Unha vintena de concentracións reclaman unha "moratoria eólica real e efectiva"

Participantes na concentración da plataforma 'Eólica así non' en Antas de Ulla, este 11 de decembro CC-BY-SA Adega

Unha vintena de concentracións convocadas para este 11 de decembro, Día Mundial das Montañas, reivindicaron en vilas e cidades galegas que a Xunta poña en marcha unha "moratoria eólica real e efectiva". Impulsadas por organizacións veciñais e ecoloxistas e tamén apoiadas dende o ámbito político polo BNG, estas protestas advertiron de que "as montañas galegas son as principais vítimas" dunha "caótica vaga" de novos proxectos que, din, cómpre frear e ordenar.

Segundo a plataforma Eólica así non, a súa alerta polo "impacto singular e irreparable" que poden traer consigo "máis de 300 proxectos de enerxía eólica que se atopan actualmente en tramitación, que se suman aos 186 en funcionamento. Aseguran estar a defender "verdadeiros santuarios de biodiversidade, que preservan endemismos e hábitats de especial interese" como brañas, lagoas ou turbeiras.

Manifestación en Bembibre (Val do Dubra) na xornada de mobilización da plataforma 'Eólica así non', este 11 de decembro CC-BY-SA Adega

A súa importancia na conservación da fauna ou como acubillo de "nacentes dos ríos e regos dos que nos abastecemos", abondan, fai precisa a moratoria eólica que, reclaman, debería afectar tanto aos proxectos formulados ante a Xunta como os impulsados ante o Estado. Ese freo, manteñen, debería traer consigo unha reformulación do "desfasado plan sectorial eólico de Galicia" e das que denominan como "leis de depredación", en referencia ás normas aprobadas polo actual Goberno galego que permiten simplificar diversos trámites empresariais.

O seu obxectivo, acrecentan, é que se "deseñe, de forma participativa, outra planificación eólica máis xusta coa sociedade, o noso rural e a contorna ambiental" e que non deixe o desenvolvemento eólico "nas mans do oligopolio eléctrico". Neste sentido, advirten, a "mal chamada moratoria eólica do Goberno de Alberto Núñez Feijóo non dá resposta a ningunha das nosas reclamacións", din en referencia á medida tramitada pola Xunta xunto aos Orzamentos de 2022, na que admite que non dá tramitado todos os proxectos eólicos que lle piden e, ata despois das eleccións municipais de 2023, só impulsará os que elixa entre os xa presentados.

Mobilización de 'Eólica, así non' en Marín, este 11 de decembro de 2021 CC-BY-SA Eólica así non

"Denunciamos a falsidade e a inefectividade desta medida", advirten, porque "só afectaría aos proxectos que inicien a súa tramitación en 2022 e con excepcións", pero non atinxiría a ningún dos que xa están a tramitarse. "Estamos a favor das enerxías renovables, necesarias para afrontar o reto climático, pero rexeitamos de raíz o actual modelo enerxético e a forma na que se está a concibir a implantación da enerxía eólica", conclúen. As mobilizacións deste 11 de decembro, resaltan, foron apoiadas por ata 170 colectivos de diferentes eidos. Afirma a asociación ecoloxista Adega que a suma de todas as protestas xuntou unhas cinco mil 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.