Chega a eólica mariña a Galicia: comeza a tramitación ambiental dos dous primeiros parques de Iberdrola

Instalación dos tres aeroxeradores flotantes de WindFloat Atlantic fronte a Viana do Castelo no que é ata agora o parque eólico flotante máis próximo a Galicia, visible desde A Guarda © WindFloat Atlantic

O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de facer público o inicio da avaliación de dous posibles proxectos flotantes de 490MW cada un e denominados “San Cibrao” e “San Brandán”

A información facilitada é mínima e a súa posible concreción require aínda de numerosas autorizacións previas, tanto ambientais como enerxéticas, pero o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de incorporar por primeira vez dous parques eólicos mariños flotantes en Galicia na web na que informa de todo tipo de proxectos que se someten á súa avaliación ambiental. Iberdrola Renovables Galicia SA é a empresa promotora e para cada un dos dous parques, denominados “San Cibrao” e “San Brandán”, que non son situados xeograficamente, sinala unha potencia total de 490 MW.

A publicación dos dous proxectos por parte do ministerio prodúcese tres meses despois de que a propia Iberdrola revelase que, no marco das iniciativas que aspira a que sexan financiadas con cargo ás axudas europeas NextGenerationUE, prevé o seu “primeiro parque eólico mariño flotante a escala industrial en España cun investimento superior aos mil millóns de euros”. Un proxecto de 300 MW que presenta como “punta de lanza para o desenvolvemento de ata 2.000 MW eólicos mariños flotantes que a compañía identificou e que poderían levantarse na costa galega, a andaluza ou nas Illas Canarias”.

Captura da web de avaliacións ambientais do Ministerio para a Transición Ecolóxica CC-BY-SA Praza Pública

Ata agora, o parque eólico mariño máis próximo a Galicia é un de WindFloat, con tres muíños fronte a Viana do Castelo, visible desde A Guarda

A información que se limita a ofrecer agora o Ministerio para a Transición Ecolóxica é os nomes dos proxectos, que cada un deles terían “unha potencia total de 490 MW” e que inclúen “a súa liña de evacuación a subestacións terrestres en Galicia”, pero sen concretar nin a provincia na que se emprazarían máis alá de que estarían en Galicia. A data de entrada sinalada é nos dous casos o 27 de maio e a lexislación aplicable para a súa tramitación é a lei estatal 21/2013 de avaliación ambiental, que establece a obriga de realizar unha avaliación ambiental ordinaria para os parques eólicos de máis de 30 MW, como sería o caso, o que suporá iniciar un longo proceso de consultas públicas.

Ademais destes dous proxectos en Galicia, o ministerio tamén vén de facer públicos outros varios doutras filiais de Iberdrola noutros lugares, mesmo con nome similar, como o parque eólico mariño flotante “San Borondón” de 238 MW que se sitúa ao sueste de Gran Canaria. Os parques que agora quere impulsar Iberdrola suporían un salto adiante canto á potencia e o número de aeroxeradores a respecto do exemplo actual máis próximo a Galicia, o parque flotante de tres muíños e 25 MW que WindFloat ten fronte a Viana do Castelo e visible desde A Guarda.

A tramitación ambiental destes dous parques eólicos mariños en Galicia chega poucos días despois de que o Parlamento mudase a postura que mantivera hai doce anos, cando todos os grupos (PP, BNG e PSdeG), votaran unanimamente en contra da instalación de aeroxeradores na costa galega

Desta vez, a Cámara aprobou unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a "promover e dinamizar o sector da eólica mariña offshore mediante a promoción de elementos técnicos e de coñecemento desta tecnoloxía e a súa implementación". Impulsada polo PP, e transaccionada logo co PSdeG, a iniciativa foi aprobada co voto a favor destes dous grupos e o rexeitamento do BNG. 

Plataforma para a eólica mariña no estaleiro de Fene © Windar Renovables

Os avances tecnolóxicos na última década provocaron a aparición de plataformas flotantes, que non precisan de ancoraxe no leito mariño, que permiten afastar os muíños da liña terrestre. Un estudo da Universidade de Santiago (USC) insistiu en 2017 mas enormes posibilidades que esta industria lle abría a Galicia, na mesma liña que nesta altura seguen os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo que desenvolven o Estado e as comunidades autónomas. 

A Mariña, Punta Lagosteira e sur de Pontevedra

Hai só dúas semanas, a Xunta acompañou o Galician Offshore Energy Group (GOE) --creado dentro da Asime (Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia)--, na presentación dun estudo sobre as potencialidades e desenvolvemento da eólica mariña que sinala tres áreas sen impacto cos que comezar o desenvolvemento desta industria en lugares libres de impactos: A Mariña de Lugo, Punta Lagosteira, canda o porto exterior da Coruña, e no sur da provincia de Pontevedra.

Os cálculos da patronal metalúrxica falan da creación de máis de 5.000 empregos directos de aquí a 2030 e da capacidade, sen nin tan sequera construír todos os muíños posibles, de producir ata 17.000 Gw/hora ao ano, o que cubriría o actual consumo eléctrico de Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.