A pesca do noroeste peninsular únese en Burela contra a eólica mariña: "Non queremos ser zonas costeiras baleiradas"

Instalación eólica mariña nas costas de Dinamarca CC-BY-SA Kim Hansen

Confrarías e organizacións de produtores desde Pontevedra a Guipúscoa salientan que as características do seu litoral difiren das do norte de Europa e decantan a balanza en favor da pesca fronte aos aeroxeradores

Burela acolleu este xoves a presentación do denominado Manifesto de Burela en defensa do sector pesqueiro do Cantábrico-Noroeste, subscrito por 27 federacións provinciais de confrarías e asociacións de produtores desde Pontevedra a Guipúscoa. O manifesto defende o sector pesqueiro costeiro, o máis ligado ás comunidades locais, fronte aos proxectos eólicos que xa se están a impulsar na zona, como os dous que Iberdrola xa está a tramitar fronte a Ortegal, sen que o Goberno de España planificase aínda os usos prioritarios do litoral. 

As organizacións asinantes din estar preocupadas polo cambio climático e ser defensoras da descarbonización e as enerxías renovables, pero argumentan que o seu litoral non é lugar adecuado para os aeroxeradores nunha sorte de análise de custo-beneficio entre ese sector e a produción de alimentos de orixe mariña. 

Presentación en Burela do manifesto en defensa da pesca fronte a eólica mariña © Federación Galega de Confrarías

“Os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña nas nosas costas non son compatibles cos usos existentes, nin coa escasas plataforma continental destas costas, que difire totalmente doutras zonas marítimas como o Mar do Norte ou o Mar Báltico, nin coa riqueza dos nosos ecosistemas, nin coa preservación da biodiversidade, nin co mantemento da actividade pesqueira”, di o manifesto, que alerta tamén contra os “impactos acumulativos” dos parques eólicos na contaminación acústica sobre aves e mamíferos mariños e nas correntes, ondas e substratos “co conseguinte impacto nos hábitats das especies de interese comercial para a nosa flota”.

O manifesto lembra que o Parlamento Europeo xa puxo por diante a pesca artesanal fronte a enerxía eólica mariña e invoca o “principio de precaución” ante a falta de estudos e planificación

A pesca, di o documento, “é fonte de proteína de primeira calidade, xeradora de emprego e dota de cohesión ás zonas costeiras evitando o desemprego e o illamento destas comunidades, evitando que se produza o efecto de “baleirado” como ocorre en vilas do interior da Península”. “Non queremos converternos en zonas costeira baleiradas”, sentencia o documento.

O manifesto lembra que o Parlamento Europeo xa puxo por diante a pesca artesanal fronte a enerxía eólica mariña e invoca o “principio de precaución” ante a falta de estudos e planificación dos novos desenvolvementos enerxéticos. “Non aceptamos este cambio de paradigma, que poderosos grupos de presión con anuencia en moitos casos das nosas administracións, pretenden impoñernos, de ir cara a unha industrialización do mar como fonte de enerxía renovable, en detrimento do sector pesqueiro, as súas familias”, di o manifesto. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.