Condicionantes ambientais e conflito con outros usos como a pesca obrigaron a reducir as zonas previstas inicialmente, que a UE requiría que estivesen aprobadas hai dous anos
O Consello de Ministros deste 28 de febreiro aprobou definitivamente, con dous anos de demora, os denominados Plans de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM) para todas as costas do Estado. Trátase dos documentos nos que se establecen as restricións ou potencialidades de cada zona para diversos tipos de usos do mar.
A principal expectativa sobre estes plans estaba posta nas zonas previstas para instalacións de enerxía eólica mariña, que fronte a Galicia finalmente serán as mesmas cinco previstas inicialmente -catro entre Ferrolterra e a Mariña lucense e unha máis fronte á desembocadura do Miño- pero con tamaños máis reducidos polos condicionantes ambientais e conflitos con outros usos advertidos durante a súa avaliación ambiental.
En 2014 unha directiva europea estableceu que os estados debían elaborar plans de ordenación dos usos dos seus espazos marítimos (POEM) antes do 31 de marzo de 2021. España non someteu a exposición pública os seus plans, entre eles o da costa atlántica que afecta a Galicia, ata uns meses máis tarde, en xuño do pasado ano, o que lle supuxo que a Comisión Europea iniciase unha investigación da demora. Unha demora que non impediu que diversas empresas xa fosen presentando proxectos eólicos en todo o litoral galego entre protestas dos sectores da pesca e do ecoloxismo, amparadas mesmo polo Parlamento Europeo que reclama diálogo e compensacións entre as partes afectadas.
O documento inicial presentado en xuño de 2021 contemplou cinco zonas denominadas “de uso prioritario” para a enerxía eólica na costa galega, fronte a outras zonas de uso prioritario ou de protección para outras actividades, como a conservación da natureza, a navegación, a obtención de áridos ou as actividades militares. A revisión ambiental desa proposta inicial deu lugar o pasado decembro a unha resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministeiro para a Transición Ecolóxica que ditou diversos recortes e condicionantes nos POEM finalmente aprobados agora polo Consello de Ministros.
O que antes eran "zonas de uso prioritario" agora son "zonas de alto potencial", máis reducidas no caso de catro das cinco galegas “para minimizar a interacción con artes de pesca de fondo: arrastre, palangre e enmalle”
De entrada as antes denominadas como “zonas de uso prioritario” para a enerxía eólica pasan a ser “zonas de alto potencial”, e a instalación nelas dese tipo de tecnoloxías non será automática senón que terá que incluír diversas garantías ambientais e de protección sobre a pesca. Ademais, das cinco zonas previstas fronte a Galicia, catro, as denominadas NOR 1 (fronte á desembocadura do Miño), NOR 2 (a máis grande, fronte a Ferrolterra), NOR 3 (fronte a Ortegal) e NOR 5 (fronte a Burela) ven reducido o seu tamaño “para minimizar a interacción con artes de pesca de fondo: arrastre, palangre e enmalle”. Só a que xa era a máis pequena, a NOR 4, entre a 3 e a 5, permanece igual.
No resto do Estado son outras 14 as zonas previstas para a eólica mariña: tres fronte a Asturias, seis en Canarias, e outras cinco no Mediterráneo, en Andalucía, Catalunya e Menorca. Pero polo seu tamaño as áreas fronte á costa galega suman case a metade da superficie total prevista para a eólica mariña en todo o Estado.
Na súa comparecencia en rolda de prensa despois do Consello de Ministros deste martes a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, confirmou o cambio de terminoloxía de “zonas de uso prioritario” a “zonas de alto potencial”, que estarán condicionadas a estudos de cada proxecto concreto. Segundo dixo, a nova planificación do mar busca aproveitar “sinerxías” entre distintos tipos de proxectos e “establece limitacións ou criterios de priorización”.
Os primeiros proxectos feitos públicos para a costa galega suman máis dos 3.000 MW de eólica mariña que o Goberno de España quere para todo o Estado en 2030, mentres en terra hai xa 4.000 MW e veñen de autorizarse outros 2.200
Á espera desta planificación agora aprobada xa foron varias as empresas que nos últimos meses desvelaron as súas intencións de impulsar parques eólicos fronte as costas galegas. Só os cinco primeiros proxectos feitos públicos xa suporían superar os 3.000 MW de enerxía eólica mariña. Como comparación, ese é o obxectivo que se fixou o Goberno de España para 2030 en todo o Estado. Mentres, en terra hai a día de hoxe en Galicia uns 4.000 MW instalados de enerxía eólica e as autorizacións que Xunta e Estado veñen de dar suporían sumar outros 2.200 MW.