Cos eólicos que hai entre Muras e Ourol as aves xa teñen "permanentemente un elevado risco de colisión", admite a Xunta

Aeroxeradores en Muras e resolución oficial que sinala que alí as aves xa "están sometidas permanentemente a un elevado risco de colisión" CC-BY-SA Imaxe: Concello de Muras | Montaxe: Praza Pública

Medio Ambiente denega a instalación doutros dous parques eólicos nesa zona da Mariña polos efectos que están a ter os xa operativos nas aves, problema admitido tamén entre Vimianzo e Noia ou en Coristanco

Hai meses que a Xunta vén denegando parques eólicos en certos lugares do país non polo efecto que poidan ter eses novos proxectos senón polos problemas que admite que xa están a causar ás aves os parques xa en funcionamento. Iso é o que volve facer agora con dous parques eólicos propostos por Adelanta Corporación (Muruás e Escoiras, de 4 aeroxeradores cada un) que se pretendían instalar entre os concellos de Muras e Ourol. 

Arredor do concello de Muras, que por si só acolle preto de 400 aeroxeradores, case o 10% dos 4.000 que hai en toda Galicia, sitúase o maior número de parques eólicos do país. En Ourol hai outros 150.

Mapas do Rexistro Eólico de Galicia nos que se sinalan as contornas nas que documentos oficiais da Xunta admiten que os aeroxeradores xa instalados -non futuros proxectos- xa están a supoñer problemas para as aves CC-BY-SA Praza Pública

No caso do parque eólico Escoiras a Dirección Xeral de Patrimonio Natural sinala expresamente, na declaración de impacto ambiental negativa que se fixo pública este xoves, que se situaría "nunha contorna onde existe un alto nivel de ocupación e as especies están sometidas permanentemente a un elevado risco de colisión". Isto é, non é que o novo parque podería supoñer un risco senón que xa hai un "elevado risco" de xeito permanente. Similar consideración se fai para o parque Muruás, do que se di que na contorna as aves ou quirópteros "están sometidas a un elevado risco de colisión".

As declaracións de impacto ambiental negativas agora emitidas dos dous parques entre Muras e Ourol inclúen outras consideracións tamén desfavorables en materia de patrimonio ou proximidade a núcleos habitados. Pero a valoración a respecto do impacto sobre as aves dos eólicos xa en funcionamento é o que as asemella a outras resolucións negativas igualmente formuladas noutros puntos do país. 

Zonas nas que documentos oficiais da Xunta admiten que os eólicos xa instalados xa están a supoñer problemas para as aves CC-BY-SA Praza Pública

Entre Vimianzo e a ría de Noia os aeroxeradores forman "unha barreira que obriga ás aves a realizar grandes cambios de roteiros" e en Coristanco "poden estar a xerar un impacto significativo"

En xaneiro do pasado ano a mesma Dirección Xeral de Patrimonio Natural considerou, a respecto de varios parques eólicos distintos que resultaron denegados, que entre Vimianzo e a ría de Noia "xa existe unha longa aliñación de aeroxeradores, de máis de 30 quilómetros" que ao seu ver forma "unha barreira que obriga ás aves a realizar grandes cambios de roteiros". Non era que os novos proxectos causasen ese problema senón que o problema xa existe na actualidade, dicía ese departamento da Consellería de Medio Ambiente.

Tres meses máis tarde o mesmo departamento sinalaba, na declaración de impacto ambiental tamén negativa doutro proxecto, que os seus cálculos de mortalidade de aves entre Coristanco e Santa Comba "indican que o conxunto de aeroxeradores xa instalados pode estar a xerar un impacto significativo, particularmente sobre as rapaces".

Hai un ano a propia conselleira de Medio Ambiente admitiu como zonas con "masificación", entre outras que non citou, "Vimianzo, Serra do Suído ou Barbanza"

Ademais destas consideracións expresas en documentos oficiais sobre efectos concretos que os parques xa instalados xa están a producir sobre as aves, a propia conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, sinalou nunha comparecencia pública en xaneiro do pasado ano que hai outras áreas nas que xa non se van autorizar máis aeroxeradores porque "xa entendemos que hai unha masificación e polo tanto non se poden seguir instalando parques". Entre esas zonas estarían, segundo verbas da propia conselleira, "Vimianzo, Serra do Suído ou na zona do Barbanza". 

Naquela comparecencia a conselleira, preguntada pola cuestión, escusou non poder contestar co detalle de todas as zonas nas que xa se rexistran problemas cos parques xa instalados pero dixo que o seu departamento "podería pasar a concreción". Así o pediu Praza.gal en varias ocasións pero máis dun ano despois segue sen resposta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.