Tras desbotar máis parques entre Vimianzo e a Ría de Noia porque os que hai xa están a afectar ás aves, Patrimonio Natural revela agora que os seus cálculos sobre mortalidade tamén detectan problemas no interior da Costa da Morte
O pasado xaneiro, no marco da autorización por parte da Xunta de 77 parques eólicos por todo o país, Praza.gal contou como a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente considera que os aeroxeradores xa instalados nunha aliñación de máis de 30 quilómetros entre Vimianzo e a Ría de Noia están a provocar xa efectos sobre as aves. Uns días despois, a preguntas deste diario, a propia conselleira, Ángeles Vázquez, sinalaba que “xa hai unha masificación e polo tanto non se poden seguir instalando parques en “Vimianzo, Serra do do Suído ou na zona do Barbanza”.
Agora, noutro documento oficial a Xunta revela que Patrimonio Natural considera que tamén no interior da Costa da Morte, entre Coristanco e Santa Comba, os seus cálculos sobre mortalidade “indican que o conxunto de aeroxeradores xa instalados pode estar a xerar un impacto significativo, particularmente sobre as rapaces”.
A nova revelación doutra zona xa saturada de parques eólicos chega a través da declaración de impacto ambiental desfavorable coa que a Xunta rexeita o proxecto Braña Ancha, con catro aeroxeradores, que Adelanta Corporación viña tramitando entre Coristanco e Santa Comba, nas proximidades da polémica mina de Varilongo. A resolución de Medio Ambiente cita a análise realizada sobre o proxecto polos técnicos de Patrimonio Natural, e dela salienta esa sospeita de que o resto de parques xa instalados poidan estar a xerar xa un impacto sobre as aves.
Os técnicos da Xunta calcularon a mortalidade de aves e o espazo afectado por aeroxeradores dentro da área de desenvolvemento eólico que hai entre Coristanco e Santa Comba, que ten xa 19 parques e 116 aeroxeradores
Nese eido do posible impacto sobre a avifauna, a propia empresa promotora do parque admitiu na súa documentación “a posibilidade de que se produzan efectos acumulativos nos supostos de colisión con aeroxeradores e liñas, de efecto barreira sobre as aves e por molestias e desprazamento”. E eses posibles efectos foron analizados polos técnicos de Patrimonio Natural, que calcularon o espazo afectado polos aeroxeradores tanto dentro da Área de Desenvolvemento Eólico (ADE, espazos poligonais que o Plan Eólico fixou por toda Galicia como factibles para esas instalacións) na que se quería instalar o novo proxecto como nas ADE veciñas. [Aquí o visor oficial do Plan Eólico].
A análise de Patrimonio Natural considerou “tanto as máquinas en funcionamento ou aprobadas como as dos proxectos con fito en xaneiro de 2023”, en referencia aos anteditos 77 parques autorizados hai tres meses. “O parque eólico que se pretende executar atópase nunha ADE cun alto nivel de ocupación por outros parques eólicos que presentan un gran número de aeroxeradores en funcionamento, autorizados ou en obras, concretamente 19 parques eólicos e 116 aeroxeradores”, di Patrimonio natural. E engade que “os cálculos sobre mortalidade indican que o conxunto de aeroxeradores xa instalados pode estar a xerar un impacto significativo, particularmente sobre as rapaces”. Por iso, Medio Ambiente desbota ese novo parque eólico.
En xaneiro a conselleira de Medio Ambiente admitiu que tamén hai problemas no Suído e Barbanza e ofreceu a posibilidade de divulgar as zonas de toda Galicia que xa teñen “masificación” de parques, pero tres meses despois o seu departamento segue ocultando esa información
Esta zona interior da Costa da Morte entre Coristanco e Santa Comba na que agora a Xunta di que os parques xa instalados poderían supoñer xa un problema para as aves súmase ás outras tres postas como exemplo en xaneiro pola conselleira de Medio Ambiente de zonas xa “masificadas”: a zona máis costeira do sur da Costa da Morte entre Vimianzo e Noia, a serra do Suído e o Barbanza. Naquel momento a propia conselleira ofreceu a posibilidade de divulgar o resto de zonas de toda Galicia que considera con “masificación” de parques polo efecto que xa están a xerar sobre o medio ambiente, pero tres meses despois o seu departamento segue ocultando esa información.