O 2 de febreiro de 2018, o Consello da Xunta declarou "de interese especial" o proxecto para repotenciar o parque eólico de Corme, en Ponteceso, ao abeiro da súa lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, que aprobara en 2017. Tras a xuntanza fixo público que o plan, promovido por EDP Renováveis, pasaba por substituír 61 aeroxeradores xa instalados por 7 máis grandes e de maior potencia e que a declaración aprobada implicaba "a redución á metade dos prazos necesarios para obter as autorizacións preceptivas".
O Tribunal conclúe que a Xunta non pode acurtar a 15 días o prazo de exposición pública do informe de impacto ambiental porque, aínda que a súa lei de implantación de empresas o permite, a normativa comunitaria fixa que deben ser cando menos 30
En novembro de 2019, o Consello aprobou definitivamente o proxecto, aínda que xa sen incluílo na referencia pública sobre os asuntos tratados. Este segundo acordo foi recorrido por afectados polo proxecto. A sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de lles dar a razón en parte dos seus argumentos e, nunha sentenza ditada este 21 de xaneiro de 2022, anula a autorización da Xunta para repotenciar o parque por reducir á metade, de 30 a 15 días, o prazo para a consulta pública do informe de impacto ambiental e, de ser o caso, que as persoas ou colectivos afectados presentasen alegacións. As obras, en todo caso, xa están rematadas.
Explica a sentenza que "nada impide reducir o prazo de información pública" de 30 a 15 días "no caso da actuación tendente a obter a autorización previa e de construción" dun parque eólico, proceso "estritamente suxeito á lei de aproveitamento eólico" do ano 2009, coa que o Goberno do PP substituíu o plan eólico do Executivo de coalición PSdeG-BNG. Pero "non sucede o mesmo coa redución" que a lei de iniciativas empresariais de 2017 "fixo no que concirne á instrución do procedemento de avaliación ambiental".
Como "a primacía do dereito comunitario non deixa lugar a dúbidas", o TSXG conclúe que "a redución á metade do prazo de información pública" do impacto ambiental da repotenciación do parque de Corme "non foi acorde a dereito" e sentencia que a Xunta tamén contravén a norma da UE na tramitación dos informes sectoriais sobre o proxecto
A razón, sinala o Tribunal, é que estoutro procedemento está suxeito á lei estatal de avaliación ambiental. É unha norma de 2013 que foi modificada en 2018 -daquela, despois da lei de fomento empresarial da Xunta (2017), pero antes da autorización definitiva do proxecto de Corme (2019)- para adaptala ("de forma tardía", destaca a sentenza, porque debera estar en vigor a máis tardar en 2017) á directiva europea que regula "a avaliación das repercusións de determinados proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente". E esa normativa europea, combinada con outra de 2014, implica que a exposición ao público da avaliación de impacto ambiental "non será inferior a 30 días".
"A primacía do dereito comunitario sobre o autonómico non deixa lugar a dúbidas", sinala o alto tribunal galego, polo que disto "se conclúe que non foi acorde a dereito a redución do prazo de información pública á metade no procedemento de avaliación de impacto ambiental" que a Xunta fixo na súa lei de iniciativas empresariais e aplicou á repotenciación do eólico de Corme. "En ningún caso -enfatiza- podía ser inferior a 30 días", pero o Goberno galego "estende indebidamente e á marxe do ordenamento superior" ese prazo reducido.
Como no caso do parque eólico de Sasdónigas (Mondoñedo), a sentenza que anula a autorización chega cando as obras xa concluíron
O TSXG atopa ademais outra eiva no proxecto anulado. A normativa europea, subliña, deixa claro que os diferentes informes sectoriais (de diversos departamento da Xunta e doutras entidades) sobre o impacto dun proxecto coma este "teñen que obterse antes do trámite de información pública" e neste caso foron tramitados "ao mesmo tempo", polo que a poboación interesada non puido "exercer de forma plena o seu dereito de participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban" sobre o "contido, extensión e definición do proxecto".
Por todo isto, o Superior anula o acordo co que o Consello da Xunta aprobou en 2019 sen facelo público a repotenciación deste parque eólico como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Faino nunha sentenza que é susceptible de recurso de casación ante o Tribunal Supremo e que chega, en calquera caso, cando o proxecto cuxa autorización queda anulada xa está concluído. Neste sentido é un caso semellante ao do parque de Sasdónigas (Mondoñedo), do que o TSXG anulou en 2020, cando xa estaba en funcionamento, a aprobación definitiva outorgada pola Xunta dous anos antes porque a súa fragmentación artificial impedira avaliar correctamente o seu impacto.