O Ministerio para a Transición Ecolóxica declara inviables os parques Barjas e Prada, de 121 e 171 MW, promovidos pola empresa estatal norueguesa Statkraft
Hai dous anos a empresa Statkraft, propiedade do Estado de Noruega, comezou a tramitar ante o Goberno de España a construción de tres grandes parques eólicos entre as provincias de Ourense, Lugo e León que sumarían preto de 450 MW, máis do 10% da potencia eólica hoxe instalada en Galicia. Pero o sábado o Boletín Oficial del Estado (BOE) fixo públicas resolucións do Ministerio para a Transición Ecolóxica que tomban dous deles, situados a carón de espazos protexidos do Courel e Trevinca, polo seu elevado impacto ambiental.
Na mesma zona a carón do Courel, no Bierzo, o ministerio tamén rexeitou o pasado mércores outro parque de 60 MW promovido por Enel polo seu posible impacto sobre o oso pardo. Queda pendente de coñecerse o resultado da avaliación ambiental dun terceiro parque de Statkraft no Macizo Central ourensán.
Os proxectos lanzados por Statkraft con efectos directos ou indirectos en Galicia foron tres: Prada, inicialmente con 171 MW e 31 aeroxeradores, na provincia de Ourense, ao oeste de Trevinca e cunha liña de evacuación eléctrica que chegaría ata Quiroga; Barjas, inicialmente con 121 MW e 22 aeroxeradores, na provincia de León pero con aeroxeradores a poucos metros de zonas protexidas do Courel e cunha liña eléctrica que chegaría ata o Macizo Central ourensán; e Rebordechao, con 154 MW e 28 aeroxeradores e que se situaría en pleno Macizo Central.
Os tres parques comezaron a tramitarse en 2021 ante o Goberno de España, competente en instalacións de máis de 50 MW ou que afectan a varias comunidades. Ante diversos informes negativos, a mediados do ano pasado a empresa reformulounos eliminando ou variando de emprazamento varios aeroxeradores. Do parque eólico Rebordechao, o do Macizo Central, aínda non se coñece o resultado final da súa avaliación ambiental, pero dos outros dous xa é oficial a negativa ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
No caso do parque Prada, a carón de Trevinca, o ministeiro rexeita autorizalo de xeito excepcional pola súa contribución ao cambio de modelo enerxético porque di que "hai moitos outros proxectos" que fan o mesmo "sen provocar un prexuízo" á Rede Natura
No caso do parque Prada, rebaixado a 168 MW con 24 aeroxeradores, a avaliación ambiental conclúe que ao situarse a carón de zonas protexidas pola Rede Natura 2000 en Trevinca afectaría a áreas críticas para a aguia real e tería impactos significativos ou severos sobre poboacións doutras aves. O ministerio tamén rexeita que se poida aceptar o parque de xeito excepcional pola súa contribución ao cambio de modelo enerxético xa que di que hai moitos outros proxectos alternativos co mesmo nivel de xeración eléctrica que poderían contribuír aos mesmos obxectivos “sen provocar un prexuízo á integridade de espazos da Rede Natura 2000”.
No caso do parque Barjas, estaría emprazado en León pero con aeroxeradores a 200 metros da zona protexida pola Rede Natura 2000 no Courel e a 6 quilómetros da Serra da Enciña da Lastra, e cunha liña de evacuación ata o Macizo Central ourensán que pasaría tamén a menos dun quilómetro de espazos protexidos nesa e noutras zonas. A avaliación ambiental di que tamén neste caso pode haber impacto sobre a aguia real e outras especies de aves rapaces, así como flora catalogada e “afeccións incompatibles” sobre montes de utilidade pública.
O ministerio tamén rexeita outro parque de 60 MW de Enel a carón do Courel con posible impacto no oso pardo
Xunto con estas avaliacións ambientais o ministerio tamén vén de facer pública, o pasado mércores, a avaliación tamén negativa do parque Busmayor, de 60 MW e 10 aeroxeradores impulsado por Enel Green Power en León pero igualmente a carón do Courel. Neste caso a propia empresa promotora admitía a presenza na zona de oso pardo e a avaliación ambiental do ministerio conclúe que os promotores non analizaran correctamente diversos posibles impactos do proxecto.
Á espera do que suceda co aínda pendente parque Rebordechao, a negativa ambiental aos proxectos impulsados por unha empresa de titularidade pública como Statkraft chega cando a Xunta vén de anunciar un cambio de políticas no sector, no que agora se abre a participar directamente no capital de empresas promotoras de enerxías renovables.