Unha das tres empresas aspirantes a elaborar a nova planificación eólica propón o uso de IA para aforrar tempo e a mesa de contratación admite a súa oferta malia as dúbidas sobre a súa viabilidade
Pode a intelixencia artificial (IA) axudar na elaboración do novo plan eólico de Galicia malia que a maior parte da documentación está sen dixitalizar e son precisas tarefas intelectuais e traballos de campo? Na Xunta hai visións contrapostas, cun informe técnico que dubida desa posibilidade, pero a mesa de contratación que avalía as ofertas presentadas por tres empresas para acometer esa nova planificación do sector eólico vén de validar que unha delas queira recorrer á IA para aforrar tempo.
A elaboración dun novo plan eólico que actualice o anterior, con máis de dúas décadas de antigüidade, foi anunciada polo presidente Rueda en outubro do pasado ano. Ese novo documento que sinale onde e como se poden instalar aeroxeradores xa fora comprometido por Feijóo en 2009, pero nada se soubo del. É aínda agora cando está a piques de contratarse a elaboración do novo plan. Pero no proceso de valoración das ofertas presentadas xurdiu a dúbida de canto pode axudar a intelixencia artificial para facer o documento.

Tres son as ofertas que están a ser valoradas pola mesa de contratación da Consellería de Economía e Industria: ITH-Alantia sería a máis cara, cunha oferta de 565.000 euros sen IVE, seguida de Idom Consultin Engineering Architecture con 532.000 euros e unha unión temporal de empresas de Arenal, Territoria e Atalaya Eólico Galicia coa oferta máis barata, 450.000 euros. Tan barata é esa oferta en comparación coas outras que incorreu en baixa anormal, o que a obrigou a xustificar os seus custos e a viabilidade da súa proposta.
Esa oferta lograría aforrar tempo, segundo as súas xustificacións, empregando "tecnoloxías avanzadas nos procesos de obtención, tratamento e análise de grandes volumes de datos", entre elas "modelos de Intelixencia Artificial xenerativa". A intelixencia artificial permitiría "a redución do número de horas de traballo manual" cunha "diminución do 40% do tempo dedicado a transcricións", "automatización do 70% de procesos de análises de datos cuantitativos", "eliminación de tarefas repetitivas (como a construción manual de visualizacións e táboas)" ou "identificación de patróns e relacións complexas mediante análises de redes non detectables con métodos convencionais".
Un informe da Dirección Xeral de Planificación Enerxética sinala que o uso de IA está condicionado porque " a maior parte dos expedientes non están dixitalizados" e son precisos un traballo de campo "por parte de persoal experto" e "tarefas de carácter intelectual"
Esas explicacións foron analizadas nun informe encargado pola mesa de contratación a un enxeñeiro da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas. Nese documento, con data do 30 de maio, o técnico expón as explicacións da empresa e di que "trala análise desta xustificación, non podo concluír que Arenal non poda realizar o servizo obxecto do contrato". Porén, a continuación engade que "en todo caso, considerando que o tempo de dedicación é un factor determinante da calidade deste tipo de servizos, considero conveniente facer as seguintes observacións en relación co tempo de dedicación ofertado por Arenal, sensiblemente inferior ao das outras ofertas, para que sexan valoradas pola mesa de contratación, como órgano competente para propoñer a exclusión ou aceptación da oferta de Arenal".

Nesas "observacións" o técnico sinala que "a maior parte dos expedientes que obran en poder da Administración, pola súa antigüidade e extensión, non se atopan dixitalizados, polo que o uso das tecnoloxías citadas pode resultar limitado e condicionado por esta situación". Tamén sinala que a diagnose da situación actual previa á elaboración do novo plan eólico "require da realización dun traballo de campo por parte de persoal experto, dificilmente substituíble pola utilización das tecnoloxías citadas". "Ademais, a elaboración dos documentos necesarios para a tramitación [do plan] require da realización de distintas tarefas, de carácter predominantemente intelectual (non automatizable), como a realización de estudos, avaliación de efectos, proposta de alternativas, análise de informes e outras similares".
O novo plan eólico aínda tardará preto de tres anos en estar aprobado, segundo as previsións da propia Xunta
Tras recibir este informe, a mesa de contratación constatou que "nos pregos non se esixe un mínimo de horas do persoal asignado para o proxecto, razón pola cal non está en condicións de propoñer a súa exclusión por este motivo". Así que, malia as dúbidas sobre o uso da intelixencia artificial, a oferta da UTE Arenal, Territoria e Atalaya Eólico Galicia foi aceptada nunha nova reunión da mesa de contratación celebrada o pasado xoves. Agora serán valoradas as puntuacións acadadas polas tres ofertas nos distintos criterios técnicos e económicos, nos que a UTE cuestionada presenta unha considerable vantaxe. Unha vez feito ese cálculo, "a mesa reunirase de novo para examinalo e determinar, de ser o caso, a mellor oferta para a Administración".
Despois, sexa cal sexa a oferta elixida e a empresa contratada, o novo plan eólico aínda tardará preto de tres anos en estar aprobado, segundo as previsións da propia Xunta, que prevé dar máis voz nel ás empresas que aos colectivos sociais.