O Observatorio Eólico da Universidade de Vigo analiza como as enerxéticas evitan negociar cos donos dos terreos porque a Xunta adoita autorizarlles a expropiación sen valorar o potencial económico do lugar
O parque eólico Pena Armada, en Friol, comezou a operar en 2004 con 23 muíños despois de que o 80% da superficie que ocupa fose expropiado por arredor de 400.000 euros. 15 dos seus xeradores, o 65,2% da potencia total do parque, están en terreos expropiados a unha comunidade de montes que prefería negociar coa empresa, controlada por Endesa, pero a Xunta autorizou a expropiación e só no ano seguinte á súa posta en funcionamento, 2005, facturou xa pola venda de electricidade uns 4,3 millóns de euros, cifra que en 2015 chegou a 5,5 millóns.
É un dos exemplos da debilidade en que a Xunta deixa aos propietarios de terreos fronte ás empresas enerxéticas que recolle o Observatorio Eólico de Galicia na Guía para o incremento do valor social e económico da enerxía eólica nas comunidades rurais que veñen de elaborar os profesores Xavier Simón e María Montero, da Universidade de Vigo; Damián Copena, da de Oviedo, e David Pérez Neira, da de León.
Desde 2017 a Xunta xa non esixe ás empresas que xustifiquen os motivos polos que non puideron chegar a un acordo cos propietarios dos terreos antes de solicitar a expropiación
Os parques eólicos poden instalarse tras acordos entre as empresas promotoras e os propietarios dos terreos para a súa venda ou alugueiro ou tras unha expropiación. Os montes comunais non poden venderse, así que neses casos as opcións redúcense. Pero desde a Lei 5/2017 de fomento da implantación das iniciativas empresariais, a que os seus críticos bautizaron como Lei de Depredación, as empresas xa non teñen que xustificar ante a Xunta os motivos polos que non puideron chegar a un acordo cos propietarios antes de solicitar a expropiación dos terreos. E adoitan solicitar a expropiación porque a Xunta adoita concedela.
“As promotoras semellan ter carta branca para solicitar a declaración de utilidade pública [expropiación], que nos procesos administrativos que temos analizado (máis de 150 parques) case na totalidade deles foi concedida”, salienta o documento do Observatorio Eólico. A ameaza da expropiación “xoga sempre como unha panca que empurra os acordos cara a rendas máis baixas e condicións máis severas para os propietarios/as”, engade a guía, porque os preitos nos que poden derivar as primeiras son de resultado indeterminado, de aí que os autores do documento sinalen que “é mellor un mal acordo que unha boa expropiación, simplemente porque esta última non existiu ata o de agora”. E poñen exemplos.
Tras autorizar a Xunta a expropiación “a empresa ocupará o monte de forma inmediata” mentres que “as propietarias ou propietarios agardarán anos para coñecer o resultado final”
Por unha banda, tras autorizar a Xunta a expropiación “a empresa ocupará o monte de forma inmediata” mentres que “as propietarias ou propietarios agardarán anos para coñecer o resultado final”. Por outra, o criterio de valoración empregado polos xurados de expropiación designados pola administración e avalado pola xustiza adoita ser o da comparación con outras terras similares rústicas ou agrarias e non o valor que xerará a explotación do recurso eólico existente neses lugares e non noutros.
E poñen o exemplo do antedito parque eólico de Pena Armada, no que “a comunidade de montes non quería a expropiación, quería o acordo coa empresa”, que pola contra “solicitou e obtivo a declaración de utilidade pública e expropiáronse os predios”. A continuación “a comunidade de montes comeza un camiño de informes, avogados, peritaxes, xulgados, tribunais, maxistrados... Resultado final: pola expropiación de case o 80% da superficie total expropiada para o parque eólico o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou o prezo xusto fixado polo Xurado Provincial de Expropiación de Lugo: unha cantidade que se situaba arredor dos 400.000 euros”. Pero deles, “descontando os gastos de equipo xurídico e pericial, a comunidade ingresou a metade, aproximadamente”. Fronte a eses cartos ingresados nun único momento pola comunidade de montes (en cuxos terreos se situaron 15 dos 23 xeradores dun parque que suma unha potencia total de 20,7 MW), en todo o período de vida do mesmo “estimamos unha facturación de 62 millóns de euros (a prezos correntes)”.
As expropiacións non valoran o potencial eólico dos terreos e entenden que este é unha "plusvalía" que a empresa enerxética xenera coa súa instalación, malia que esta dependa da expropiación que lle autoriza a administración
Praza.gal revisou a sentenza do TSXG que avalou aquela expropiación e nela os xuíces rexeitan aumentar o importe da expropiación como reclamaba a comunidade de montes porque entenden que aínda que se aplicase á valoración dos terreos o denominado método de capitalización que avalía rendas futuras estas non poden ter en conta as eólicas senón só as que se obterían froito do mesmo uso previo dos terreos. “As fincas non producían enerxía eólica nin eran susceptibles de producila, soamente reunían as condicións naturais para producila”, di a sentenza, que engade que “a aptitude dun terreo para a produción de enerxía eólica non lle vén dada por natureza” senón pola instalación nel dos muíños froito dunha autorización.
Nese caso, a “plusvalía que sofre o terreo expropiado” é froito “da obra que dá lugar ao procedemento expropiador”. Isto é, é unha plusvalía que obtén a empresa enerxética polo feito de que a administración lle outorgue o permiso e lle facilite a expropiación dos terreos pero que non poderían obter os donos previos deses terreos expropiados.
Ante esta situación, o Observatorio Eólico aposta polo alugueiro como mellor fórmula, asumindo que as empresas e a administración están a impulsar pola contra a expropiación. No caso de lograrse un acordo cos propietarios dos terreos, a Guía sinala que “na actualidade as mellores ofertas sitúan o pagamento medio arredor dos 3.600-3.800 euros por MW instalado”.