Infracción da normativa europea, fragmentación ou falta de información: así tomban TSXG e Supremo o modelo eólico da Xunta

Parque eólico en Sasdónigas (Mondoñedo) © Norvento

Durante os últimos anos, máis dunha ducia de sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e do Tribunal Supremo (TS) tombaron varios parques eólicos en Galicia e puxeron o foco na política levada a cabo pola Xunta respecto do sector. Malia todo, empresas, patronal e o propio Goberno galego advirten da "inseguridade xurídica" que ao seu parecer teñen creado uns ditames asinados por cerca de vinte maxistrados de ambos tribunais (sete do Superior galego e doce do Supremo) que argumentan os motivos polos que foron paralizados os diferentes proxectos.

Máis dunha ducia de sentenzas do TSXG e do Supremo tombaron varios parques eólicos, poñendo o foco na política da Xunta no sector. Mentres, Goberno galego e empresas cargan contra a "inseguridade xurídica" que, acusan, crean os ditames xudiciais

Á espera de novas sentenzas que están ao caer, son numerosas as que desde hai algo máis de tres anos acolleron os recursos presentados contra a instalación de diferentes instalacións eólicas. Os motivos principais para tombalos: a fragmentación artificiosa dos parques e a infracción de diferentes normas de dereito comunitario. Con todo, empresas como Greenalia -unha das máis afectadas polas paralizacións- non só alerta da "inseguridade xurídica" senón que sinala e recusa un dos maxistrados do TSXG, Luís Villares, o que levou a que o propio tribunal e asociacións como Xuízas para a Democracia (XXpD) denunciasen a presión de administracións e compañías con duras críticas

Parque eólico nun monte galego CC-BY-SA Praza Pública

Defenden a "independencia xudicial", piden "respecto" e desde XXpD acusan a Greenalia e a Xunta de "debullar un escenario falso" e "optar polo ataque persoal a un órgano xudicial enteiro a través do ataque a un maxistrado". E advirten de que "un responsábel político non pode seriamente atribuír a causa da inseguridade xurídica ás decisións dos tribunais". 

"É no ámbito político no que se deben decidir as normas, pero os responsábeis políticos están vinculados a elas e son eles os que deben evitar, precisamente, que os tribunais teñan que corrixir as súas actuacións por inobservancia dos procedementos", di. "Se consideran que as tramitacións producen inseguridade, ou varían as normas ou varían o seu proceder", di a nota de XXpD. 

A fragmentación artificiosa dos parques e a infracción de diferentes normas de dereito comunitario foron os principais motivos polos que os tribunais acolleron os recursos

Tendo en conta as resolucións ditadas polos tribunais nos últimos anos, as eivas na normativa eólica parecen claras, máis tendo en conta que as queixas da patronal eólica ou de Greenalia non se refiren a ningún artigo legal, senón á suposta falta de axilidade e rapidez nos trámites dos proxectos eólicos. Esa axilidade e simplificación que a Xunta prometera con sucesivas leis e modificacións lexislativas que acabaron por contravir aspectos claves da protección ambiental, da información á cidadanía ou do dereito comunitario. No fondo, unha crítica á parálise no sector que a patronal leva repetindo anos e a asunción da Xunta pola vía dos feitos duns erros dos que acaba derivando a responsabilidade nos tribunais. 

Foi en 2017 cando a Xunta aprobou a denominada lei de iniciativas empresariais, coa que entre outras cuestións reduciu de 30 a 15 días o prazo de exposición pública de proxectos que o propio Goberno galego declarase “de interese especial”. Pero en xaneiro do pasado ano o TSXG, nunha sentenza sobre a repotenciación dun parque eólico en Corme tramitada con ese prazo reducido á metade, estableceu que esa medida contraviña a lexislación europea, que establece que a exposición pública “non será inferior a 30 días”.

Protesta contra os parques eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural CC-BY-SA Plataforma NON Eólicos Bustelo - Campelo - Monte Toural

O prazo reducido da exposición ao público foi, precisamente, un dos dous motivos polos que o TSXG anulou a repotenciación do parque eólico de Corme, pero finalmente a Xunta, que recorreu ante o Tribunal Supremo, renunciou a defender a súa postura nese eido logo, ademais, de que o Goberno de Núñez Feijóo decidira ampliar a 30 días a exposición ao público duns vinte parques para evitar problemas. 

O outro motivo esgrimido polo TSXG na sentenza sobre este parque, de xaneiro de 2022, refírese a outra infracción da normativa comunitaria ao establecer a realización do trámite de información pública sen que a cidadanía teña acceso aos informes sectoriais elaborados por órganos especializados da Administración. Neste caso, tanto a norma galega como a estatal, segundo aclaran fontes xudiciais, infrinxen a lexislación da UE que establece que o trámite de información debe ter lugar con toda a información dispoñible.

O trámite de información pública sen que a cidadanía teña acceso aos informes sectoriais de órganos especializados da Administración foi outro dos argumentos dos tribunais

Estes dous motivos foron tamén os que alegou o TSXG para acoller o recurso presentado por Adega e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica contra o acordo do Consello da Xunta polo cal se concedeu a autorización ao parque eólico Campelo, situado en Coristanco e Santa Comba, e promovido por Greenalia, e que forma parte dunha mesma infraestrutura xunto aos de Monte Toural e Bustelo, este último tamén coa autorización paralizada tras outra sentenza do Superior con semellantes argumentos

Ademais, nos procedementos referentes a estes tres parques o TSXG tamén sinala como motivo de aceptación dos recursos a fragmentación artificiosa dos proxectos, que incide sobre a declaración de impacto patrimonial. No caso da instalación de Campelo, o Superior advirte dunha “indebida fragmentación” do parque, pois non é autónomo e independente respecto dos do Monte Toural e Bustelo, promovidos por promotoras vinculadas. 

Terreos da Serra do Oribio onde se estudaba instalar o parque eólico © ADEGA

"Fragmentación" e "división artificial"

Así, os maxistrados salientan que “ningún letrado nega que os tres proxectos compartan liñas e infraestruturas de evacuación, como tampouco que cada un deles fose obxecto de estudo dos seus efectos acumulativos e sinérxicos, así como da súa propia declaración de impacto ambiental, de modo que con iso recoñecen abertamente que se produciu a fragmentación da avaliación ambiental de proxectos de tres parques eólicos que, en realidade, non eran autónomos, senón integrados e dependentes entre si, ao compartir estruturas e conexións”. 

Son argumentos semellantes aos expresados nas diferentes sentenzas que o TSXG e o TS emitiron ao acoller varios recursos contra un proxecto en Sasdónigas (Mondoñedo). Foi en novembro de 2020 xa cando o TSXG anulou a autorización outorgada pola Xunta en 2018 que permitiu construír un parque eólico grazas a que os seus promotores o tramitaron como dous proxectos distintos. 

Os xuíces censuraron que a “fragmentación” e “división artificial” do parque que consentiu a Xunta evitou que se analizase correctamente o impacto sobre a natureza e o patrimonio e que se tivesen en conta “os efectos sinérxicos ou acumulativos” de dous proxectos que foran promovidos por dúas empresas formalmente distintas, Norvento Sasdónigas SLU e Norvento Estelo SLU, pero que o tribunal rematou considerando como “o mesmo promotor”.

Aquela sentenza, que viría seguida doutras, deitou luz sobre a fragmentación de parques eólicos mesmo por parte dun mesmo promotor para facilitar a súa autorización ambiental, unha denuncia levan facendo diversas entidades por todo o país e que se sustentaría en que canto máis pequeno e menos muíños ten un parque, máis sinxelo lle resulta obter os permisos. Empezando polo feito de que os parques de máis de 50 MW de potencia teñen que ser analizados ambientalmente polo Estado, pero os desa ou menor entidade son autorizados polas comunidades autónomas. Seguindo pola posibilidade que adoitan solicitar á Xunta os promotores de calquera proxecto de que as súas instalacións sexan avaliadas de xeito simplificado e non por un procedemento ordinario máis complexo, decisións que lle veñen supuxeran ao Goberno galego sucesivas condenas xudiciais por non analizar completamente os impactos. E, despois, cos cambios na Lei de Reactivación Económica que para “axilizar” e “simplificar” aínda máis a tramitación dos muíños ou das infraestruturas secundarias que precisan para o seu funcionamento.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o xa ex-vicepresidente económico, Francisco Conde, nunha visita a un parque eólico CC-BY-SA Xunta de Galicia

Naquel caso, como aclara fontes xudiciais, non se adoptaron medidas cautelares, polo que ao acollerse o recurso deberán ser demolidos parques que hoxe están en funcionamento. Tampouco se aplicaron co caso do parque eólico en Corme (Ponteceso), polo que a execución da sentenza, así que sexa firme, obrigará a demoler tamén as obras de repotenciación. 

Fontes xurídicas aclaran que as medidas cautelares agora criticadas polo sector evitan maiores impactos ambientais e económicos que se produciron noutros casos

Foi por iso, segundo as mesmas fontes, polo que si se están a impor medidas cautelares nas sentenzas referentes aos parques que forman o conxunto de Bustelo, Campelo e Monte Toural. Evítase así que se executasen para logo ter que ser demolidos, o que acabarían causando un maior impacto ambiental e un custo maior tanto para as empresas como para a Administración, que mesmo podería ser condenada por responsabilidade patrimonial ao ter concedido unha licenza ilegal. 

Os propios autos xudiciais especifican que a paralización cautelar débese, precisamente, á procura de evitar danos ambientais innecesarios e danos económicos ás empresas e á Administración. 

A aplicación de medidas cautelares, que tantas críticas ergue por parte da patronal eólica ou da Xunta, tería evitado tamén problemas no caso do parque eólico do Oribio, en Triacastela. Logo de varias sentenzas do TSXG no que se advertía da caducidade da declaración de impacto ambiental e da afección da instalación a espazos naturais protexidos, o pasado setembro o Tribunal Supremo anulou definitivamente o permiso da Xunta

O TS ratificou a sentenza coa que ano e medio antes o TSXG anulara a autorización que a Xunta dera en 2019 para a instalación do parqu en zona da Rede Natura 2000, onde chegaron a comezar os movementos de terras. O alto tribunal rexeitou os recursos que formularon tanto a Xunta como a empresa promotora do parque.

O caso é que a Xunta autorizou o parque como unha modificación doutro non iniciado que obtivera permiso ambiental en 2005. Malia que desde aquela quedaron prohibidos os parques eólicos en Rede Natura, o Goberno galego considerou que aquel permiso ambiental seguía vixente xa que o novo parque non era máis que unha modificación do que xa tiña autorización. Porén, tanto o TSXG como o Supremo desbotárono. O Supremo chegou a dicir que, ante a solicitude da empresa, a propia Xunta debeu instar a caducidade do permiso ambiental de 2005 en lugar de consideralo aínda vixente.

Ao non terse aplicado medidas cautelares, como advirten fontes xurídicas, haberá que restaurar en execución de sentenza demolendo as zapatas dos muíños. Non se rematara de construír o parque, pero ao non ter paralizado o proceso, o dano xa está feito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.