O PP elimina o trámite de información pública para liñas eléctricas que conectan muíños e para toda modificación dunha instalación que non supoña un incremento maior do 20% da súa potencia
A Lei 8/2009 coa que a finais dese ano o primeiro Goberno de Feijóo puxo as bases da súa política eólica tras anular ilegalmente o concurso do bipartito que o precedeu estableceu que “non poderán autorizarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, a excepción das repotenciacións de parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente”.
Once anos despois esa planificación do sector por parte da propia Xunta salta polos aires coa nova lei de reactivación económica que vén de presentar o PP, na que ademais de “simplificar” todo tipo de trámites para as empresas, entre eles os ambientais, establece que o propio Goberno galego poderá agora autorizar parques eólicos aínda que non estivesen previstos no seu plan sectorial. A nova lei tamén elimina o trámite de información pública para liñas eléctricas que conectan muíños e para toda modificación dunha instalación que non supoña un incremento maior do 20% da súa potencia.
A nova lei, reformula o artigo da norma de 2009 que limita os parques eólicos aos planificados e engade como excepción “aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta”. A formulación que deixa en mans do Goberno galego a decisión de autorizar calquera parque aínda que non estivese planificado ata agora engade que estes deberán cumprir as distancias mínimas con núcleos habitados e estar en tipos de solos que permitan ese tipo de instalación, similar condición legal que teñen os parques xa planificados.
O Goberno galego poderá autorizar calquera proxecto eólico que considere que ten "entidade económica e social" e "unha función vertebradora e estruturante do territorio"
A proposta do PP que agora inicia a súa tramitación urxente no Parlamento tamén elimina o trámite de información pública para instalacións eléctricas que non soliciten unha declaración de utilidade pública (procedemento que prima ese proxecto sobre outros e facilita por exemplo as expropiacións) nin requiran dunha avaliación ambiental ordinaria aínda que si precisen doutro tipo de análise ambiental de menor alcance por parte da administración.
Cando se cumpran eses dous requisitos non será necesaria a exposición pública das “solicitudes de autorización administrativa das novas instalacións de distribución ou conexión con xeradores á rede de distribución de enerxía eléctrica cunha tensión igual ou inferior a 30 kV” (empregada entre outros casos para conexións de muíños dos parques eólicos), das “solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución ou conexión con xeradores á rede de distribución e/ou transporte de enerxía eléctrica, calquera que sexa a súa tensión”, das “modificacións das instalacións de produción de enerxía eléctrica que non supoñan un incremento ou redución dun 20% da potencia nominal autorizada” e das “instalacións de autoconsumo”, sen limitar a envergadura do concepto.