacións, aínda que en menor medida e, de feito, o saldo exportacións-importacións foi en 2023 de 250 millóns de euros, fronte aos 120 millóns de 2021 ou ao saldo practicamente equilibrado que se rexistrou nos anos 2011 e 2012. Antes de 2010 o saldo era case sempre negativo, é dicir, Galicia importaba máis alta tecnoloxía da que exportaba.
Destaca por riba de todos o sector químico, responsable da metade das exportacións de alta tecnoloxía de Galicia en 2023 e que multiplicou por dez o valor destes envíos en pouco máis de 15 anos.
A que tipo de actividades nos referimos cando falamos de alta tecnoloxía? A estatística do IGE debulla as cifras totais en varios subsectores cuxas exportacións están a experimentar na súa práctica totalidade un importante crecemento nos últimos anos. Destaca por riba de todos o sector químico, responsable da metade das exportacións de alta tecnoloxía de Galicia en 2023 e que multiplicou por dez o valor destes envíos en pouco máis de 15 anos.
Tamén medran de forma significativa as exportacións de materiais electrónicos e as de produtos farmacéuticos. De igual xeito, especialmente no ano 2023, disparáronse as vendas ao exterior de empresas do ámbito da aeronáutica e da industria aeroespacial.
En 2023 disparáronse as vendas ao exterior de empresas do ámbito da aeronáutica e da industria aeroespacial
Equipos informáticos, maquinaria e material eléctrico, instrumentos científicos, maquinaria e armas figuran tamén nesta relación, aínda que con valores moito máis reducidos nas exportacións. De feito, o saldo de Galicia si é negativo en varios deles (merca máis do que vende no exterior). É o caso dos instrumentos científicos, do material electrónico, da maquinaria e das armas e municións.
En paralelo ao incremento das vendas no exterior, as empresas galegas que se dedican á alta tecnoloxía tamén están a aumentar o número de traballadores e traballadoras que empregan
En paralelo ao incremento das vendas no exterior, as empresas galegas que se dedican á alta tecnoloxía tamén están a aumentar o número de traballadores e traballadoras que empregan. Así o amosan igualmente as cifras do IGE, aínda que neste caso o derradeiro valor dispoñible corresponde ao ano 2021. En total, estas compañías contaban con algo máis de 35.500 asalariados e asalariadas en 2021, fronte aos 29.500 do ano 2016, un incremento do 20,3% en cinco anos.
O meirande incremento deuse nas empresas galegas dedicadas á servizos de alta tecnoloxía ou de tecnoloxía punta, que aumentaron o seu persoal nun 43% entre 2016 e 2021
Dende ese ano 2016 as empresas manufactureiras de tecnoloxía alta e media-alta aumentaron os seus cadros de persoal un 13,5%, de 21.323 a 24.203 traballadores. O meirande incremento deuse nas empresas dedicadas á servizos de alta tecnoloxía ou de tecnoloxía punta, que aumentaron o seu persoal nun 43%, dende os 8.006 traballadores ata os 11.452.
Está por ver se o forte incremento da facturación e das vendas exteriores rexistrado polas empresas deste sector nos anos 2022 e 2023 se traduciu nun aumento das contratacións cualificadas.