Eólicos ou explotacións agrícolas e gandeiras, entre as actuacións ás que se esixirán máis análises en función das súas dimensións, cun novo decreto que fai máis estritos os límites xa existentes
O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de lanzar o pasado xoves a tramitación pública dun real decreto co que quere facer “máis esixentes” as avaliacións ambientais de todo tipo de actuacións con impacto sobre o territorio. O texto, sometido a alegacións da cidadanía ata o 4 de novembro [aquí pode consultarse o PDF], fai máis estritos os límites xa existentes para que os proxectos se tivesen que someter a avaliacións máis ou menos rigorosas en función das súas dimensións, e afectará, entre outros moitos ámbitos, aos parques eólicos, as explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais, ou todo tipo de infraestruturas que supoñen a alteración do territorio.
A reforma da normativa estatal para adecuala á europea chega cando a Xunta vén de aprobar a simplificación e privatización de trámites ambientais e tras diversas sentenzas que deixan en evidencia a súa vista gorda coas avaliacións ambientais
A normativa europea establece que as actuacións con maior impacto deben someterse ao que se denomina unha avaliación ambiental ordinaria, a unha simplificada por baixo de certos límites, e poden ser eximidos pola administración cando as súas implicacións sexa aínda inferiores. Son eses límites, fixados en dous anexos (Anexo I para a avaliación ordinaria e Anexo II para a simplificada) da Lei 21/2013 de avaliación ambiental, os que agora quere mudar o Goberno central co novo real decreto. Unha nova norma que dá tamén respostas a diversas dúbidas que viña amosando a Comisión Europea sobre como España está a aplicar a normativa comunitaria en materia ambiental.
A reforma da normativa estatal chega cando a Xunta vén de aprobar, a través da coñecida como Lei de Reactivación, que entidades privadas denominadas “de colaboración ambiental” poidan realizar parte da tramitación ambiental de proxectos empresariais, procedementos que aposta por “simplificar”. E despois de que diversas sentenzas de todo tipo veñan evidenciando a vista gorda do Goberno galego con todo tipo de avaliacións ambientais, permitindo procesos simplificados cando deberan ser ordinarios ou evitando analizar os efectos acumulativos de varias infraestruturas próximas ao analizalas por separado.
O propio ministerio salienta que a reforma "aumenta o número de proxectos con necesidade de avaliación do impacto ambiental"
Segundo o ministerio, a reforma “aumenta o número de proxectos con necesidade de avaliación do impacto ambiental e garante que os proxectos situados por baixo dos límites legais non terán unha incidencia significativa no medio ambiente que os faga merecedores de dito procedemento”. No caso dos proxectos con menor impacto, o ministerio di que o novo decreto “inclúe un mecanismo de garantía” cando “estean situados en zonas de especial sensibilidade ambiental ou afecten ao medio hídrico”.
O ministerio sinala que os novos anexos nos que se detallan que tipo de proxectos deben ser sometidos a avaliacións ordinarias ou simplificadas pasarán a contemplar “90 tipos de proxectos, en lugar dos 81 que constaban anteriormente, a gran maioría deles sen ningún tipo de límite”.
Un exemplo das mudanzas do proxecto de decreto que está a tramitar o ministerio a respecto da normativa ambiental ata agora vixente pode atoparse nas previsións para os parques eólicos, unha das infraestruturas cuxo impacto máis polémica está a producir nos últimos meses en Galicia. Ata agora estaban obrigados pola normativa estatal a avaliación ambiental ordinaria ou completa os de “50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou se atopen a menos de 2 quilómetros doutro parque eólico”, mentres que novo texto obrigaríaa para os que teñan “10 ou máis aeroxeradores”, ademais das outras condicións.
Á súa vez, nos espazos protexidos o texto vixente obriga a unha avaliación ordinaria dos “parques eólicos que teñan máis de 10 aeroxeradores ou 6 MW de potencia”, mentres que a nova proposta estende a obriga da avaliación ordinaria a calquera tipo de parque eólico. Pola súa banda, canto á avaliación simplificada, o texto vixente obrígaa para todos os non incluídos dentro da avaliación ordinaria “salvo os destinados a autoconsumo que non excedan dos 100 kW de potencia total”, mentres que o novo texto non fai excepcións. En Galicia vense realizando avaliación ordinaria de todos os parques eólicos, pero a nova normativa tamén é máis rigurosa coas cuestións a estudar nesas análises, como a acumulación de proxectos ou os seus impactos hídricos.
Similares novas restricións e esixencias se queren establecer noutros moitos ámbitos de actuacións. Por exemplo, ata agora tiñan obriga de realizar avaliación ordinaria os proxectos de “transformación de áreas incultas ou ocupadas por vexetación natural ou seminatural para a explotación agrícola sobre unha superficie maior de 10 hectáreas” só no caso de que se atopasen en espazos protexidos, mentres que debían realizar avaliación simplificada os de máis desa superficie no resto de emprazamentos, sen establecerse nada para os de menos de 10 hectáreas. Coa nova redacción, aínda que non estean en zonas protexidas terán que realizar unha avaliación ordinaria os proxectos similares de máis de 50 hectáreas, a mesma avaliación ordinaria prevista anteriormente no caso de máis de 10 hectáreas en zonas protexidas, e avaliación simplificada as de máis de 10 hectáreas ou as de menos pero que ademais teñan efectos sobre espazos húmidos, erosionables ou con outra serie de características.
Igualmente, se ata agora se esixía avaliación ordinaria para explotacións gandeiras de máis de certo tamaño de pitos, galiñas ou porcos, agora tamén se engade “para calquera outra especie” cando “nalgún momento do ano” a explotación poida superar as 300 cabezas “ou cargas de 120 toneladas de peso vivo”. Mudanzas similares de límites para un ou outro tipo de avaliación ordinaria ou simplificada aplícanse a todo tipo de proxectos, desde canteiras a infraestruturas de transporte ou aproveitamentos da auga.
O novo real decreto a trámite di “prestar especial atención ao tamaño, a acumulación con outros proxectos, a utilización de recursos naturais, a xeración de residuos, as emisións e o risco de accidentes"
O propio texto do proxecto de real decreto agora a exposición pública tamén engade criterios a ter en conta á hora de avaliar os proxectos como “prestar especial atención ao tamaño do mesmo, a acumulación con outros proxectos, a utilización de recursos naturais, a xeración de residuos, as emisións e o risco de accidentes, entre outros, considerando en particular as substancias e as tecnoloxías utilizadas”. E salienta que “quizais a principal novidade” do novo Anexo II de proxectos obrigados a avaliación simplificada “é a regulación duns criterios xerais para a aplicación a aqueles proxectos que, aínda estando por baixo dos límites previstos, están situados en zonas de especial sensibilidade ambiental ou afectan de maneira especial ao medio hídrico, polo que deberán ser sometidos, polo menos, a unha avaliación de impacto ambiental simplificada” en vez de seren eximidos dela.