En 'Galicia, distrito industrial' (Galaxia) Antón Baamonde e Daniel Hermosilla buscan desmontar ideas preconcibidas e erradas, amosando que Galicia posúe un sector industrial rico e variado, formado por unha miríade de empresas moi ben consideradas nos seus sectores, modernas, de alto valor tecnolóxico e cunha grande énfase na innovación e no deseño e moi internacionalizadas
Escribiu John Maynard Keynes que "a dificultade non está tanto en desenvolver novas ideas, máis ben radica en escapar das vellas". É Galicia un país urbano? Todos os datos e a realidade que vive a inmensa maioría da poboación galego amosan que é así, malia que persiste un imaxinario -propio e alleo- que segue a definir Galicia como un país eminentemente rural. É Galicia un país desenvolvido, moderno, semellante a calquera territorio da nosa contorna europea? Parece obvio que si, que Galicia é (para ben ou para mal) un país normal, como rezaba aquela xa vella campaña promocional de Vieiros de hai uns 15 anos, con debilidades e fortalezas.
Agora ben, é Galicia un país industrial? Ao falarmos de industria en Galicia, mesmo sacando de enriba estereotipos xa desbotados dun país agrario, atrasado e minifundista, veñen a cabeza os estaleiros das rías de Vigo e Ferrol, industrias de implantación como ENCE ou Alcoa ou grandes nomes de éxito como Inditex e Stellantis, pero entendidos como illas, como milagres e como excepcións nun terreo ermo, avellentado e sen futuro.
En Galicia, distrito industrial (Galaxia) Antón Baamonde e Daniel Hermosilla buscan desmontar estas ideas preconcibidas e erradas, amosando que Galicia posúe un sector industrial rico e variado, formado por unha miríade de empresas medianas e pequenas moi ben consideradas nos seus sectores, modernas, de alto valor tecnolóxico e cunha grande énfase na innovación e no deseño e moi internacionalizadas. Unha rede que xa está a cooperar entre si para xerar produtos de maior valor engadido e que conta, ademais, cun mercado local moi importante, que abrangue cada vez con máis naturalidade o norte de Portugal.
O tecido industrial galego presenta un gran potencial de crecemento nun momento no que Europa está a potenciar un retorno á produción propia. "Pero para conseguir isto, primeiro hai que velo, hai que ser conscientes do que temos e das posibilidades coas que contamos", di Daniel Hermosilla
Unha rede, finalmente, cun gran potencial de crecemento para Galicia, precisamente nun momento no que Europa está a potenciar un retorno á produción industrial propia e nun contexto de transformacións (descarbonización, enerxías renovables...) nas que o noso país conta tamén con grandes oportunidades. "Pero para conseguir isto, primeiro hai que velo, hai que ser conscientes do que temos e das posibilidades coas que contamos", repite Daniel Hermosilla na entrevista, facendo fincapé na importancia, primeiro, dun cambio de mentalidade, de "transformar a autoimaxe de Galicia".
Un Daniel Hermosilla -director executivo do Grupo Rodiñas, empresa de prefabricados de formigón- que fala do que coñece ben, o día a día do mundo da empresa, con conceptos teóricos e unha visión que habitualmente se teñen máis no mundo académico. Facer e saber facer unidos nun discurso sólido e optimista sobre as posibilidades do país que comparte cun Antón Baamonde que xa explorou en Unha nova Olanda (Galaxia) unha achega prospectiva ao deseño futuro de Galicia como rede de cidades interconectadas coas do norte de Portugal.
Primeiro de todo, quería saber como nace este libro e, ademais, como xorde este encontro entre os dous: un empresario do sector dos prefabricados do formigón e un ensaísta e licenciado en Filosofía?
Antón Baamonde: "Galicia non é o que moita xente ten na cabeza, o marco mental ten que ser transformado. Eses estereotipos non son en absoluto válidos co que Galicia é na actualidade, pero tampouco co que Galicia era hai unhas décadas"
Antón Baamonde: O libro foi unha iniciativa de Daniel que parte, en realidade, do meu anterior libro. Despois dunha presentación de Unha nova Olanda comezamos a falar e el comezou a debullar unha chea de empresas galegas punteiras das que en moitos casos eu non tiña idea. E sinalou que sería boa idea publicar un libro que espallase a idea de que Galicia é algo moi distinto do que moita xente pensa que é, algo que enlazaba perfectamente co que eu estaba contando en Unha nova Olanda.
Galicia non é o que moita xente ten na cabeza, o marco mental ten que ser transformado. Eses estereotipos non son en absoluto válidos co que Galicia é na actualidade, pero tampouco co que Galicia era hai unhas décadas e, de feito, hai moitas análises que xa veñen corrixindo aquelas visións erradas. A realidade é que Galicia leva moito tempo sendo un país moi semellante a calquera territorio da nosa contorna europea.
Para ben e para mal...
AB: Para ben e para mal, efectivamente, porque ás veces hai unha concepción excesivamente amable do que é Galicia e do que foi o pasado de Galicia. Ou se pensa Galicia como un territorio atrasado onde nada moderno pode desenvolverse, ou como todo o contrario. Este empirismo, este intento de ter unha visión máis real e máis próxima á realidade, supón a destrución de determinados mitos que están moi establecidos e que fan que mesmo a día de hoxe non sexamos capaces de recoñecer o país que temos diante.
Unha Nova Olanda buscaba constatar o que todos os datos afirman: que Galicia é unha sociedade urbana e que é urbana non só a sociedade da Coruña ou Vigo, senón a de calquera concello. Integrar iso no esquema mental parecíame importante. E tiña, ademais, un lado proactivo e propoñía tecer en Galicia unha rede urbana, semellante á existente nos Países Baixos, onde non hai unha gran cidade como Madrid senón unha rede de cidades que se complementan e compiten e multiplican os contactos e as posibilidades de todas elas. As cidades son laboratorios de creación de ideas, de xeración de valor, as cidades son o lugar, como dicía Jane Jacobs, o lugar no que pasan as cousas.
Que buscades, logo, con este libro? Entendo que o obxectivo é semellante: rachar con ideas preconcibidas e erradas sobre Galicia, pero desta volta centrados no sector industrial, non si?
Daniel Hermosilla: "Dentro deste retorno da produción industrial a Europa, é importante detectar en que somos bos en Galicia e que podemos captar de todo ese crecemento"
Daniel Hermosilla: A motivación de meterse neste libro era, principalmente, que nos chamaba moito a atención o contraste entre a realidade que vemos no día a día e a imaxe que de Galicia se ten no interior e no exterior. Este contraste, esta imaxe errada que se ten de Galicia, é un prexuízo tremendo para a propia creación de riqueza no país, é un clixé contra o que tes que loitar, xa comezas uns pasos atrás con respecto a outros territorios.
No libro queríamos sacar á luz esta realidade, expoñela, e tamén poñer exemplos de cousas que admiramos fóra. Queriamos tamén detectar elementos que poden ser o xerme para a creación de novos vectores de desenvolvemento. Mellorar a percepción de nós mesmos é fundamental para avanzar. Non se trata de caer en triunfalismos, senón de detectar aqueles elementos que nos poden permitir ir a máis.
Destacades, ademais, que estamos ante unha grande opoertunidade de crecemento, nun contexto favorable de "retorno á política industrial en Europa" e de grandes cambios no sector enerxético coa aposta polas renovables...
DH: "A nivel enerxético Galicia ten unhas posibilidades moi importantes, hai que lembrar igualmente a oportunidade que ten Galicia como gran produtora de alimentos e que somos unha potencia forestal. Temos tamén un abano de servizos tecnolóxicos que veñen derivados de ter sectores punteiros, como pode ser a automoción"
AB: Desacoplarse totalmente de China non é posible, pero si hai un dictum xeopolítico de evitar a dependencia, o que leva a que a nivel europeo haxa unha tendencia de retorno da política industrial. Non hai que esquecer, ademais, que os traballadores industriais están xeralmente máis cualificados e son mellor pagados. Unha política industrial galega axeitada pode crear unha rede industrial máis activa.
DH: Dentro deste retorno da produción industrial a Europa, é importante detectar en que somos bos en Galicia e que podemos captar de todo ese crecemento. A nivel enerxético Galicia ten unhas posibilidades moi importantes e é unha oportunidade que temos por diante e que temos que ter en conta. Coas posibilidades enerxéticas que ten Galicia, iso si, o que non pode pasar é o que pasou coas centrais hidroeléctricas hai décadas: sacrificáronse os ríos, sacrificáronse os vales e a xente deses lugares tivo que emigrar. Se o desenvolvemento eólico non reverte no territorio, vai haber unha contestación social.
Hai que lembrar tamén a oportunidade que ten Galicia como gran produtora de alimentos, nun momento en que as necesidades de produción de alimentos a nivel mundial son cada vez maiores. E, despois, na construción, nun contexto de descarbonización, Galicia pode xogar un papel fundamental, tendo en conta que somos unha potencia forestal e que temos que avanzar cara a unha industrialización moito máis fina e profunda, que chegue a todos os niveis da cadea de valor.
Destacas que este tecido indstrial galego, aínda que estea formado por empresas de pequeno tamaño, destaca polo seu alto valor tecnolóxico que, ademais, está servindo para potenciar as compañías da súa contorna...
DH: "No momento en que haxa unha masa crítica de empresas -e eu entendo que xa o hai- que sexan punteiras nos seus sectores e que perciban todo isto, iso pode levar a unha multiplicación de posibilidades. Ao redor diso pódense construír"
DH: Si, temos tamén un abano de servizos tecnolóxicos que veñen derivados de ter sectores punteiros, como pode ser a automoción. É dicir, todos os servizos de electrónica, de robotización, de dixitalización, de xestión de procesos..., que sobre todo na zona de Vigo flotan ao redor deste sector vanse estendendo cara a outros sectores, coma o conserveiro, o da madeira ou o lácteo. O mesmo pasa con Inditex e cun conxunto de empresas e servizos de alta tecnoloxía que foron desenvolvéndose ao seu redor e que agora benefician a outras empresas e sectores.
Estas experiencias exitosas teñen tamén unha cousa en común: o coñecemento dos mercados internacionais e das posibilidades que podemos ter neles, e ademais transmiten este saber e esta experiencia a outros sectores. Ter isto claro é como romper un teito de cristal e suporá un punto de non retorno. No momento en que haxa unha masa crítica de empresas -e eu entendo que xa o hai- que sexan punteiras nos seus sectores e que perciban todo isto, iso pode levar a unha multiplicación de posibilidades. Ao redor diso pódense construír. Se o sabemos aproveitar pode ser un dos grandes activos do futuro de Galicia.
Ese vai ser o gran aglutinador: todas estas compañías que foron nacendo para dar servizo a outras máis grandes comezan a darse conta de que están nun ecosistema no que poden interactuar entre elas de forma máis intensa e comezar a deseñar e facer proxectos nos que colaboran todos eles, dando lugar a produtos máis complexos e con máis valor engadido que os que podería facer unha soa empresa por separado. Nese proceso xoga un papel fundamental o acoplamento dos centros tecnolóxicos e laboratorios, que en Galicia os hai e moi bos.
Como se pode potenciar iso? Que tipo de política industrial é necesaria en Galicia para conseguilo?
DH: "En Galicia, cando se fala de política industrial parece que só se pensa na instalación de grandes empresas de fóra, de capital multinacional, que se van asentar nun determinado lugar. Pero no libro falamos exactamente do contrario: do tecido de pequenas empresas galegas que xa existe"
DH: Vimos dos anos 80 e 90, nos que se dicía aquilo de que a mellor política industrial é a que non existe. Pero máis que políticas concretas, eu creo que o primeiro que debemos conseguir é un cambio de percepción do que hai e do que podemos chegar a facer. Cando tes unha percepción errada da realidade, iso leva a que as seguintes decisións que tomes tamén sexan erradas, porque parten dunha visión deformada do que hai.
En Galicia, cando se fala de política industrial parece que só se pensa na instalación de grandes empresas de fóra, de capital multinacional, que se van asentar nun determinado lugar. Parece que política industrial se limita a ofrecerlle vantaxes a estas empresas que chegan. Que benvidas sexan, se xeran riqueza e cumpren con todos os parámetros ambientais e sociais. Pero nós no libro falamos exactamente do contrario: do tecido de pequenas empresas galegas que xa existe, ben implantadas no territorio, aproveitando os recursos que aquí temos, vinculadas entre si, moi orientadas á innovación e ao deseño.... Dende esa base, como se pode erguer unha estrutura industrial moito máis sólida e resiliente, que non estea ao albur de decisións e factores externos? Esa é a clave.
No libro fálase, e moito, de Portugal, como tamén facía Antón en Unha nova Olanda. Estamos xa aproveitando todas as oportunidades que nos abre a nosa proximidade a Porto?
DH: "Non é o mesmo producir para unha economía de tres millóns de habitante que para 8 millóns de habitantes e as empresas galegas xa están facendo isto, de xeito que lles resulta tan natural facer negocios en Porto que facelos en Vigo"
DH: Galicia, das comunidades do norte, é practicamente a única que nos últimos converxeu en termos de PIB con respecto á media do Estado. Por que se produciu isto? Pois eu creo que xa se está a producir toda esta economía de aglomeración á que me refería antes. Pero, ademais, benefícianos tamén a nosa proximidade con Portugal. Non é o mesmo producir para unha economía de tres millóns de habitante que para 8 millóns de habitantes e as empresas galegas xa están facendo isto, de xeito que lles resulta tan natural facer negocios en Porto que facelos en Vigo. Iso estase producindo de maneira natural, silenciosa e á marxe de accións políticas.
AB: Temos o problema de que esta área urbana entre Ferrol e Porto, que é un continuo económico, non é un continuo político porque Galicia se xestiona dende as ópticas do Estado español e o norte de Portugal dende as ópticas do Estado portugués. Ademais, este eixo non está presente no debate público español, no que en cambio o eixo mediterráneo -o Corredor Mediterráneo- si está presente grazas á presión dos empresarios valencianos. En Portugal parece que o AVE entre Porto e Vigo si é unha prioridade, imos ver o que pasa agora co cambio de Goberno
Esa conexión ferroviaria de alta velocidade é fundamental, o mesmo que o tren de mercadorías entre Galicia e Portugal. Tamén é prioritaria a mellora do tren entre Ferrol e A Coruña e que se complete un anel ferroviario A Coruña-Lugo-Ourense-Vigo. Isto será fundamental para que se cree unha rede de cidades que se complemente entre si. Hai moito que se pode facer para promover este distrito industrial, máis aló da propia política industrial.
Falades moito desas relacións de cooperación entre empresas -Daniel neste libro- ou entre cidades -Antón en Unha nova Olanda- Como se logra esta cooperación entre actores que, ademais, teñen que competir?
AB: "O AVE entre Porto e Vigo é fundamental, o mesmo que o tren de mercadorías entre Galicia e Portugal. Tamén é prioritaria a mellora do tren entre Ferrol e A Coruña e que se complete un anel ferroviario A Coruña-Lugo-Ourense-Vigo. Isto será fundamental para que se cree unha rede de cidades que se complemente entre si"
AB: Un deseño cooperativo sería mellor para todos, iso é evidente. E para conseguir isto, unha das claves é poñer as bases que faciliten ese funcionamento en rede. O que dicíamos antes: esa conexión por un anel de ferrocarril que che permita ir con naturalidade dun lugar a outro, como se fai en Holanda entre Amsterdam e Rotterdam, como se fai en Euskadi, ou como xa se está facendo entre Vigo, Santiago e A Coruña ou entre Santiago e Ourense. As cidades galegas teñen a distancia e o tamaño perfecto para este funcionamento en rede, con competencia e complementariedade, que as conecte entre elas e cos portos que temos. E para isto, en moitos casos, non é necesaria nin a Xunta. Pero claro, hai que facer pedagoxía.
DH: Eu creo que neste caso a clave é atopar un equilibrio, que sempre é un equilibrio moi inestable, entre a colaboración e a competencia. Creo que entre cidades é bo que exista un certo nivel de competitividade: se Pontevedra consegue que o seu modelo de cidade peonil sexa un referente, iso fará que outras cidades o intenten imitar e o mesmo pasa con outras cousas nas que pode destacar unha das cidades galegas. E, despois, hai moitísimas formas de cooperación que se poden levar a cabo. E coas empresas non é moi diferente: as empresas teñen que competir entre elas, pero deben ser conscientes de que o éxito dunha das súas competidoras pode servir para crear un ecosistema máis forte.
Credes que as ideas das que falades no libro están presentes hoxe en día no debate público en Galicia? Ou no debate político? Van estar nos vindeiros anos?
DH: "Esta imaxe que os propios galegos creamos de Galicia fainos perder posibilidades. Porque vas fóra e non cren en ti, non cren que sendo galego sexan quen de facer algo sofisticado ou de primeiro nivel"
AB: Están estes debates na primeira liña do debate político? Pois non. Estarán no futuro? Pois veremos. Moitas veces hai que comezar a mover as rodas pequenas, porque despois esas rodas pequenas moven as grandes. Este libro quere ser unha achega para cambiar a mentalidade da sociedade civil, da clase política e transformar a autoimaxe de Galicia.
DH: Esta imaxe que os propios galegos creamos de Galicia como un país atrasado e sen industria fainos perder posibilidades. Porque vas fóra e non cren en ti, non cren que sendo galego sexan quen de facer algo sofisticado ou de primeiro nivel.
Parece que hai un certo consenso social en que a mocidade mellor formada de Galicia necesariamente ten que marchar fóra para desenvolver a súa profesión. Pero isto non é así. Vouche poñer un exemplo persoal: o meu fillo estuda Enxeñaría Industrial en Vigo e tiña un pouco esa idea: marchar a Alemaña, onde sexa. Un día collino, leveino ao polígono industrial de Porto do Molle, expliqueille a que se dedica cada empresa que opera alí, o seu nivel tecnolóxico, en que mercados opera... e cambioulle a visión. Temos moito percorrido por diante, pero para conseguir isto, primeiro hai que velo, hai que ser conscientes do que temos e das posibilidades coas que contamos.