Tras anular ilegalmente o concurso eólico do bipartito, Feijóo aprobou en 2009 unha lei que apostaba por un novo plan que delimitase as zonas para aeroxeradores, o que só agora iniciará Rueda para superar o aínda vixente de 1997 que nin a Xunta respecta
A finais de 2009, hai 15 anos, entrou en vigor a lei coa que Feijóo dicía apostar por unha nova planificación do sector eólico en Galicia. Tras anular ilegalmente o concurso eólico do bipartito de PSdeG e BNG, como despois confirmaría o Tribunal Supremo, a nova norma apostaba por un novo plan sectorial eólico que debuxase sobre un mapa as áreas concretas de Galicia nas que se poderían instalar aeroxeradores tendo en conta a súa "incidencia territorial e ambiental".
Pero a Xunta nunca impulsou ese novo plan, polo que, como a propia lei de 2009 estableceu, segue vixente o anterior, de 1997, modificado parcialmente en 2002 Unha planificación obsoleta da que o Goberno galego vén tirando en función dos seus intereses, empregándoo como proba de que non se poden instalar parques en calquera lugar, pero ao tempo saltando as súas delimitacións cando así o considera. E unha planificación que agora o Goberno de Alfonso Rueda xa si quere actualizar, segundo anunciou o propio presidente o pasado martes, cando avanzou que "nas próximas semanas comezarase a actualizar o Plan eólico". "O obxectivo será producir máis, en menos superficie e con toda a seguridade xurídica", proclamou, sen explicar por que non se fixo nos 15 anos previos.
A lei eólica de 2009 é habitualmente lembrada por crear o canon eólico, a alternativa de Feijóo aos proxectos industriais cos que o goberno anterior pretendía ligar os novos parques eólicos. Pero no articulado da norma a planificación eólica ten unha posición preferente.
A lei di de si mesma que "relanza o concepto de planificación, especificando os criterios nos que debe asentarse e regulando a figura do Plan sectorial eólico de Galicia como eixe básico para a implantación das instalacións de enerxía eólica". Isto é, apostábase por un novo plan que actualizase o de 1997, aínda hoxe vixente.
Aquel primeiro plan aínda contemplaba instalacións en espazos protexidos pola Rede Natura 2000, cuestión que despois foi vetada. Tamén fora aprobado antes de que a normativa estatal e europea obrigase a facer seguimento ambiental da execución de todo tipo de plans con impacto no territorio, polo que a propia Xunta admite que non está a avaliar os efectos ambientais da globalidade daquel plan aínda hoxe vixente senón só o de cada parque puntual que vai autorizando ao seu amparo. Pero hai organizacións ecoloxistas que defenden que, aínda que o Plan eólico anterior non fose avaliado ambientalmente por ser aprobado antes da normativa que así o obrigaba, a lei de 2009 que ratificou o seu vigor e que modificou a súa aplicación xa si debía leva aparellada esa avaliación ambiental global que nunca se fixo.
A lei de 2009 dicía dun novo plan sectorial eólico que sería "eixe básico para a implantación das instalacións", pero en 15 anos a Xunta aínda non o fixo nin avalía o impacto ambiental global do anterior plan aínda en vigor
Para actualizar a situación previa a lei de 2009 dicía que tiña por obxecto regular "a planificación do aproveitamento da enerxía eólica mediante a elaboración do Plan sectorial eólico de Galicia", un novo documento que buscaría "garantir unha adecuada inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos no territorio" e no que se debuxarían as denominadas áreas de desenvolvemento eólico (ADE), as zonas concretas susceptibles de acoller un ou varios parques.
Pero aquela lei tamén indicaba, na súa disposición transitoria terceira, que "en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente". E iso foi o que pasou, que a Xunta nunca impulsou un novo plan eólico e hoxe segue vixente o anterior.
Pero non exactamente. Porque ao tempo que renunciou a unha nova planificación do sector eólico, a Xunta foi xogando co plan eólico anterior segundo intereses conxunturais. A lei de 2009 estableceu que mentres non se aprobase un novo plan, non se poderían instalar parques fóra das áreas de desenvolvemento eólico do anterior. Pero hai catro anos, sen actualizar o plan, modificou a lei de 2009 -unha das 12 modificacións que sufriu xa esa lei que buscaba "seguridade xurídica"- para permitir parques fóra desas áreas se ela mesma considera que teñen "unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social".
En varias áreas delimitadas no anterior plan xa non cabe un aeroxerador máis pero a Xunta, sen planificar novas áreas, mudou a lei para permitir parques fóra delas se o propio Goberno galego os considera estratéxicos
Ao tempo, a Xunta vén criticando que o Estado, competente para autorizar os parques eólicos de máis de 50 MW ou que afecten a varias comunidades, permita esas instalacións en lugares non previstos no seu plan eólico vixente. Un plan eólico no que xa hai diversas áreas de desenvolvemento eólico (na Costa da Morte, A Mariña, Barbanza ou a serra do Suído) nas que xa non cabe nin un só aeroxerador máis, segundo admite a propia Xunta.
Pero o emprego por parte da Xunta da lei de 2009 e do plan de 1997 en función das súas necesidades conxunturais sen afrontar durante 15 anos a anunciada nova planificación do sector non remata aí. Neste tempo foron aparecendo proxectos propostos para algunhas áreas de desenvolvemento eólico delimitadas no plan de 1997 que rexistraron un importante rexeitamento social. Ante estas situacións, grupos sociais, ecoloxistas ou partidos da oposición reclamaron en varias ocasións que se corrixise o plan para suprimir del determinadas áreas e evitar así que se puidesen presentar candidaturas a construír nelas.
A resposta da Xunta ante estas situacións é que a existencia dunha área de desenvolvemento eólico no plan vixente non implica que se poida facer alí de xeito automático calquera parque eólico senón que é preciso obter unha declaración de impacto ambiental positiva para o proxecto concreto.
Así o contestou este pasado agosto o Goberno galego a unha pregunta do BNG sobre un posible parque eólico no Morrazo, onde o plan de 1997 debuxou unha área eólica na que aínda nunca se autorizou ningún parque. Malia que ningún dos proxectos presentados logrou nunca autorización, para o Goberno galego "non resulta preciso retirar a área de desenvolvemento eólico do Plan sectorial eólico de Galicia, dado que calquera proxecto situado na devantida zona terá que obter a correspondente tramitación ambiental".
A propia Xunta engade que "por outra parte, o Plan sectorial eólico continúa a ser unha ferramenta vixente e resulta aplicable en todos os seus termos", lembrando que así o estableceu a disposición transitoria terceira da lei de 2009 "en tanto non se aprobe un novo plan". Pero xusto a continuación o Goberno galego amosa a súa flexibilidade coa planificación eólica, salientando que "é necesario que un proxecto eólico estea dentro das zonas ADE" pero que "existe unha excepción": "que fora declarado como proxecto que teña unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social".
O Goberno galego remata a súa argumentación sinalando que "a única certeza absoluta de que un proxecto non se autorizará e construirá pasa pola súa avaliación ambiental". "Deste xeito, ante un proxecto cunha declaración de impacto ambiental negativa, a cidadanía ten a certeza absoluta de que non se executará, unha certeza maior que se se eliminaran as zonas ADE", conclúe. O plan eólico virou así nunha planificación á carta que agora a Xunta de Rueda quere actualizar 15 anos despois de que Feijóo así o propuxese pero nunca o fixese.