A nova lei para “simplificar” trámites ás empresas asegura que esas entidades externas non substituirán “as potestades públicas” pero reduce os prazos para formular declaracións ambientais de tres a un mes cando elas interveñan
A nova lei de reactivación económica que vén de presentar o PP para “simplificar” trámites ás empresas para a súa instalación ou ampliación das súas actividades en Galicia inclúe entre os seus artigos a posibilidade de que entidades de colaboración ambiental, como as denomina, poidan axudar á administración a “verificar a conformidade á normativa” dos “proxectos que se vaian someter a avaliación ambiental” por parte da Xunta. O texto legal asegura que esas entidades de colaboración non substituirán “as potestades públicas de inspección, comprobación, control e sanción”, pero contempla notables reducións de prazos de supervisión por parte da Xunta cando elas interveñan.
A exposición de motivos da nova lei, que os populares queren tramitar pola vía de urxencia, insiste en buscar “seguridade xurídica” para as empresas tras outras dúas leis de 2013 e 2017 que buscaban o mesmo pero que foron reiteradamente modificadas. Tamén argumenta a proposta do PP que busca un “equilibrio” entre “a necesaria axilidade e simplificación para acadar a maior eficiencia cara á cidadanía e ás empresas” e “o valor cultural do patrimonio, o medio ambiente e os valores naturais do territorio, a saúde das persoas ou a calidade das augas, que constitúen límites que non deben superarse”. Nesa liña, a lei di que “pretende dar certezas sobre os informes necesarios para o establecemento dun proxecto ou dunha empresa, dos prazos e dos órganos intervenientes, pero non desregular os mecanismos de protección”.
A nova lei di que as entidades de colaboración poderán axudar á Xunta na "verificación da conformidade á normativa" dos proxectos empresariais e a súa actuación “rexerase polos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia”
A norma prima que cando varios departamentos teñan que pronunciarse sobre un mesmo proxecto o fagan ao mesmo tempo sempre que sexa posible, e acouta eses prazos. Pero tamén establece que a intervención das denominadas entidades de colaboración ambiental poida reducir aínda máis eses prazos.
Segundo a lei, "son entidades dotadas de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar” que deberán contar cun seguro de responsabilidade sobre as súas actuacións e que poderán desenvolver en Galicia as seguintes actuacións:
- Verificación da conformidade á normativa dos plans, programas e proxectos que se vaian someter a avaliación ambiental
- Colaboración na tramitación dos procedementos de avaliación ambiental, en particular na realización dos trámites de información pública e consultas e na análise técnica dos expedientes
- Colaboración no seguimento dos pronunciamentos ambientais
- Colaboración nas funcións de inspección ambiental
A norma sinala que os informes e certificados que emitan esas entidades de colaboración sobre proxectos empresariais de terceiros “poderán ser asumidos pola administración pública competente sen prexuízo das súas competencias”, e asegura que “a actuación destas entidades non poderá substituír as potestades públicas de inspección, comprobación, control e sanción”. Tamén di que a actuación desas entidades “rexerase polos principios de imparcialidade, confidencialidade e independencia”.
Mentres non se desenvolva regulamentariamente a actividade das entidades de colaboración ambiental, poderán realizar o seu traballo cunha declaración de que non incorren en incompatibilidades
A lei establece que cando esas entidades de colaboración ambiental interveñan, o prazo para que os funcionarios da propia Xunta emitan a súa declaración de impacto ambiental ou a declaración ambiental estratéxica -documentos nos que autorizan ou non, e con que condicións plans, programas ou proxectos con efectos sobre o territorio- reducirase de tres meses a un máximo dun mes.
A lei tamén di que mentres non se desenvolva regulamentariamente a actuación desas entidades de colaboración ambiental, estas poderán realizar o seu traballo de verificación dos estudos ambientais sobre os que despois se pronunciará a propia Xunta xuntando a esa verificación unha declaración da entidade de que non incorre en incompatibilidades.
Esta e outras mudanzas que pretende incluír o PP na lexislación ambiental dentro da marxe que a normativa estatal deixa á autonómica chega despois de que varias sentenzas xudiciais mesmo do Tribunal Supremo veñan deixando en evidencia a vista gorda da Xunta sobre o impacto ambiental de todo tipo de plans e proxectos.