O Goberno galego lembra que o plan se aprobou antes da lei que obriga ao seguimento ambiental e defende a súa vixencia mentres non se redacte un novo, malia que neste tempo mudou os efectos do documento orixinal
A Xunta só está a avaliar os efectos ambientais de cada parque eólico en funcionamento ou solicitado de xeito individual, sen analizar o impacto en conxunto do Plan Sectorial Eólico de 1997 que sinalou as zonas en que poden propoñerse ou non ese tipo de instalacións e ampara en parte o actual bum de solicitudes. Así llo acaba de confirmar, como veñen denunciando desde hai anos todo tipo de colectivos, a vicepresidencia económica do Goberno galego á asociación Petón do Lobo, á que reitera o argumento que vén empregando desde hai anos: o Plan Eólico foi aprobado antes da primeira lei de 2006 que obrigou a avaliar ambientalmente os plans e non só os proxectos individuais.
A asociación Petón do Lobo pediu oficialmente á Xunta “acceso ao seguimento ambiental do Plan Sectorial Eólico de Galicia” e solicitou a “suspensión temporal da eficacia” do plan “en tanto non se someta á avaliación ambiental”. A resposta da vicepresidencia económica da Xunta chegou a pasada semana reiterando o argumento que vén empregando desde hai anos. O plan eólico foi aprobado en 1997, “con anterioridade á aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica”, en 2006, polo que “non está establecida a obriga do seguimento ambiental” do plan.
A Xunta defende "a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto que non se aprobe un novo plan”, pero xa mudou a aplicación dese documento ao non permitir parques na Rede Natura ou facilitar parques fóra das zonas previstas no plan
A Xunta matiza que “non obstante, estase realizando o seguimento ambiental de todos os proxectos de parques eólicos tramitados en desenvolvemento do Plan Sectorial Eólico de Galicia e avaliados polo procedemento ordinario de impacto ambiental”. E engade que o plan “segue vixente e resulta plenamente aplicable”, lembrando que a lei de 2009 coa que a Xunta mudou o xeito de desenvolver o sector eólico en Galicia -cando substituíu a participación pública prevista por PSdeG e BNG polo actual canon eólico- “ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto que non se aprobe un novo plan”.
A Xunta non elabora un novo plan eólico que agora si tería que someterse a avaliación ambiental, pero neste tempo si que mudou os efectos do vixente desde 1997, por exemplo ao establecer que a súa delimitación de polígonos nos que poden implantarse parques non é de aplicación a espazos protexidos pola Rede Natura, restrición que non estaba no documento orixinal. Tamén introduciu a posibilidade de autorizar discrecionalmente parques fóra dos emprazamentos previstos no documento de 1997. Porén, a Xunta considera que todo iso “non modifica” o plan orixinal e polo tanto non supón a elaboración dun novo documento que deba someter a avaliación ambiental.