O Consello da Cultura Galega (CCG) "urxe" a Xunta a que aplique unha "moratoria na autorización de parques eólicos" para que as administracións corrixan as numerosas "eivas" que a entidade observa na que considera "forte expansión" dos aeroxeradores en Galicia.
Un informe do Consello da Cultura urxe a unha "moratoria na autorización de parques" para "revisar o Plan Sectorial Eólico e sometelo a avaliación ambiental"
Así o solicita a entidade no informe que elaborou a raíz da petición que sobre o impacto xeral da proliferación de parques lle fixeron varias administracións, particulares ou asociacións e que foi presentado este martes. Coordinados pola historiadora e doutora en Arqueoloxía Rebeca Blanco Rotea, varios expertos debullan nun extenso documento o sector eólico advertindo de que "a enerxía renovable e as súas instalacións non son negativas para Galicia e o seu desenvolvemento, senón todo o contrario", pero sinalando tamén que "a maneira en que se está desenvolvendo resulta negativa para ámbitos da nosa sociedade tan sobranceiros como a cultura e, incluso, a economía, a afectación ás paisaxes, o medio ambiente ou o patrimonio".
Logo de case cen páxinas de análise da situación, o informe Enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia conclúe a necesidade desa moratoria inmediata na autorización de parques -que coincide coas demandas de varias administracións e numerosas plataformas veciñais-, para poder así, de maneira "prioritaria", "revisar o Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG) e sometelo a avaliación ambiental estratéxica".
Así, o CCG considera tamén urxente revisar o devandito PSEG para "atender aos obxectivos sinalados nas Directrices da Paisaxe respecto dos obxectivos de calidade paisaxística e á protección dos valores culturais do territorio" que recoñece a Lei do patrimonio cultural de Galicia.
O informe do Consello da Cultura recorda que, como recoñeceu tamén a propia Administración, a Xunta non está a avaliar o efecto ambiental do plan eólico de 1997 que é o que ampara o actual bum eólico e que só o fai con cada parque, malia as normativas que obrigan a avaliar ambientalmente os plans e non só os proxectos individuais.
Do mesmo xeito, o informe pide tamén atender á protección dos valores naturais dos espazos que aínda non foron incorporados á Rede Natura e considera "necesario" ampliar esta Rede Natura para tamén "caracterizar as paisaxes cunha definición a maior escala e detalle".
"A salvagarda dos valores do territorio ante o desenvolvemento eólico actual require unha actuación proactiva da Administración na identificación, inventario e protección deses valores", di o CCG, que insta tamén a Xunta, ante a proliferación de tramitacións de parques eólicos, a "salvagardar lugares que teñen valor pola súa riqueza natural, cultural, paisaxística, etnográfica ou histórica". "Coa implantación masiva dos parques eólicos estase a superar a capacidade de carga do sistema natural", alerta.
"Coa implantación masiva dos parques eólicos estase a superar a capacidade de carga do sistema natural", alerta o informe
De feito, destaca que en Galicia existen 176 parques eólicos, cunha potencia de 3.867
megavatios situados en 121 dos 313 concellos. E aclara que, aínda que non existe un rexistro público oficial, estímase que "está en trámite a concesión de 275 parques, que sumarían 7,200 megavatios, o que dá conta da súa dimensión".
Porque o CCG advirte da "afección real ao patrimonio natural e cultural, especialmente ás paisaxes culturais" que o actual modelo eólico pode provocar. De aí, explican os expertos, que "de maneira propositiva" intenten "propor alternativas que melloren a situación do patrimonio en Galicia, das paisaxes culturais, e minimizar o impacto producido" pola instalacións de aeroxeradores.
O CCG sinala "a importancia que ten para Galicia a existencia dun plan estratéxico de enerxía renovables que aproveite a nosa potencialidade e mellore a eficiencia enerxética do país", mais tamén considera "unha obriga dos poderes públicos compatibilizar a necesidade deste plan estratéxico coa salvagarda ambiental e patrimonial da nosa comunidade".
Por iso, advirte de que "a construción de parques eólicos cubrindo a totalidade do territorio galego racha coa conectividade entre lugares, coa imaxe da paisaxe tradicional e coa memoria colectiva dos seus habitantes".
"A construción de parques cubrindo todo o territorio galego racha coa conexión entre lugares, coa imaxe da paisaxe tradicional e coa memoria colectiva"
De aí tamén que considere "necesaria unha estratexia dotada de instrumentos, medios e recursos que redefina a escala de xestión na que o territorio se considera marco e escenario de xestión transversal do patrimonio cultural". E pide "desenvolver unha nova cultura sobre o territorio como elemento aglutinador e portador de valores culturais, e garante da permanencia do patrimonio, así como mudar a visión del cun novo enfoque que permita xestionalo dunha forma integral".
Respecto das denuncias habituais de artimañas legais como a fragmentación de parques eólicos para facilitar a súa autorización, nalgún caso censurada por tribunais como o Supremo, o CCG é tamén contundente. Así, pide "un compromiso político coa integración ambiental do desenvolvemento eólico" e que se "impidan tácticas como a individualización de parques eólicos contiguos que comparten infraestruturas comúns, evitando analizar os seus efectos acumulativos ao avalialas por separado ou o fraccionamento dos proxectos, que se analizan como elementos illados cando deberían ser un todo único que se examinase de forma conxunta".
O Consello da Cultura pide "compromiso politico" para impedir "tácticas" como a fragmentación artificial dos proxectos eólicos
"Esa avaliación, así como as súas e as propias insuficiencias, provocan un alto potencial de danos ambientais e patrimoniais non diagnosticados que poden ser irreversibles pola ausencia de avaliación dos ecosistemas afectados", aclara.
Do mesmo xeito, e a raíz das múltiples queixas sobre a escasa participación pública nos proxectos, o CCG di que "non se pode equiparar" esta coa información pública. "A segunda non pode substituír á primeira", insiste, ao advertir de que a planificación dos territorios susceptibles de acoller parques eólicos "debe contar coas comunidades locais polo seu coñecemento do territorio, sen furtarlles o dereito a ser parte das decisións que afectan a súa relación co territorio que habitan, segundo ampara o Convenio europeo da paisaxe".
Para os expertos -entre os que se atopan tamén David Barreiro Martínez, Teresa Nieto Freire, Augusto Pérez Alberti, Xavier Simón, Carlos Amoedo e Xosé Ignacio Vilaseco- "é incuestionable" que o despregamento eólico previsto "modificaría negativamente o territorio e as súas dinámicas e xeraría unha nova paisaxe".
"Replanificar o modelo de desenvolvemento"
"É necesario tomar conciencia dos procesos sociais e económicos que xeran estas novas formas da paisaxe, anticipar os efectos que produciría a implantación dos parques e consideralos dentro do proceso de toma de decisións sobre un territorio pensado globalmente", din.
Por todo isto, e "a curto prazo", o CCG insta a mellorar varios dos instrumentos dos que xa dispoñen, como son "a ordenación do territorio e a avaliación ambiental", redeseñando e mellorarndo a súa función e "considerando de xeito integral as múltiples afeccións que as instalacións eólicas xeran á sociedade, ao contorno ambiental, perceptivo e material, e á propia vida das comunidades".
Xa a longo prazo, o informe conclúe que debería "replanificarse o modelo de desenvolvemento económico cara a unha sociedade sustentable, o que inclúe unha reflexión sobre as condicións reais de sustentabilidade das chamadas enerxías renovables".