A pasada semana o Consello de Ministros aprobou os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo, os coñecidos como POEM. Son uns documentos que o Goberno de España tiña que aprobar, si ou si, e que finalmente acabou sacando adiante cuns dous anos de atraso sobre o fixado pola Unión Europea.
Explicado en termos simples, estes plans son unha guía, un mapa xeral do que se pode e non se pode facer en cada zona da costa e das augas que están baixo xurisdición do Estado español. Así, o Ministerio para a Transición Ecolóxica define áreas de “prioridade” ou de “alto potencial” para determinados usos. Entre os segundos está a eólica mariña, con algo máis de dous mil quilómetros cadrados fronte ás costas galegas, en torno á metade do sinalado para todo o Estado.
Explicamos o aprobado nos plans de ordenación do espazo marítimo relativo á eólica mariña e co profesor Pedro Varela sabemos da importancia da participación pública nos proxectos para "socializar os beneficios"
Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, imos tentar explicar que é o que foi aprobado e que é o que aínda non. Tamén nos detemos no que significa exactamente que esas zonas sexan de alto potencial para a eólica mariña e en que papel ten ou pode ter o sector público galego, o Goberno da Xunta, nos futuros parques que se poidan instalar.
Os POEM atoparon posicións encontradas, caso das empresas vinculadas ao sector da pesca que consideran que estes plans son unha agresión directa contra a súa actividade. E no ámbito político escoitamos, por exemplo, o aplauso de alcaldes da contorna de Ferrol, pero tamén a oposición de formacións como o BNG.
Alén do "si" ou "non" atopamos análises con máis matices dalgunhas voces expertas que apuntan á importancia de que cando se desenvolvan eses parques eólicos mariños fronte á costa galega haxa participación pública directa neles, entre outras cousas, para socializar os beneficios. É do que falamos neste episodio do Fálase con Miguel Pardo, xornalista de Praza.gal, que nos últimos días abordou a cuestión nunha reportaxe coa axuda dos profesores Rosa Regueiro e Pedro Varela.
A Pedro Varela, precisamente, escoitámolo no programa. Este profesor de Economía Aplicada na USC, experto no sector eólico e autor de varios estudos sobre a eólica mariña na Península Ibérica, reflexiona sobre a importancia que tería esa participación pública como vía para "socializar os beneficios" e para que esta, di, non sexa unha industria só "extractiva" en Galicia. Esa socialización, apunta, pode ser estritamente económica, pero tamén industrial e cómpre "capilarizala", que non fique só nuns poucos puntos do territorio.
Neste sentido, Varela cre necesario aprender "das leccións" da eólica terrestre, do seu impacto no territorio e da oposición social á súa implantación. E apunta, ademais, que temos exemplos ben próximos de participación pública directa da Xunta no sector enerxético, caso de Sogama ou de Reganosa.
Viaxes de cinema e música 'clásica' en VINTE
Neste episodio do Fálase de Praza.gal tamén abrimos o espazo de VINTE. Comezámolo achegándonos ao tráiler de Matria, o filme de Álvaro Gago que vén de pasar pola Berlinale porque quen tamén estivo alí, acompañando esa estrea e ese fito histórico, con todas as letras, para o cinema galego foi María Yáñez, directora de VINTE, que nos conta algo máis do filme, do seu inminente paso polo Festival de Málaga e, sobre todo, da súa estrea en salas o vindeiro día 24.
Con VINTE sabemos máis de 'Matria' antes da súa chegada ás salas de cinema e percorremos a Terra do Medio a través de dúas atractivas e gorentosas rutas
Do cinema pasamos á música para coñecermos un pouco máis d'As Fillas de Cassandra, que veñen de publican o seu primeiro disco, Acrópole. Disque "as fillas adoitan contar historias das súas nais e devanceiras" e por iso elas recuperan a Cassandra, Antígona, Lisístrata, Pandora, Eco, As Moiras, Dafne e Syrinx para, a través delas, falarlles ás mulleres da actualidade.
Neste espazo de VINTE tamén temos oco para unhas cantas paradas do Vinte en Ruta. Con Aida L. Rosell imos Alén do Camiño de Santiago, de Ordes a Melide para revisitar o vello ocio. E con Jorge Guitián e Adrián Baúlde tamén percorremos esa contorna, pero para saboreala a través de produtos e especialidades como pan, melindres e queique.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.