A Xunta inicia agora unha consulta pública para unha futura lei que tardará meses e non aclara se terá un papel maioritario ou minoritario na futura empresa mixta, pero di que hai “unha enorme diferenza entre estar e non estar” no sector “para que non existan vencedores nin vencidos”
Tras anunciar o pasado martes un cambio de postura da anterior negativa da Xunta a participar directamente no desenvolvemento de enerxías renovables, este xoves o presidente Rueda pediu tempo para aclarar o grao de implicación que terá finalmente o Goberno galego no sector. De momento, o que aprobou o Consello da Xunta deste xoves foi iniciar aínda agora unha consulta pública previa para recoller suxestións cara á elaboración dunha lei que tardará meses en ser aprobada. Un texto que regulará tanto a participación da Xunta nos proxectos como o grao de prioridade dos mesmos, tamén dos exclusivamente privados, segundo os seus beneficios económicos e sociais.
Non hai nin borrador inicial do texto, din fontes do Goberno galego, pero este xa ten un título provisional, “lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia”. Non se limitará aos proxectos de xeración de enerxías renovables -eólica, solar ou concesións de augas para a hidroeléctrica- senón que tamén será aplicable ás explotacións mineiras.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta o presidente recibiu todo tipo de preguntas sobre o seu cambio de postura e as características da nova “sociedade mixta”, “público-privada” ou “utility” que anunciou. A todas respondeu pedindo tempo e salientando que máis alá das características concretas o importante é a implicación da Xunta en proxectos concretos xa que “habería unha enorme diferenza entre estar e non estar no sector” porque “para que non existan nin vencedores nin vencidos é necesario figuras deste tipo”. Unhas declaracións que chegan despois de 14 anos de negativa do PPdeG á participación pública no sector, reclamada desde a oposición.
Rueda foi preguntado por se a nova sociedade terá participación maioritaria da Xunta -como Sogama, que por estatutos xa podería impulsar proxectos renovables- ou o control vai estar en mans privadas, como na sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos creada para aproveitar os fondos europeos Next Generation. A súa resposta foi que aínda agora se empeza a tramitación da lei e “veremos como é esa sociedade”.
Segundo Rueda, a sociedade “non entraría en todos os proxectos, só naqueles nos que estimáramos oportuno facelo, nos que o beneficio ou retorno social sería indubidable”, pero rexeitou “falar de cotas agora mesmo”. Pero xa avanzou que a Xunta podería non ter a única participación pública senón que “isto está aberto a todas as administracións con competencias no territorio e que teñan interese e capacidade”. “Imos ver o interese, por iso esta fase de consulta pública”, incidiu. Tamén aclarou que mentres que a sociedade mixta para aproveitar os fondos europeos ten como cometido identificar proxectos viables para despois lanzalos de xeito independente, na nova a Xunta participaría directamente nos proxectos finalmente construídos.
Rueda di agora que "canta máis capacidade de decisión poida ter a Xunta, mellor", pero ao tempo que tamén está a obter "grandes vantaxes" de participacións minoritarias como a que ten en Reganosa, centrada no comercio dun combustible fósil
As preguntas ao presidente insistiron en cal é a vontade actual da Xunta máis alá do que poida resultar da consulta que agora lanzará, se quere ser maioritaria ou non nesa nova sociedade. “Canta máis capacidade de decisión poida ter a Xunta, mellor, pero aquí o que importa é que funcione”, dixo Rueda, para a continuación matizarse poñendo o exemplo de Reganosa, empresa centrada no comercio dun combustible fósil na que “a Xunta non ten unha porcentaxe maioritaria e estamos tendo grandes vantaxes”.
Pero seguiron chegándolle preguntas. Descarta que a empresa vaia ser pública? “Si”. E con control maioritario público? “Xa o veremos”. E por que agora cando hai 14 anos o PPdeG dicía que a participación pública ía contra a liberdade de empresa? “Estamos nunha madurez no despregamento”, respondeu Rueda, quen xustificou a nova política en “seguir cunha implantación ordenada” porque “para que non existan vencedores nin vencidos é necesario figuras deste tipo”. Nada dixo de se ata agora, en ausencia de participación pública, xa houbo ou non vencedores ou vencidos.
Canon sobre o cableado de conexión dos parques eólicos mariños
Tras unha década ingresando os mesmos 22 millóns ao ano polo canon eólico aos parques en terra, a Xunta busca un xeito de cobrar tamén aos mariños, sobre os que non ten tantas competencias
Previamente, na súa intervención inicial de anuncio do comezo da tramitación da nova lei que regule a participación pública, Rueda avanzou que a norma tamén será aproveitada para mudar o canon eólico que a Xunta cobra actualmente aos parques instalados en Galicia. Desde hai unha década seguen a ser uns 22 millóns de euros ao ano que gravan cada aeroxerador instalado nos montes, e agora a Xunta quere que poida aplicarse tamén dalgún xeito aos futuros parques eólicos mariños. Sobre eses o Goberno galego non ten tantas competencias como sobre os que están nos montes, así que quere gravar o cableado de conexión nos seus puntos de entrada en terra.
Ata agora a Xunta viña empregando ela mesma discrecionalmente a metade dos cartos obtidos polo canon eólico, mentres que a outra metade é repartida entre os concellos que os dedican a fins dispares. No caso do posible novo gravame ás liñas de conexión da eólica mariña Rueda insinuou que os fondos poden ir destinados a compensar o sector da pesca.