Galicia vive inmersa dende hai tres anos nun acelerado desenvolvemento de novos proxectos eólicos, coa instalación dun gran número de novos parques e a tramitación doutros moitos proxectos. Cando en xaneiro do ano 2019 botou a andar o Observatorio Eólico de Galicia, impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Universidade de Vigo e a Fundación Isla Couto, os seus promotores destacaban que "no actual relanzamento da enerxía eólica non se debe caer nos mesmos erros cometidos anteriormente", como subliñaban nesta entrevista Xavier Simón e Demián Copena. Facían referencia á primeira fase do desenvolvemento do sector eólico en Galicia, entre 1995 e 2009, que se levou a cabo sen apenas participación das comunidades locais e con beneficios limitados para as zonas nas que se instalaron estes parques eólicos.
"É mellor utilizar recursos renovables e empregar redes de distribución descentralizadas. A centralización non só se refire a que son redes que producen nun lugar e distribúen de forma indiferenciada en calquera outro punto, senón tamén a que son xestionadas por un número moi limitado de actores"
Porén, varias desas características semellan estar a repetirse arestora, de novo con proxectos eólicos moi agresivos, instalados moitas veces en áreas de gran valor ecolóxico e, sobre todo, deixando un beneficio moi cativo nas zonas da Galicia rural nas que se instalan. Todo isto motivou unha crecente mobilización social, que nestes momentos está a preparar accións conxuntas. O Observatorio Eólico (OEGA) leva a cabo un traballo continuo de análise do sector eólico e das novas iniciativas, no que ten que superar a falta de transparencia que está a caracterizar a moitas destas iniciativas. Tamén ofrece un servizo de información, divulgación e asesoramento para os propietarios de terras e comunidades rurais onde que se queren instalar estes proxectos, buscando fortalecer a súa posición negociadora. E, igualmente, pula por un modelo máis sustentable e xusto de desenvolvemento eólico que hoxe en Galicia semella seguir moi afastado.
Na súa web, o OEGA publica moitos destes documentos e guías, un observatorio de prezos pagados polas terras, un relatorio de boas prácticas, así como novas de actualidade sobre o sector eólico galego e análises sobre proxectos concretos. Por exemplo, este verán debullou algunhas das iniciativas que se concentran no norte de Galicia, coma o macroparque que ENEL proxecta na Capela, As Somozas, Cabanas, Cedeira, Cerdido, Fene, Guitiriz, Moeche, Neda, San Sadurniño, Valdoviño, Vilalba e Xermade, con 128 aeroxeradores. Ou os catro parques que Iberdrola busca instalar en catro concellos coruñeses. Falamos con Xavier Simón, director do Observatorio.
Unha pregunta de base, para comezar. Necesitamos producir máis electricidade? É a enerxía eólica a mellor forma de obtela?
Ben, necesitamos electricidade e podemos conseguila por distintas vías, de fontes renovables ou non renovables e, ademais, a través de sistemas moi centralizados ou máis descentralizados. Neste contexto, é mellor utilizar recursos renovables e empregar redes de distribución descentralizadas e autónomas. A enerxía eólica, tal e como está concibida na actualidade, cumpre coa primeira das condicións -é renovable-, pero incumpre a segunda. A centralización non só se refire a que son redes que producen nun lugar e distribúen de forma indiferenciada en calquera outro punto, senón tamén a que son xestionadas por un número moi limitado de actores, o que leva a que as comunidades locais xoguen un papel insignificante e pouco activo. Penso que hoxe en día a oposición que estamos vendo á instalación de moitos parques eólicos rexeita non o carácter eólico, senón o seu aspecto centralizado e é lóxico que así sexa.
Nas últimas semanas xurdiron algunhas críticas contra estas mobilizacións contra a instalación de novos parques eólicos acusándoas de caer no coñecido como NIMBY ("Not in my back yard": non no meu patio traseiro) introducido polo thatcherismo, denunciando de forma hipócrita unha produción industrial que despois aproveitan en forma de electricidade. Porén, estas críticas esquecen que as zonas rurais sofren a maior parte dos impactos negativos da instalación dos parques eólicos pero obteñen moi poucos beneficios por eles. Que opinas desta cuestión?
"Nestes momentos hai unha distribución asimétrica dos beneficios e dos custos, absolutamente inxusta. Polo tanto, as mobilizacións son máis que lóxicas. Que esperaban? Que a xente non se mobilizase?"
Ese argumento paréceme moi fraco, moi pouco rigoroso. Nestes momentos hai unha distribución asimétrica dos beneficios e dos custos, absolutamente inxusta. Polo tanto, as mobilizacións son máis que lóxicas. Que esperaban? Que a xente non se mobilizase? Que nos cruzásemos de brazos? É normal que xorda un gran movemento social que reaccione na procura de cordura e de equidade social. O rural en Galicia e en toda a Cornixa Cantábrica está desaparecendo, hai un despoboamento bestial, sofre eivas no acceso a servizos públicos básicos... E agora atópase con isto. A sociedade galega, ademais, leva décadas contribuíndo á atenuación do cambio climático, porque xogamos na Champions da produción de electricidade de baixas emisións de CO2, a través da enerxía eólica e hidroeléctrica.
"Estamos nun boom impresionante e a xente está moi preocupada porque todos os territorios rústicos sen protección ambiental son válidos para establecer parques eólicos"
Estamos aquí de paso, persoalmente e como xeración, e está claro que imos seguir necesitando electricidade. Pero nunha perspectiva de longo prazo o que se require é que os gobernos -o Goberno español e o Goberno galego- muden o marco regulador dos procesos de implantación e de desenvolvemento da enerxía eólica, dándolle unha participación real -non marxinal nin residual- ás comunidades rurais e establecendo lugares de protección que fiquen á marxe do establecemento de aeroxeradores. Agora estamos nun boom impresionante e a xente está moi preocupada porque todos os territorios rústicos sen protección ambiental son válidos para establecer parques eólicos. O que se necesita é mudar o modelo; se o modelo fose máis participativo, máis inclusivo, máis de abaixo a arriba, primando o autoconsumo e reducindo as distancias que percorre a enerxía, estou seguro que en vez dese invocado NIMBY (Not in my back yard: non no meu patio traseiro) teríamos un PIMBY (Please, in my back yard: por favor, no meu patio traseiro).
Hai máis de dous anos facíades dende o Observatorio un chamamento a "non caer nos mesmos erros" cometidos no anterior desenvolvemento eólico. Estamos caendo en erros semellantes?
"Non só estamos cometendo os mesmos erros, senón que son os mesmos erros elevados á enésima potencia"
No desenvolvemento eólico, non só estamos cometendo os mesmos erros, senón que son os mesmos erros elevados á enésima potencia. Agora temos unha situación que sen dúbida é moito peor da que tiñamos hai 20 anos, as comunidade rurais están máis indefensas. O actual boom da enerxía eólica en Galicia faise de forma tan acelerada, cunhas normas tan antigas, cun modelo tan depredador e cunha perspectiva tan centralizada e verticalizada que eses avisos que realizaba o Observatorio Eólico e antes a Universidade de Vigo caeron en saco roto, non serviron de nada.
O que ocorre é que agora a tecnoloxía é moito máis eficiente, polo que o rendemento anual dos parques eólicos é moito maior que antes. Co incremento da altura dos aeroxeradores e da súa área de varrido increméntase de xeito exponencial a capacidade de produción anual, polo que o beneficio das empresas é moi superior. E o que pasa, ademais, é que o Goberno galego oficializou a posibilidade de excluír a competidores na medida en que sexas capaz de colocar un proxecto na fase de admisión a trámite, evitando a competencia entre promotores. Este é un elemento moi significativo que acelera de forma bestial as asimetrías que existen entre promotores e comunidades rurais.
Os prezos que se pagan polas terras seguen a ser moi baixos, non si?
"Hai empresas que conseguen unha expropiación pagando cantidades ridículas e, de inmediato, comezan a gañar millóns de euros con ese aeroxerador"
Cando imos dar charlas por distintos lugares de Galicia atopamos moita xente que non dá crédito a que sexa posible expropiar unha terra da maneira en que se está facendo e aos prezos que se están pagando. Hoxe en día a lexislación permite que che expropien unhas terras para instalar un aeroxerador e que esas terras chas paguen polo valor do que hai na súa superficie -se ten toxos, polo que custa o monte baixo, e se ten piñeiros un pouco máis-, en lugar de valorala polo valor enerxético do terreo, é dicir, polo que a empresa compradora vai gañar alí. Hai empresas que conseguen unha expropiación pagando cantidades ridículas e, de inmediato, comezan a gañar millóns de euros con ese aeroxerador. Isto si que require un cambio normativo importante, para que esas empresas paguen en función da estimación que ingresos que vai ter por ese aeroxerador nas seguintes décadas.
Para mudar o modelo hai que cambiar a lexislación ou pódense levar a cabo modificacións importantes coas actuais normas?
Hai tres anos publicamos un informe no que propoñíamos unha serie de medidas que permitirían mellorar o desenvolvemento eólico sen necesidade de cambios lexislativos e outras medidas que si requirirían de cambios lexislativos. Habería que poñer en práctica unhas e outras.
Como sería, idealmente un sector eólico sustentable? Como se podería deseñar?
É moi complexo responder nunha entrevista a esa cuestión. Pero en todo caso, un modelo diferente require concibir en primeiro lugar que necesitamos eliminar consumos superfluos de enerxía en xeral e de electricidade en particular. Debemos cuestionar a crenza de que o crecemento económico indefinido, o aumento da produción eléctrica, do consumo de cemento... son posibles dentro deste planeta Terra. Isto non significa renunciar a niveis de benestar, xa que está demostrado que cando se chega a un certo nivel de benestar, como o que temos os occidentais, os incrementos adicionais do consumo ou da produción xa non xeran un maior benestar.
"Un modelo diferente require concibir en primeiro lugar que necesitamos eliminar consumos superfluos de enerxía en xeral e de electricidade en particular"
En segundo lugar, temos claro que estamos a favor das políticas encamiñadas á eliminación progresiva das formas de produción eléctrica (e en xeral enerxética) a partir de fontes non renovables e altamente contaminantes. Pero ao mesmo tempo consideramos que é importante darlle unha boa volta a como xestionamos ese novo modelo enerxético onde as renovables comezan a xogar un papel diferente ao que xogaban hai 30 anos. O que non podemos é manter unicamente a confianza na propiedade privada dos medios de produción e dos modelos de xeración, esquecendo outras formas de propiedade que están contempladas no European Green Agreement, o acordo verde europeo. O Green New Deal, que non é excesivamente transformador, si fala de novas formas de propiedade nas que a cidadanía teñan un papel máis proactivo, porque aquí parece que a propiedade privada e centralizada é a única posible. Falo das cooperativas, pero tamén a propiedade pública, cando estamos vendo como Estado italiano ou o noruegués son propietarios de parques eólicos en España.
Despois, dende o punto de vista ambiental, o Goberno da Xunta está tendo moi baixa sensibilidade e incorrendo en contradicións. Hai espazos que quedaron fora dunha ampliación da Rede Natura por razóns meramente administrativas e neses lugares agora se propón a instalación de parques eólicos. Debería haber zonas libres de instalación de aeroxeradores e deberíamos apostar máis pola repotenciación dos parques eólicos actuais que pola ocupación de novas terras.
Algunha outra cuestión que sería importante poñer enriba da mesa?
"O impacto social, medioambiental e paisaxístico sería menor se en lugar de ocupar máis territorio que agora está libre se incentivase o repotenciamento de parques eólicos que están obsoletos"
Hai unha cuestión fundamental da que non se está a falar, que é o repotenciamento dos parques eólicos. Os parques eólicos en Galicia están obsoletos na súa maior parte, pero aínda así son un modelo moi lucrativo, porque no seu momento as primas permitiron amortizar rapidamente o investimento e o custo de producir enerxía eléctrica cun aeroxerador é de practicamente 0 euros. Se fose necesario incrementar de forma progresiva a potencia eólica instalada, o impacto social, medioambiental e paisaxístico sería menor se en lugar de ocupar máis territorio que agora está libre se incentivase o repotenciamento de parques eólicos que están obsoletos.
Na web do Observatorio analizades algúns casos particulares, en especial os macroproxectos que ENEL e Iberdrola impulsan no norte de Galicia, nomeadamente no norte da provincia da Coruña. Son casos singularmente graves?
"Queremos denunciar que o Ministerio permita a partición de parques eólicos a pesar de que compartan infraestruturas"
Eses dous macroproxectos destacámolos fundamentalmente por unha razón. Os parques promovidos por Iberdrola e ENEL están maioritariamente fóra de ADE (Área de Desenvolvemento Eólico). Tamén os destacamos porque están divididos en varios parques eólicos cando entendemos que se trata dun único gran parque eólico, porque comparten infraestrutura. Queremos denunciar isto: que o Ministerio permita a partición de parques eólicos a pesar de que compartan infraestruturas.
Tamén destacamos o caso porque ENEL, que é unha empresa pública italiana, trata de aproveitar un pastel moi gorentoso, que son os 1.500 MW que quedan libres trala desconexión dos grupos da central térmica das Pontes. Salientamos tamén algúns aspectos moi rechamantes, como é que o parque eólico Pena do Corvo de Iberdrola e o parque eólico Taboada de EDP están sendo tramitados de forma solapada sobre o mesmo terreo. E o mesmo pasa con dous parques eólicos de ENEL e Greenalia. Como é posible que o Ministerio admita a trámite isto?