"O absoluto dominio da dereita nas eleccións autonómicas débese ao marco cultural conservador do noso autogoberno, que ten na mirada esencialista do que é Galicia o seu principal argumento e no que o centralismo compostelán cumpre un papel decisivo". Rodri Suárez vén de publicar Galicia reducida. Crítica ao marco conservador e centralista do autogoberno galego (Morgante Edicións), un ensaio que critica o marco de Galicia instalado nos últimos 40 anos, que prima as visións máis ruralizantes do país ao tempo que minimiza e despreza a achega das cidades, do eixo da apenove.
Aposta, igualmente, por reverter a centralización do poder autonómico en Santiago de Compostela, que nas últimas décadas prexudicou especialmente a Vigo e A Coruña, motores do país. Podes ler aquí a intodución da obra, que foi presentada este venres na Coruña.
"Hai un feito obxectivo: a esquerda, que si ten éxito nas eleccións municipais e xerais en Galicia, perde as eleccións autonómicas e pérdeas pola elevada abstención que se produce precisamente nestas áreas, que son as que non entran dentro dese imaxinario"
"Tan galego é o barrio de Teis coma unha aldea rural", sinala Rodri Suárez, que critica un imaxinario que presenta como máis auténtica, máis Galicia, un país que xa non existe e pide analizar como realmente é unha Galicia na que o 64% da poboación vive nas Áreas Urbanas Funcionais -que poderían equivaler as inexistentes áreas metropolitanas- e no que só o 6,3% da poboación traballa no sector primario.
Suárez sinala que estas visións de Galicia como un país rural e atrasado non só son irreais, senón que favorecen politicamente á dereita ao deixar fóra os lugares nos que a esquerda ten máis forza. Engade, ademais, que a continuidade deste marco é o principal factor que explica o dominio do Partido Popular nas eleccións ao Parlamento galego, fronte ás vitorias da esquerda nos comicios municipais e xerais, un triunfo conservador que se produce por mor da elevada abstención da Galicia urbana nas eleccións autonómicas.
No libro criticas a imposición dun imaxinario sobre Galicia que prima unha certa visión do país, ruralista, coma se houbese unha Galicia auténtica (a rural) e outra que é menos Galicia (as cidades). Que efectos ten isto?
Todos os países tentan construír a súa identidade a través de elementos tradicionalistas. No nacionalismo vasco recórrese tamén á figura do labrego e no catalán ao do pagés, pero nin no nacionalismo catalán nin no vasco atopamos a desconfianza e o desprezo cara ás grandes cidades que si existe no galego con respecto á Coruña, sobre todo, e nos últimos anos cara a Vigo, coas eternas acusacións de “localismo” a estas urbes. Iso quere dicir que o actual imaxinario galego, a idea de Galicia, o marco que creou a Autonomía, non só é conservador e non se adapta ao país realmente existente no ano 2024, senón que ademais expulsa o espazo onde máis galegos vivimos: o eixo entre Vigo e Ferrol. Reduce a Galicia, como destaco no título do libro.
E por iso pasan cousas coma a anécdota que conta Manuel Gago e que inclúo na introdución: que lles pediron a varios nenos dunha cidade que debuxasen Galicia e todos debuxaron un espazo rural, non o espazo no que eles viven. A expulsión é cultural e vén moldeándose dende a creación da autonomía.
Que consecuencias políticas ten isto, ao teu xuízo?
"Se as cidades son 'menos Galicia', se os motores do país son 'menos Galicia' iso leva a que a política autonómica non se centre nas grandes cuestións económicas, na vivenda, na política industrial, onde a Xunta ten competencias"
Se as cidades son 'menos Galicia', se os motores do país son 'menos Galicia' iso leva a que a política autonómica non se centre nas grandes cuestións económicas, na vivenda, na política industrial, onde a Xunta ten competencias e o Goberno galego fica relegado a un xestor doutras cuestións. Teño a impresión de que se pensa que a autonomía naceu para xestionar o que non son as cidades. E iso leva a que a política autonómica e, polo tanto, as eleccións autonómicas sexan unha cuestión conservadora, na que o PP ten as de gañar, porque xoga nun marco que lle favorece.
Galicia é un país moi complexo e que leva moito tempo reducido a unha imaxe demasiado simple. Iso é un problema que, ademais, favorece o Partido Popular e que determina o seu triunfo nas eleccións autonómicas moito máis que o dominio mediático ou as redes clientelares, porque estas dúas cousas tamén existen nas eleccións xerais e municipais e nestes comicios adoita gañar a esquerda.
Hai un feito obxectivo: a esquerda, que si ten éxito nas eleccións municipais e xerais en Galicia, perde as eleccións autonómicas e pérdeas pola elevada abstención que se produce precisamente nestas áreas, que son as que non entran dentro dese imaxinario. Aí hai un campo a estudar que non foi suficientemente investigado pola existencia de tabús sentimentais que, por ende, son conservadores.
É un tabú? É difícil expresar publicamente diverxencias ou matices a estas ideas?
"Galicia é un país moi complexo e que leva moito tempo reducido a unha imaxe demasiado simple. Iso é un problema que, ademais, favorece o Partido Popular"
Si, está tan instalado ese imaxinario, ese marco, que existe unha especie de ameaza para quen se atreva a desmentilo, que pode ser acusado de “señorito”. No momento en que calquera progresista faga unha aposta clara polas cidades galegas, vai ser acusado de “señorito de ciudad” e, ademais, de “localista”, unha acusación que habitualmente só se dirixe á Coruña e a Vigo, algo menos a outras cidades e nunca a Santiago cando esta cidade realiza algunha reivindicación de tipo local.
Esta ameaza está asentada en sermóns con décadas de historia, porque os argumentos deste tipo de galeguismo teñen unha dependencia das súas vellas figuras, como Castelao ou Otero Pedrayo, moi superior ao doutros nacionalismos. Esa lealdade é un corsé ideolóxico que impide facer unha análise máis racional da realidade actual de Galicia. Ás forzas progresistas estalles faltando audacia e sóbralles fidelidade a un modelo que nin lles favorece nin representa á Galicia do século XXI.
O PP é o partido que máis se parece a esa Galicia, como a formación presume nun dos seus lemas ("O partido que máis se parece a Galicia"?
"Está tan instalado ese imaxinario, ese marco, que existe unha especie de ameaza para quen se atreva a desmentilo, que pode ser acusado de 'señorito'”
O PP é o partido que máis se parece a unha determinada idea de Galicia, unha idea de Galicia cuns alicerces conservadores clarísimos. Tamén é, por outra banda, o partido que recibe máis votos de galegofalantes.
A dereita foi listísima na construción da autonomía, asumindo un marco conservador que lles favorecía e que lles segue a favorecer. Iso fixérono xa dende o comezo dos 80 e consolidouse sobre todo coa chegada de Fraga. Ti ves os primeiros discursos de Fraga e xa estaba todo aí: o Reino de Galicia, Xelmírez, Otero Pedrayo...
No libro sitúas, efectivamente, o inicio deste proceso no momento de creación da autonomía, especialmente a partir do ano 1980. É aí onde comeza o proceso de centralización en Santiago de Compostela?
"Tan galego é o barrio de Teis coma unha aldea rural. As nostalxias eternas eclipsan os obxectivos principais que deberías ter na actualidade: darlle máis forza aos motores que deben tirar do país"
O centralismo compostelán é un feito. Santiago funciona como unha burbulla e a xente que vive no ecosistema político compostelán non é consciente diso. E isto non é un ataque aos composteláns, é unha cuestión obxectiva que está na cerna da autonomía: centralizar en Santiago todas as consellarías e os organismos de nova creación tiña un obxectivo.
A Coruña e Vigo foron expulsadas dun galeguismo que era central nas dúas cidades dende comezos do século XX. Nas primeiras eleccións municipais da Transición, en 1979, A Coruña foi a cidade onde máis se votou ao nacionalismo e por iso gobernou Domingos Merino. E con Vigo está pasando algo parecido: quen valora a cidade que con moita diferenza máis vota á esquerda na actualidade?
Entón abrimos outra vez o melón da capitalidade?
Non, o libro non vai diso, senón sobre todo de facer unha lectura distinta de Galicia na que non se desprece os espazos urbanos e na que se analice o país real. Tan galego é o barrio de Teis coma unha aldea rural. As nostalxias eternas eclipsan os obxectivos principais que deberías ter na actualidade: darlle máis forza aos motores que deben tirar do país.
Aínda que se si podería comezar a falar dun proceso de descentralización no que algunhas consellarías tivesen a súa sede fóra de Santiago, o mesmo que algúns outros organismos autonómicos. Unha cousa pouco coñecida é que coa asignación da capitalidade a Santiago, A Coruña perdeu catro consellerías, que ata 1982 tiñan a súa sede na cidade. España necesita descentralización e Galicia tamén necesita descentralización.
Este centralismo compostelán oponse a un localismo que tamén pode ter consecuencias negativas para o país?
"Dise que o PSdeG non ten un modelo para Galicia. Ben, é que quizais o municipalismo si pode ser un modelo para Galicia. Isto de reducir a política 'galega' á política autonómica é un erro que favorece ao PP. A política local tamén é 'galega'”
O localismo existiu toda a vida e seguira existindo e ademais existe en todos os lugares, sexa A Coruña, Santiago ou Barbadás: a xente quere e defende o lugar no que vive. Hai que deixar de converter estas cousas nun pecado mortal. E, ademais, hai que aprender a aproveitar as vantaxes destas cousas: a competencia virtuosa entre A Coruña e Vigo deixou cousas moi positivas na historia. Que sería Galicia sen A Coruña e Vigo? Non sería absolutamente nada. Galicia carece dunha gran cidade como Barcelona, pero ten dúas cidades grandes que, ademais, están moi conectadas co mundo a través dos seus portos.
Non é que estas cidades sexan “malas” e non queiran a Galicia, senón que apostaron por modelos locais ante unha autonomía que lles daba as costas.
Eu creo que o progresismo galego ten que plantexar unha política máis de proximidade. O municipal tamén é galego e o municipalismo tamén é galego. Dise moito que o PSdeG non ten un modelo para Galicia. Ben, é que quizais o municipalismo si pode ser un modelo para Galicia. Isto de reducir a política “galega” á política “autonómica” é un erro que favorece ao PP. A política local tamén é “galega”. A nivel mediático rebéntame ver como non se informa a nivel galego das cousas que pasan en cada cidade. Eu teño que ir a xornais de Vigo para saber o que pasa en Vigo. A posta en marcha do Halo en Vigo ou a reforma de Alfonso Molina na Coruña son noticias de ámbito galego porque son infraestruturas que van usar centos de miles de persoas que son galegas, o mesmo que a Cidade das TIC. Estás ofrecendo unha visión do país incompleta.
Defendes que, fronte ás visións que afirman que só hai unha idea de Galicia e unha soa forma de ser galeguista, en realidade hai moitas formas de galeguismo, todos válidos...
"Non podes dicirlle á xente que somos unha potencia cando ao mesmo tempo dis que estamos atrasados e asoballados"
Hai moitas formas que entender Galicia e hai moitas maneiras de sentirse galego, como creo que dixo o outro día Ana Pontón nun mitin. Creo que é algo que podemos aplicar ao presente pero tamén á forma en que se contou a historia. Calquera persoa que asuma que Galicia é un suxeito político e cultural propia e que, polo tanto, ten dereito a gobernarse directamente, cunha cota de autogoberno maior ou menor, para min é galeguista.
Pero aquí lévanse demasiados anos pedindo carnés de 'bo galego'. E iso, ese marcar fronteiras, impide ver as cuestións nas que a maioría estamos de acordo e que nos unen. O galeguismo está moi moi estendido e xa lle gustaría mesmo ao catalanismo ser tan maioritario coma o galeguismo, que é un código común da maioría da poboación, pero non o podes converter nun exame de ingreso nunha academia militar. Hai moitos galeguismos: o galeguismo de Vigo non é o mesmo que o de Ourense, e o galeguismo de esquerdas é diferente do galeguismo de dereitas.
Unha solución podería ser a aposta polas áreas metropolitanas?
"Galicia ten que apostar polas áreas metropolitanas e polas sinerxías económicas Ferrol-A Coruña e Vigo-Pontevedra. Pero cando isto non está dentro do imaxinario de Galicia, na política galega non interesan ou, peor, son vistas como un competidor"
Galicia ten que apostar polas áreas metropolitanas e polas sinerxías económicas Ferrol-A Coruña e Vigo-Pontevedra. Pero cando isto non está dentro do imaxinario de Galicia, na política galega non interesan ou, peor, son vistas como un competidor. Quen debería liderar estes procesos é a Xunta, pero non o fai. A única política territorial que sae da Xunta diríxese á fusión de pequenos concellos e a unha tímida comarcalización pensada para o rural e que ademais quedou en nada.
A autonomía naceu como un proxecto de proximidade, e iso está moi ben. Pero creo que perdeu esa condición, á xente parécelle que está moi lonxe. A autonomía necesita unha modernización e unha actualización. O Estatuto está aí, parado e non hai interese por reformalo. E cando houbo algún intento, co Bipartito, publicamente falouse máis de se ía incluír unha referencia á “Nación de Breogán” que doutros aspectos máis importantes.
Eu sei que este libro vai provocar moitas críticas e moitas reaccións contrarias, tanto polo que digo coma pola maneira en que está escrito. Pero creo tamén que hai moita xente esperando que se empece a falar disto.
No libro criticas as visións "derrotistas" sobre Galicia, que moitas veces funcionan en paralelo a discursos que esaxeran as bondades do país, especialmente dun "idílico" rural. Dá a impresión de que Galicia só pode ser "unha potencia" e un paraíso ou un país atrasado e aldraxado, dun extremo ao outro. Falta ver Galicia como realmente é, coas súas virtudes e defectos?
Hai unhas visións, sobre todo promovidas por certas persoas que politicamente tiveron moito peso nalgún momento, como Beiras ou Paco Rodríguez, que se refiren a unha Galicia aldraxada, a unha Galicia impotente e a unha Galicia colonial e que non se sosteñen se analizas a realidade da Galicia actual. Non é real e, ademais, provoca unha cacofonía no discurso: non podes dicirlle á xente que somos unha potencia cando ao mesmo tempo dis que estamos atrasados e asoballados. Isto, evidentemente, pasa no nacionalismo, pero este discurso impregnou nas últimas décadas á maior parte da esquerda. Por iso boto en falta que dende o socialismo pero tamén dende o espazo que hoxe representa Sumar, se ofrezan outro tipo de referentes.
Entón que facemos co rural? Deixámolo de lado?
"Hai moitas formas que entender Galicia e hai moitas maneiras de sentirse galego. Creo que é algo que podemos aplicar ao presente pero tamén á forma en que se contou a historia Pero aquí lévanse demasiados anos pedindo carnés de 'bo galego'"
Non, hai que xestionalo mellor e darlle mellores servizos, e cun goberno de esquerdas a súa situación de seguro melloraría. Pero non pode ser o centro da política galega nin do imaxinario do que é este país, que é maioritariamente urbanos, coma toda a nosa contorna.
As aldeas van seguir a despoboarse porque non é algo que estea a pasar só en Galicia, senón que sucede en todo o planeta. Pois quizais non hai que desgastar forzas tentado impedir o inevitable. E ás veces parece que certo galeguismo está empeñado en recuperar un modelo que xa desapareceu. Rematar coa Galicia de dúas velocidades nin é posible e seguramente nin é desexable, porque a única forma de facelo realmente é freando a fachada atlántica, e iso sería un suicidio de país.
E se a esquerda gaña as eleccións o 18F que pasa con este libro? As súas teses -sobre todo a da incapacidade do progresismo de gañar as eleccións autonómicas neste marco- quedarían invalidadas?
"Eu sei que este libro vai provocar moitas críticas e moitas reaccións contrarias. Pero creo tamén que hai moita xente esperando que se empece a falar disto"
O libro seguiría tendo todo o sentido do mundo mesmo se o 18F a esquerda conseguimos o Goberno da Xunta. Sería moi bo que a creación dun Goberno de esquerdas estivese acompañada da creación dun novo marco para a autonomía, que creo que sería fundamental para que non pasase o que pasou no 2009. A esquerda xa sabe o que é gañar unhas eleccións autonómicas en Galicia -fíxoo só unha vez, no 2005- pero aínda non sabe o que é manter o poder cando está na Xunta. Galicia e o galeguismo necesitan outra narrativa.