Axudas directas fronte a servizos públicos e un estilo presidencial novo entre a proximidade e o electoralismo marcan o mandato dun Rueda que afrontou a marcha a Madrid de persoas clave na Galicia da última década e media, entre elas Baltar
586 días foron os que separaron a toma de posesión de Alfonso Rueda como sexto presidente da Xunta o 14 de maio de 2022 do seu anuncio este xoves de que adianta as eleccións ao 18 de febreiro de 2024, cando se someterá á avaliación da cidadanía nas urnas. Un ano e sete meses de cambios constantes de cargos na Xunta e continuidade nas políticas, aínda que cun novo estilo Rueda que se distancia do presidencialismo e institucionalismo que tentaba transmitir Feijóo. Tanto porque os anuncios e políticas de Rueda sexan máis efectistas ou mesmo electoralistas como porque tenta transmitir unha maior proximidade á cidadanía.
Rueda herdou a Xunta e o PP de Feijóo en pleno desmantelamento, coa marcha a Madrid co seu antecesor de figuras clave na política galega da última década e media. Homes e mulleres de confianza tiveron que ser substituídos de inmediato na primavera de 2022, pero as mudanzas continuaron en cadea nos meses seguintes e volvéronse intensificar tanto coas eleccións municipais do pasado maio como especialmente coas xerais de xullo, nas que Feijóo deixou a Rueda sen vicepresidente e sen portavoz parlamentario.
A axenda pública de Rueda vén estando centrada en darse a coñecer á cidadanía e transmitir un estilo menos presidencial e distante que o de Feijóo, ao que sí dá continuidade na confrontación co Goberno de Pedro Sánchez
Con novas caras chegou tamén un novo estilo. Mantívose a confrontación constante co Goberno de Pedro Sánchez. Pero se Feijóo se presentaba como o tecnócrata que tomaba as únicas medidas posibles, Rueda non ten problemas en que o identifiquen como o político do PP que tenta amosarse próximo á cidadanía que vota a ese partido e á que se debe. E para que eses e outros posibles votantes o coñezan non dubidou en potenciar desde o primeiro momento unha axenda pública que o levou reiteradamente á TVG, a pasear en bici e moto, a tomar cañas nas vilas, a foros empresariais e a visitas á emigración que nin tentou presentar como viaxes de promoción de Galicia, como facía o seu antecesor.
Darse a coñecer vén sendo para Rueda un obxectivo tan prioritario na súa longa precampaña que a finais de novembro o situou mesmo por riba da prohibición de facer campaña na repetición das eleccións municipais en Castro Caldelas. Non puido levar alí o autobús propagandístico co que invita a cervexas, pero igualmente foi a comer e deixarse ver na vila. Igual que fai algo que máis deixarse ver entre a mocidade coa súa conta de Tik Tok.
Canto ás políticas e a súa xestión, o mandato de Rueda definiuse por un continuísmo matizado, xa que se cabe apostou aínda máis que o seu antecesor polas axudas e subvencións directas á cidadanía e as empresas fronte ao desenvolvemento de novas políticas e servizos públicos.
As axudas directas marcaron o seu único debate de política xeral, o celebrado entre os pasados 9 e 11 de outubro. E as axudas directas seguiron sendo desde aquela, xa coas eleccións no horizonte, as protagonistas dos principais anuncios da Xunta: bono de 5.000 euros ao ano para as persoas dependentes atendidas nos seus domicilios; bono de 120 euros para produtos ou actividades deportivas da rapazada; viaxes gratis nos buses da Xunta para as persoas maiores de 65 anos; descontos diversos para ese colectivo de maiores, entre outros en cruceiros turísticos; ampliación a todo o Estado do bono de 200 euros para a mocidade que faga o Camiño de Santiago; prórroga da conxelación de peaxes nas dúas autoestradas galegas; cotas gratis para os novos autónomos no primeiro ano.
Unha extensa lista á que hai que sumar os bonos ou axudas directas similares que xa implantara Feijóo e que Rueda mantivo e mesmo ampliou ou facilitou, como a decisión de entregar a partir de agora de xeito automático e non previa petición a Tarxeta Benvida para familias con bebés, eido no que a Xunta recibiu diversas sentenzas que condenan os rigorismos formais cos que xestiona esa axuda. Mesmos rigorismos que os tribunais veñen criticando noutros tipos de axudas para o fomento do emprego.
Fronte a estas axudas directas a distintos colectivos, que non sempre atenden á renda das persoas beneficiarias, o Goberno de Rueda seguiu amosándose reticente a ampliar a prestación directa por parte da Xunta dalgúns servizos públicos. Un exemplo podería ser a decisión de subcontratar a xestión das residencias de maiores que a Fundación Amancio Ortega está a construír para doarlle nas sete cidades galegas. A Xunta admite ter cartos para que funcionen, pero prefire que a súa xestión a asuma outro que ampliar o persoal público para facelo ela, como ocorre con outros centros similares.
Mentres, o persoal público, nese e noutros eidos significativos, como a sanidade e a educación, mantivo con poucas variacións no tempo de Rueda as vellas reivindicacións que arrastran desde os recortes ditados por Feijóo hai unha década. Do mesmo xeito que con Rueda seguiron chegando condenas xudiciais de todo tipo derivadas de decisións da época de Feijóo, como tramitacións ilegais de parques eólicos ou de concesións de buses.
No eido lexislativo Rueda seguiu apostando pola constante mudanza en solitario de normas previas, pero tamén foi aprobada por unanimidade unha lei para a xestión pública do Panteón de Galegos Ilustres como "símbolo da identidade do pobo galego"
En materia lexislativa, as correccións en solitario de leis anteriores impulsadas polo propio PP seguiron sendo a nota dominante, especialmente nos eidos ambiental e industrial co obxectivo declarado de facilitar o asentamento de novos proxectos empresariais. Nesa liña sitúase tamén a lei do litoral que a Xunta impulsou para xestionar ela as concesións na costa malia que esa competencia non foi transferida expresamente polo Estado, que ten a norma recorrida ante o Tribunal Constitucional.
Un Constitucional no que Rueda xa obtivo a súa primeira derrota, ao avalar o alto tribunal o imposto ás grandes fortunas creado polo Estado e contra o que recorreu a Xunta en defensa dos máis ricos. Esta lexislación de confrontación, como se podería denominar, sería un elemento máis da estratexia do Goberno de Rueda de secundar a Feijóo nas súas críticas ao Goberno de España.
Porén, no eido lexislativo tamén hai que anotar no haber de Rueda un fito dificilmente equiparable nos anos de Feijóo: a aprobación por unanimidade, a partir dunha proposta asinada conxuntamente por PP, BNG e PSdeG, dunha lei para a xestión pública do Panteón de Galegos Ilustres como "símbolo da identidade do pobo galego e da súa continuidade histórica".
Tamén un fito acadado neste tempo de Rueda á fronte da Xunta e do PPdeG foi a saída dos Baltar da Deputación e do PP de Ourense tras máis de tres décadas de control. Unha marcha de José Manuel Baltar tamén a Madrid, como senador, precipitada tras ser interceptado conducindo a 215 quilómetros por hora un coche oficial, pero cuxo resultado final acabou sendo a colocación á fronte da Deputación e do partido dunha persoa afín a Rueda, Luis Menor.
Antes de marchar Baltar, quen un ano antes fora clave para ratificar a Rueda como herdeiro de Feijóo, o baltarismo e un novo acordo con Jácome permitiron ao PP de Rueda reter a Deputación de Ourense, que xunto coa recuperación da Deputación de Pontevedra e da alcaldía de Ferrol foron os principais logros populares nas primeiras eleccións con Rueda á fronte do partido, as municipais do pasado maio. Os seus segundos comicios foron dous meses despois as xerais de xullo, pero a candidatura nelas de Alberto Núñez Feijóo fai difícil atribuír a Rueda a responsabilidade da ampla vitoria obtida polos populares en Galicia.
Agora está por ver o desempeño electoral de Rueda nas súas primeiras eleccións como candidato. Serán o 18 de febreiro e decidirán se o sexto presidente da Xunta é o máis efémero ou se continúa no cargo.