Pena Veidosa, a carón do mosteiro de Oseira, súmase a zonas da Costa da Morte, A Mariña, Barbanza ou O Suído nas que Medio Ambiente considera que xa hai demasiados aeroxeradores
Nos últimos meses a Xunta vén deixando constancia, ao denegar algúns parques eólicos polo seu impacto ambiental, que en diversas zonas de Galicia xa non cabe nin un aeroxerador máis polos efectos que xa están a ter sobre as aves. Así o considera en lugares da Costa da Morte, A Mariña, Barbanza ou a serra do Suído, aos que agora engade a contorna de Pena Veidosa, ao sur da serra do Faro e a carón do mosteiro de Oseira. Unha zona que "xa ten superada a capacidade de carga".
O parque eólico agora denegado polo seu impacto ambiental e que permite á Xunta referirse á acumulación de aeroxeradores xa existente nesa zona é o denominado Avoceta Wind, promovido por Avoceta Solar SL. Os seus 8 aeroxeradores e liñas de evacuación afectarían aos concellos ourensáns de San Cristovo de Cea, Vilamarín, Coles, O Pereiro de Aguiar e Ourense e o lucense de Carballedo, concentrándose os efectos a carón do espazo protexido Pena Veidosa e da serra Martiñá, continuación cara ao sur da serra do Faro.
A Dirección de Patrimonio Natural di que o parque agora rexeitado incrementaría "a longa aliñación de aeroxeradores que se estende do Miño ao Ulla, abrindo unha nova ramificación"
Sobre o proxecto emitiron informes desfavorables Patrimonio, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta. É esta última a que sinala, no seu informe, os efectos acumulativos que tería o novo proxecto sumado aos parques xa en funcionamento na zona. Así, di que o novo parque "sitúase nunha contorna onde existe un alto nivel de ocupación de proxectos de parques eólicos (13 parques eólicos cun total de 113 aeroxeradores en funcionamento), que xa ten superada a capacidade de carga e que, ademais, incrementa a longa aliñación de aeroxeradores que se estende do Miño ao Ulla, abrindo unha nova ramificación".
Similares declaracións de impacto ambiental negativas como a agora feita pública para o parque Avoceta Wind veñen sendo formuladas nos últimos meses noutros puntos do país sinalando a existencia xa na actualidade, cos parques xa en funcionamento, de efectos negativos sobre as aves pola acumulación de aeroxeradores en contornas concretas.
En maio Medio Ambiente denegaba un parque eólico dun único aeroxerador entre Santa Comba e Coristanco porque Patrimonio Natural considera que alí "o conxunto de aeroxeradores xa instalados pode estar a xerar un impacto significativo, particularmente sobre as rapaces".
Uns días antes denegáranse outros dous proxectos eólicos entre Muras e Ourol porque alí as aves xa "están sometidas permanentemente a un elevado risco de colisión".
Muras ou o espazo entre Vimianzo e a ría de Noia son outras das contornas nas que Medio Ambiente vén advertindo de problemas cos parques eólicos xa en funcionamento
En xaneiro a mesma Dirección Xeral de Patrimonio Natural considerou, a respecto de varios parques eólicos distintos que resultaron denegados, que entre Vimianzo e a ría de Noia "xa existe unha longa aliñación de aeroxeradores, de máis de 30 quilómetros" que ao seu ver forma "unha barreira que obriga ás aves a realizar grandes cambios de roteiros". Non era que os novos proxectos causasen ese problema senón que o problema xa existe na actualidade, dicía ese departamento da Consellería de Medio Ambiente.
Hai ano e medio a propia conselleira de Medio Ambiente admitiu como zonas con "masificación", entre outras que non citou, "Vimianzo, Serra do Suído ou Barbanza"
Ademais destas consideracións expresas en documentos oficiais sobre efectos concretos que os parques xa instalados xa están a producir sobre as aves, a propia conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, sinalou nunha comparecencia pública en xaneiro do pasado ano que hai outras áreas nas que xa non se van autorizar máis aeroxeradores porque "xa entendemos que hai unha masificación e polo tanto non se poden seguir instalando parques". Entre esas zonas estarían, segundo verbas da propia conselleira, "Vimianzo, Serra do Suído ou na zona do Barbanza".