Eólica mariña, hidróxeno ou corredor atlántico: o Plan de Recuperación do Goberno de España bosquexa varios proxectos con Portugal

Barco pesqueiro galego CC-BY-SA Xunta

Aínda pendente de concreción, a segunda presentación que fai Pedro Sánchez da guía económica para dirixir os fondos europeos tras a pandemia achega algún detalle máis con implicacións en Galicia, desde as autovías á pesca

Os fondos europeos para a recuperación económica tras a crise do coronavirus, denominados de xeito xenérico NextGenerationUE, prevén que España poida recibir 70.000 millóns de euros en axudas directas e outro tanto en préstamos. Serán canalizados a través do denominado Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, documento elaborado polo Goberno central aínda pendente de aprobar pola UE. En outubro o presidente Pedro Sánchez presentou un primeiro borrador do plan e esta semana un novo documento, agora de 211 páxinas [aquí o arquivo PDF] máis varios anexos [aquí o PDF], no que se bosquexan os proxectos que o Goberno central quere priorizar, pero aínda sen a concreción suficiente como para coñecer todo o seu impacto directo en Galicia. [NextGenerationEU, PERTE, Proxecto tractor: guía para non perderse nas axudas á recuperación tras a COVID que chegarán a Galicia]

Distribución do investimento do Plan de Recuperación © Goberno de España

O documento, cualificado por Sánchez como “o plan económico máis ambicioso da historia recente de España”, estrutúrase arredor de catro eixos ou obxectivos transversais: transición ecolóxica, transformación dixital, cohesión social e territorial e igualdade de xénero. Eses catro eixos “orientan” dez “políticas panca” con diversos “compoñentes” baixo os que o documento sitúa diversas reformas e 20 "programas tractores" de investimentos.

Á espera de que o Executivo de Sánchez siga concretando eses compoñentes, reformas e investimentos, ao igual que a Xunta cos “proxectos tractores” que di querer impulsar para que sexan tidos en conta polo Estado pero que aínda mantén en segredo, estes son algúns dos elementos do plan estatal que poden ter máis repercusión en Galicia.

Pedro Sánchez nunha das presentacións do Plan de Recuperación © Pool Moncloa - Borja Puig de la Bellacasa

Proxectos transfronteirizos con Portugal

De xeito transversal a todo o plan fálase de colaboración con Portugal para despregar proxectos conxuntos transfronteirizos “no ámbito da transición ecolóxica e dixital”.

O documento sinala a creación dunha “alianza ibérica dixital” coa que avanzar na “interconexión de redes e infraestruturas dixitais de datos e cables submarinos, conectividade nacional e internacional, o despregamento de redes 5G, investigación e innovación en Intelixencia Artificial e a súa posterior adopción por empresas e sector público e a atracción de talento investigador”.

En materia de enerxía, o plan tamén cita unha “alianza ibérica pola recuperación verde, que explora oportunidades conxuntas en proxectos identificados na área do hidróxeno renovable, o almacenamento e a cadea de valor das baterías, e que se pode estender a outras áreas de interese común, como a enerxía eólica offshore e as enerxías mariñas”. 

Enerxías renovables

O plan quere potenciar o despregamento e integración de enerxías renovables, con estratexias en liña coa nova Lei de cambio climático, desde a potenciación do vehículo eléctrico e as súas bases de recarga á propia xeneración da enerxía. E debulla diversas reformas regulador para que sexa “facilitador” do seu despregamento, en plena burbulla do sector eólico en Galicia. “Inclúe, entre outros, o impulso da enerxía eólica mariña, o biogás e o impulso de bancos de probas de I+D”, di o documento.

Unha estrada de alta capacidade e vías ferroviarias en Santiago © Google

Infraestruturas

O plan prioriza completar os corredores ferroviarios, entre eles o Atlántico, e nas estradas quere “desenvolver un sistema de pagamento polo uso da rede de vías de alta capacidade”

Neste eido a primeira prioridade do documento, que di apostar en xeral pola mobilidade sostible facéndose eco de moitas medidas adoptadas na Lei de cambio climático, é “completar os corredores ferroviarios que conectan co resto da UE para impulsar o transporte de mercadorías alternativo á estrada”. O Corredor Atlántico pasa nominalmente por Galicia pero aínda está pendente de investimentos millonarios, que poderían beneficiarse dos preto de 6.700 millóns de euros que o plan destina a esta liña de actuación.

Neste mesmo apartado o documento considera necesario “desenvolver un sistema de pagamento polo uso da rede de vías de alta capacidade que permita cubrir os costes de mantemento e integrar as externalidades negativas do transporte por estrada como sucede no resto de infraestruturas”. Referencia a un posible pagamento pola circulación polas autovías e non só polas autoestradas en liña coa reclamación da UE de medidas como a denominada Euroviñeta que deben pagar nalgúns países os camións polo maior impacto que teñen os vehículos pesados no mantemento das infraestruturas. O pagamento polas autovías, debate de hai anos que segue sen pecharse, suporía que sexan os usuarios os que contribúan directamente á súa conservación e non toda a cidadanía.

Pesca e agricultura

O Goberno central quere agrupar “nunha única lei a normativa de pesca actualmente dispersa” e reducir a contaminación da agricultura e a gandeiría

No eido pesqueiro o plan di querer “fortalecer a Rede de Reservas Mariñas de interese pesqueiro, impulsar a investigación pesqueira e oceanográfica e incidir na loita contra a pesca ilegal e facilitar os investimentos na modernización do sector”. Entre as reformas específicas que cita está a “revisión do marco normativo nacional para a regulación da pesca sostible, co obxectivo de impulsar a sostibilidade económica e social como elemento central da xestón pesqueira”. “Agruparase nunha única lei a normativa actualmente dispersa adaptando a ordenación das diferentes artes, modalidades e censos dos caladoiros”.

Na agricultura, o documento apunta varias reformas como a do marco lexislativo sobre a fertilización dos solos agrícolas, “fomentando o asesoramento técnico e a axuda aos agricultores para reducir a contaminación de augas por nitratos e fosfatos e mellorar a calidade do aire”, problema presente en Galicia especialmente na comarca da Limia.

Camión con xurros na comarca da Limia © Auga Limpa Xa!

Cultura

O plan quere potenciar a lingua española na intelixencia artificial pero nada di do galego ou outras linguas oficiais

Neste eido o plan sinala que “España conta cunha gran riqueza no ámbito cultural e o idioma español é ademais un importante activo de desenvolvemento económico e social para o futuro”. O documento aposta por un “plan dixital de ensinanza e difusión da cultura e a lingua española no exterior” e aposta por liderar “a nivel mundial, o uso da lingua española na Intelixencia Artificial”. Nada di sobre o galego ou outras linguas oficiais.

O plan quere “dixitalizar” a cultura para facilitar o acceso a ela e aposta por un “hub audiovisual” para “consolidar a España como plataforma de investimento audiovisual a nivel mundial e país exportador de produtos audiovisuales, desde unha perspectiva ampla e integradora, que inclúe os videoxogos e a creación dixital”.

Despoboamento

De xeito transversal a todo o documento, algunhas actuacións do plan “comezarán en municipios de menos de 5.000 habitantes en áreas como a rehabilitación urbana, a mellora da eficiencia enerxética ou o apoio ao saneamento e depuración da auga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.