A empresa tramita de xeito independente dous proxectos separados por poucos quilómetros con 35 aeroxeradores cada un e contempla a posibilidade de empregar eses emprazamentos tamén para a acuicultura
Os dous primeiros parques eólicos mariños de Galicia, de 35 aeroxeradores cada un a uns 10 quilómetros de Ortegal e Estaca de Bares, denominados respectivamente San Brandán e San Cibrao, para os que Iberdrola vén de iniciar a tramitación ambiental, sinalan na súa documentación a exposición pública no Ministerio de Transición Ecolóxica que implicarán “a prohibición da pesca na zona de ocupación do parque eólico” e “posibles limitacións á pesca de arrastre no corredor dos cables de evacuación” da enerxía. Para compensar eses efectos, Iberdrola propón “negociar” coa Xunta “compensacións”.
Iberdrola tramita a avaliación ambiental dos dous parques eólicos, os dous con 35 aeroxeradores flotantes ancorados ao leito mariño de 14 Mw e 253 metros de altura cada un, con documentacións independentes nas que non se menciona o outro proxecto malia debuxarse a menos de dez quilómetros entre eles. Porén, os textos dos dous documentos son similares, con numerosos parágrafos idénticos, e nalgunhas das alternativas propostas as liñas de evacuación a terra firme da enerxía neles producida coincidirían no seu trazado. Pero en ningún momento se propoñen un como alternativa do outro nin se avalía o efecto acumulativo que poderían ter os dous parques de resultar os dous autorizados.
Fronte á maioría de alternativas que propoñen cables de entre 15 e 25 quilómetros ata Xove, unha traza unha liña de 86 quilómetros ata Sabón, conducións todas elas con restricións para a pesca
Os planos de cada documentación obvian o outro proxecto e o mapa que encabeza esta información tivo que ser elaborado por Praza.gal cunha montaxe aproximada a partir de mapas distintos de cada un dos documentos independentes.
Os dous parques a tramitación ambiental só propoñen alternativas de emprazamento para o trazado dos cables de evacuación da enerxía a terra, con varios corredores de entre 15 e 25 quilómetros de lonxitude, que se dirixen a unha subestación eléctrica en Xove pero tamén coa posibilidade alternativa dun cable de 86 quilómetros de lonxitude que remate en Sabón, o suroeste da cidade da Coruña.
Sobre o impacto dos parques, os documentos coinciden en sinalar que durante o seu funcionamento producirán “ruído, emisión puntual de gases asociada ás embarcacións de mantemento e a xeración de campos electromagnéticos do cable submarino” así como “unha lixera afección sobre os sedimentos mariños (mobilización do fondo e suspensión de sedimentos), coa consecuente turbidez, asociado aos sistemas de fondeo dos aeroxeradores”. E engaden que “en relación á afección faunística, os principais grupos prexudicados serán os mamíferos mariños e a avifauna” e que “o funcionamento do parque irá asociado a unha limitación/prohibición de pesca nas zonas de influcencia do parque”.
Para compensar eses impactos, os dous documentos propoñen “negociar” coa Xunta “compensacións na pesca derivadas do impacto das instalacións do parque eólico, como estudos e censo periódicos do estado das especies de interese pesqueiro na zona para optimizar o esforzo pesqueiro”.
Tamén propón “analizar a posibilidade, en función da actividade da zona e das condicións meteorolóxicas, de abrir corredores entre os aeroxeradores para permitir o paso de pesqueiros e embarcacións menores” así como estudar “sinerxías co sector da acuicultura, de maneira que puidera utilizarse o mesmo emprazamento do parque eólico para as instalacións de acuicultura, adaptando o deseño das plataformas”. E engade a posibilidade de establecer convenios para “promover a electrificación da flota local de embarcacións turísticas e de pesca artesanal con parte da enerxía xerada polo parque, para así reducir o impacto ambiental das mesmas”.
Os parques están máis preto da costa do que prevé como "zonas de uso prioritario" para a eólica o Ministerio de Transición Ecolóxica, que en todo caso remite á análise ambiental de cada proxecto concreto
Por outra banda, os dous parques atópanse máis preto da costa do que prevé como "zonas de uso prioritario" para a enerxía eólica o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) do noroeste peninsular que o Ministerio de Transición Ecolóxica vén de someter a exposición pública. Porén, ese POEM aínda non aprobado de xeito definitivo remite á análise ambiental de cada proxecto concreto que se poida presentar e admite que para a definición desas zonas prioritarias non se tivo en conta o impacto na pesca artesanal nin na paisaxe.