O 18 de febreiro celebraranse as eleccións ao Parlamento galego, nas que o PP aspira a revalidar o Goberno da Xunta e a esquerda busca unha maioría electoral que non acada nos comicios autonómicos dende o ano 2005. Aquel ano, PSdeG e BNG superaron o PP por sete puntos de diferenza. No 2009 os populares regresaron ao poder nuns comicios moi axustados nos que esquerda e dereita sumaron un número moi semellante de votos. Dende entón, a dereita impúxose ao bloque progresista con máis ou menos claridade nas eleccións galegas (2,4 puntos en 2012; 5,1 puntos en 2016; 2,9 puntos en 2020).
Que pasa para que a esquerda gañe en Galicia de forma habitual nas Xerais pero non poida facelo nas eleccións ao Parlamento galego?
En cambio, nas eleccións xerais celebradas nos últimos vinte anos a esquerda (PSOE, BNG, Podemos/EnMarea/GeC/Sumar) obtivo amplas vitorias en Galicia sobre a dereita (PP, UPyD, Cs, VOX) en 2004, 2008, 2015 e nas dúas convocatorias de 2019. A dereita só gañou nas eleccións de 2011 e 2016. Nas últimas eleccións celebradas, o pasado 23 de xullo, de novo o bloque progresista foi o máis votado, con case dous puntos de difenza sobre PP e VOX.
Que pasa para que a esquerda gañe en Galicia de forma habitual nas Xerais pero non poida facelo nas eleccións ao Parlamento galego? Cada convocatoria electoral é distinta pero, sobre todo, cada tipo de elección presenta características diferenciadas no que se refire ao comportamento do electorado. En moitos lugares -en Galicia de forma moi destacada- entra en funcionamento o voto dual, un fenómeno polo cal unha parte significativa do electorado vota sistematicamente nuns comicios a un partido mentres que noutros opta por outra formación. En Galicia funcionou nas últimas décadas un importante voto dual entre PSdeG e BNG (moitas persoas que votaban o PSdeG-PSOE nas eleccións xerais facíano polo BNG nas eleccións autonómicas), ao que se engadiu na última década un voto dual entre BNG e Podemos/EnMarea/GeC/Sumar nas mesmas circunstancias.
Hai un amplo grupo de votantes que vota habitualmente nas eleccións xerais e que practicamente nunca o fai nas eleccións galegas, nas que se abstén. Este fenómeno dáse sobre todo nas cidades e áreas urbanas e afecta principalmente a votantes progresistas
Con todo, este voto dual dentro das opcións progresistas non altera a distribución de sufraxios entre bloques de esquerda e dereita, como tampouco o facía o conxuntural voto dual que chegou a haber entre PP e Ciudadanos entre 2015 e 2019. Si o fai, aínda que de forma pouco importante, un certo voto dual que existiu entre PP e PSdeG, polo que persoas que podían chegar a votar aos socialistas nas eleccións xerais nalgún momento optaron polo PP nas eleccións galegas. Porén, estes trasvases entre bloques son cada vez menos importantes nun contexto de progresiva polarización ideolóxica, como refliten os estudos postelectorais publicados.
A gran diferenza está na participación. Hai un amplo grupo de votantes que vota habitualmente nas eleccións xerais e que practicamente nunca o fai nas eleccións galegas, nas que se abstén. Este fenómeno dáse sobre todo nas cidades e áreas urbanas e afecta principalmente a votantes progresistas que nas xerais votan sobre todo PSdeG-PSOE ou ao espazo Podemos/Sumar pero que nas eleccións ao Parlamento galego optan pola abstención. A súa participación nas eleccións galegas daríalle a maioría á esquerda -como, de feito, sucedeu nos anos 2005 e 2009-. Polo tanto, a súa activación por parte de BNG, PSdeG e Sumar convértese na clave para o resultado das eleccións do 18F.
A participación nas eleccións galegas moveuse nos últimos anos entre o 64,42% de 2009 e o mínimo dos comicios de 2020 (48,96%). En cambio, a participación nas eleccións xerais estivo entre o 55,86% de novembro de 2019 e o 70,97% de 2004
Comecemos analizando as diferenzas de participación nas eleccións xerais e galegas das últimas décadas. As eleccións ao Parlamento galego adoitan rexistrar unha participación entre 5 e 10 puntos inferior aos comicios xerais celebrados un pouco antes ou despois. Tendo en conta o censo de residentes ausentes no estranxeiro (CERA) a participación nas eleccións galegas -con tendencia a decrecer- moveuse nos últimos anos entre o 64,42% de 2009 e o mínimo dos comicios de 2020 (48,96%), celebrados en xullo e no marco da pandemia de COVID. En cambio, a participación nas eleccións xerais estivo entre o 55,86% de novembro de 2019 e o 70,97% de 2004.
Sen contar o censo CERA os valores son máis elevados pero as diferenzas son semellantes: nas galegas o rango está entre o 58,88% de 2020 e o 70,45% de 2009; nas xerais entre o 66,63% de novembro de 2019 e o 76,09% de 2004).
Realizamos unha análise comparada da participación, concello a concello, nas eleccións ao Parlamento galego e da participación nas eleccións xerais. Fixemos unha media das últimas convocatorias (2016 e 2020 no caso das Galegas e os comicios de abril e novembro de 2019 e de 2023 nas Xerais), para evitar nesgos puntuais
Esta diferenza de participación ten lugar de forma semellante en toda Galicia? Ou prodúcese máis nunhas zonas? Realizamos unha análise comparada da participación, concello a concello, nas eleccións ao Parlamento galego e da participación nas eleccións xerais. Fixemos unha media das últimas convocatorias (2016 e 2020 no caso das Galegas e os comicios de abril e novembro de 2019 e de 2023 nas Xerais), para evitar nesgos puntuais, como por exemplo o que podía afectar aos datos de 2020, cunha participación aínda máis reducida do habitual por mor da covnocatoria en pleno mes de xullo e cos efectos da pandemia de COVID.
O mapa amosa claramente un moi diferente comportamento entre unha parte de Galicia que vota máis nas eleccións ao Parlamento galego, en azul, e outra que vota máis nas elecciós xerais, en vermello. Os concellos en azul corresponden case todos ás provincias de Lugo e Ourense e pertencen maioritariamente a zonas rurais e pouco poboadas que votan máis ao PP.
Os concellos en vermello, con maior participación nas eleccións xerais, pertencen ás provincias da Coruña e Pontevedra, pero tamén á Mariña e ás zonas máis urbanas e poboadas de Lugo e Ourense, con máis voto para a esquerda.
Neste gráfico de dispersión obsérvase a relación directa que existe entre unha maior porcentaxe de voto ás formacións progresistas e unha caída da participación nas eleccións ao Parlamento galego. Isto é, nos concellos que máis votan á esquerda (que son, ademais, os máis poboados) é onde máis se reduce a participación nas Galegas.
Nos concellos que máis votan á esquerda (que son, ademais, os máis poboados) é onde máis se reduce a participación nas Galegas
En cambio, a participación nas Galegas aumenta en concellos pouco poboados nos que a esquerda obtén moitos menos votos que o PP.
Hai excepcións, por suposto. O gráfico amosa por exemplo que Corcubión ou A Illa de Arousa -dous concellos que votan maioritariamente á esquerda- apenas rexistran cambios nas súas cifras de participación. E que Entrimo ou A Capela -onde tamén gaña a esquerda- mesmo aumentan a participación nas galegas. De igual xeito, concellos con ampla vantaxe conservadora, como Vilanova de Arousa ou Lalín, teñen un pouco máis de participación nas Xerais. Con todo, son os menos e os seus datos tamén forman parte da tendencia.
Nas cidades a diferenza de participación entre as Xerais e as Galegas van dende máis de 5 puntos de Santiago ata os máis de 9 de Vigo e A Coruña. Nas principais vilas a situación é semellante, con diferenzas de participación de ao redor de 10 puntos en Cambre, Culleredo e Arteixo
Se observamos o que sucede nas cidades e nas vilas máis poboadas, as conclusións fican igualmente claras. Na seguinte táboa compárase a participación electoral e o resultado da esquerda nas eleccións galegas (media de 2016 e 2020) e xerais (media de 2019 e 2023). En todos estes concellos hai unha maior participación electoral nas eleccións xerais, con diferenzas que nas cidades van dende máis de 5 puntos de Santiago ata os máis de 9 de Vigo e A Coruña.
Nas principais vilas a situación é semellante, con diferenzas de participación de ao redor de 10 puntos en Cambre, Culleredo e Arteixo, de 9 en Oleiros e de 8 en Narón, Marín ou O Porriño.
A esquerda superou claramente á dereita nas eleccións xerais nas sete cidades e na maior parte das vilas (agás Ribeira, Marín, Lalín e A Estrada). En cambio, nas eleccións galegas as forzas progresistas só gañaron en Vigo, A Coruña (por só unha décima), Pontevedra e Ferrol (por menos dun punto) e en preto da metade das vilas, e por marxes pequenas.
Nas eleccións do 18F semella que todo se decidirá non por un cambio de votos entre o bloque da dereita e o da esquerda, senón pola activación (ou non) do voto progresista
A mobilización por parte de BNG, PSdeG e Sumar deste voto que si se activa nas eleccións xerais en favor das forzas progresistas pero que nas eleccións galegas decide absterse será a clave para un cambio de goberno o vindeiro 18 de febreiro. Un voto que sobre todo se concentra nas zonas urbanas. Nas eleccións do 18F semella que todo se decidirá non por un cambio de votos entre o bloque da dereita e o da esquerda, senón pola activación (ou non) do voto progresista. Os datos de participación que ao longo da xornada electoral ofrecerán polo tanto moitas pistas sobre o resultado final.