O documento, que debía estar aprobado hai ano e medio, muda as “zonas de uso prioritario” por “zonas de alto potencial” e terá que incluír novas garantías ambientais e proteccións sobre a pesca
As zonas previstas para a eólica mariña serán máis pequenas, ese uso enerxético do mar deixará de ter a consideración de “prioritario” e os proxectos que se tramiten deberán incluír novas garantías ambientais e de proteccións sobre a pesca. Esas son algunhas das principais novidades dos plans estatais que delimitan os usos do mar a respecto da primeira versión feita pública en xuño do pasado ano tras a súa avaliación ambiental.
Tras estas correccións e outras que poida introducir aínda o Goberno de España, os plans aínda deben ser aprobados definitivamente, o que non está a impedir que diversas empresas xa veñan presentando proxectos eólicos entre protestas dos sectores da pesca e do ecoloxismo, amparadas mesmo polo Parlamento Europeo.
En 2014 unha directiva europea estableceu que os estados debían elaborar plans de ordenación dos usos dos seus espazos marítimos (POEM) antes do 31 de marzo de 2021. España non someteu a exposición pública os seus plans, entre eles o da costa atlántica que afecta a Galicia, ata uns meses máis tarde, en xuño do pasado ano, o que lle supuxo que a Comisión Europea estea a investigar a súa demora. Aquel documento inicial contemplou cinco zonas denominadas “de uso prioritario” para a enerxía eólica fronte a costa galega, fronte a outras zonas de uso prioritario ou de protección para outras actividades, como a conservación da natureza, a navegación ou as actividades militares.
Os POEM están a ser deseñados pola Dirección Xeral da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica, pero como todo documento similar debe ser sometido a avaliación ambiental, proceso que realizou outro departamento do mesmo ministerio, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación. O resultado desa avaliación ambiental vén de ser publicado este venres no Boletín Oficial del Estado, e nel sinálanse diversas mudanzas sobre os documentos iniciais que ou ben xa realizou o departamento que os está a tramitar ou que deben realizarse tras a súa avaliación ambiental.
Catro das cinco zonas previstas na costa galega reduciranse “para minimizar a interacción con artes de pesca de fondo: arrastre, palangre e enmalle”
Unha das principais mudanzas a respecto do documento coñecido hai ano e medio no que afecta ás zonas previstas para a enerxía eólica é a redución do tamaño de catro das cinco áreas previstas nas costas galegas, as denominadas NOR1, NOR2, NOR,3 e NOR5, quedando igual a que xa era a máis pequena de todas, a NOR4. Segundo o documento publicado no BOE, a redución do tamaño previsto para as zonas eólicas pretende “evitar ou minimizar a súa afección sobre a actividade pesqueira e a biodiversidade como consecuencia de actualizacións e melloras da información”. En particular, no caso das catro áreas galegas que se reducen sinálase que é “para minimizar a interacción con artes de pesca de fondo: arrastre, palangre e enmalle”. Porén, o BOE non recolle ningún plano ou descrición do novo tamaño ou configuración desas zonas.
Outra das mudanzas reflectidas no BOE é o cambio de denominación e alcance das áreas eólicas. Ata agora tiñan a denominación de “zonas de uso prioritario” para a eólica, e agora pasan a ser só “zonas de alto potencial” (ZAP). Isto suporá máis restricións para os proxectos eólicos cando poidan solaparse con outros intereses ambientais ou pesqueiros.
Fíxanse requisitos para os estudos acústicos, de impacto na fauna, de efectos sinérxicos ou da actividade pesqueira
En particular, a autorización ambiental dos plans de ordenación agora publicada no BOE establece diversas “determinacións” que deberán cumprir os documentos finais no que afecta ás zonas para a enerxía eólica e despois cada proxecto que se queira tramitar nelas. Os estudos sobre a avifauna afectada terán “unha duración mínima dun ciclo biolóxico completo”. Deberá estudarse “a fauna potencialmente afectada pola emisión de ruídos”, estudos acústicos que deberán realizarse antes, durante a instalación e durante o funcionamento do parque eólico. Deberán analizarse os “efectos acumulativos e sinérxicos doutros proxectos” próximos tanto eólicos como doutro tipo. Deberá realizarse un estudo de impacto e integración paisaxística.
Desde a Xunta formularon alegacións Medio Ambiente, Mar e Industria, pero non Turismo, Patrimonio ou Emerxencias
E, como vén reclamando o Parlamento Europeo e a Comisión Europea, deberá realizarse unha análise específica sobre a actividade pesqueira da zona cunha “descrición dos tipos de pesca afectados polo proxecto e valoración das afeccións en función do tipo de pesca existente”. Nese eido, “deberase priorizar a coexistencia do parque eólico coa actividade pesqueira presente na zona, con especial consideración ás artes de pesca tradicionais e aos caladoiros xestionados de maneira sostible”.
A avaliación ambiental agora feita pública no BOE reflicte as achegas realizadas polas diversas administracións. No caso da Xunta sinala que formularon alegacións aos plans de ordenación mariña varios departamentos das consellerías de Medio Ambiente, do Mar e Industria. Porén, non formularon achegas os departamentos de Turismo, Patrimonio ou Emerxencias.