Máis autoestradas do mar e ferrocarril para mercadorías ou redución de gases dos barcos atracados son algunhas das medidas da nova norma escurecidas polo foco do PP e a Xunta sobre o posible efecto na fábrica de Pontevedra, cuxo futuro seguirá en mans da xustiza
O Congreso dos Deputados aprobou este xoves, coa abstención do PP e tras a introdución dalgunhas emendas acordadas polos grupos parlamentarios, a Lei de Cambio Climático impulsada polo Goberno de España. Un texto que agora irá ao Senado, onde non se prevén grandes mudanzas, antes da súa entrada en vigor despois dun ano de debates que o PP e a Xunta centraron nun único punto dun único artigo, o 18.4, polo seu suposto efecto sobre a fábrica de Ence en Pontevedra, dun texto de 34 páxinas con 36 artigos e outras 20 disposicións.
Malia a súa belixerancia en Galicia contra a lei por ese artigo, do que di que obrigará a deixar os seus emprazamentos xunto ao mar a todo tipo de instalacións ao acoutar as prórrogas das súas concesións, finalmente o PP abstívose en vez de votar en contra. Ao tempo, os populares si votaron en contra dunha emenda do BNG que non saiu adiante que pretendía deixar claro que o artigo non afectaría ás instalacións directamente ligadas ao sector pesqueiro.
Con independencia do efecto final que teña o artigo do conflito, o futuro de Ence seguirá estando, como xa o estaba antes, en mans da Audiencia Nacional, que ten que decidir se a prórroga que lle deu o Goberno de Mariano Rajoy en 2016 para que siga ata 2073 nos terreos que ocupa é legal ou debe retirarse en 2033, cando se cumprirían 75 anos da concesión. Pero moito antes deses prazos os efectos da nova lei xa serán visibles noutros varios eidos da vida diaria galega no seu obxectivo de acadar a “neutralidade climática” en 2050 pola vía fundamentalmente da redución das emisións de dióxido de carbono con medidas que as entidades ecoloxistas reclaman que sexan máis ambiciosas.
Zonas de baixas emisións nas sete cidades galegas en 2023
A norma establece que “os municipios de máis de 50.000 habitantes”, que no caso de Galicia son as sete cidades, deberán establecer “zonas de baixas emisións non máis tarde de 2023”, espazos nos que se debe restrinxir a entrada dos vehículos máis contaminantes en función dos distintivos ambientais que corresponden a cada tipo. Aquí poden consultarse os distintivos, mentres que cada administración será a que decida os espazos e restricións a aplicar a cada tipo, aínda que a incapacidade de determinados vehículos de acceder a eses distintivos xa permite calcular que o 40% dos turismos de Galicia non poderán acceder ás zonas de baixas emisións que se creen.
As sete cidades tamén deberán “facilitar os desprazamentos a pé, en bicicleta ou outros medios de transporte activo”, implantar “medidas para a mellora e o uso da rede de transporte público” ou “medidas para fomentar o uso de medios de transporte eléctricos privados, incluíndo puntos de recarga”.
Vehículos novos sen emisións a partir de 2040
"Non máis tarde de 2040" todos os turismos e vehículos comerciais lixeiros que se vendan novos deberán ser de cero emisións, e en 2050 xa non poderán circular o resto
“Non máis tarde do ano 2040”, di a nova lei, todos os turismos e vehículos comerciais lixeiros novos á venda deberán ser de cero emisións. Unha década despois, en 2050, todo o parque de turismos e vehículos comerciais lixeiros deberá ser de cero emisións. Para facilitar a ampliación das flotas a lei prevé medidas de apoio á industria, á investigación e de despregue de puntos de recarga, dos que a Xefatura Central de Tráfico deberá informar “en tempo real”.
Máis autoestradas do mar e menos emisións dos barcos en porto
Haberá “medidas de incentivo económico dirixidas a estimular o uso de combustibles alternativos en buques atracados”
O texto establece que o Goberno central deberá promover “a articulación e consolidación de cadeas loxísticas sostibles con orixe ou destino en portos”, co “impulso ao transporte ferroviario”, o “impulso ao desenvolvemento das autoestradas do mar”, a “mellora de accesos viarios e ferroviarios” aos portos e “o estímulo ao uso de enerxías alternativas no transporte marítimo, con especial atención ao uso deste tipo de enerxías en barcos atracados”. Nese eido, a norma di que haberá “medidas de incentivo económico dirixidas a estimular o uso de combustibles alternativos en buques atracados”.
Veto á explotación de hidrocarburos e uranio
A partir da entrada en vigor da nova lei non se outorgará en ningún lugar do Estado, incluída a zona económica exclusiva ou a plataforma continental mariña, ningunha nova autorización de exploración, investigación ou concesión de explotación de hidrocarburos, e prohíbese a prórroga das xa existentes. Ademais, froito da negociación no Congreso, ao texto inicial que non contemplaba ningunha referencia ao respecto sumouse tamén a prohibición da minaría do uranio.
Convenios de transición xusta para zonas en reconversión
A lei é xenérica nas axudas aos sectores ou zonas como As Pontes máis afectadas pola transición enerxética e crea novas figuras de axudas pero adía a súa concreción a posteriores trámites
A lei fixa obxectivos de redución de emisións, pero é máis xenérica nas axudas aos sectores máis afectados pola transición enerxética. Créanse figuras, pero adíase a súa concreción a posteriores trámites. Así, o texto establece que se aprobará unha posterior Estratexia de Transición Xusta, na que se identificarán os “colectivos, sectores e territorios potencialmente vulnerables ao proceso de transición a unha economía baixa en emisións de carbono”, como en Galicia podería ser a comarca das Pontes tras o peche da central térmica, para os que se habilitarán políticas específicas a través dos denominados “convenios de transición xusta” coas comunidades autónomas. Eses convenios serán os que inclúan medidas fiscais, de financiamento, de emprego ou de protección social “supeditadas ao cumprimento dos obxectivos establecidos no convenio”.
Adaptación ao cambio climático
A lei nace para combater o cambio climático pola vía de reducir as emisións de dióxido de carbono co obxectivo de que en 2050 se acade a “neutralidade climática” e con obxectivos parciais como que en 2030 o 74% do sistema eléctrico teña a súa orixe en enerxías renovables -en Galicia en 2019 foi o 65% e en 2020 o 75%- ou que nese mesmo 2030 as emisións de gases de efecto invernadoiro sexan un 23% menos que en 1990. Pero tamén prevé planificar actuacións noutros eidos para facer fronte aos efectos que finalmente teña o cambio climático que non se consiga frear.
Haberá un Plan Nacional de Adaptación ao Cambio Climático e diversos departamentos públicos deberán elaborar informes peródicos sobre riscos climáticos. Pero tamén o sector privado, como as entidades financeiras, deberán informar anualmente do impacto financeiro nas súas contas “dos riscos asociados ao cambio climático xerados pola exposición a este da súa actividade, incluíndo os riscos da transición cara a unha economía sostible e as medidas que se adopten para facer fronte a ditos riscos”.
É nesa liña de actuacións na que está o artigo 18 da Lei de Cambio Climático que establece que “a planificación e xestión do medio mariño se orientarán ao incremento da súa resiliencia aos efectos do cambio climático” e introduce matices noutra lei, a de Costas, que o PP considerou unha ameaza para todo tipo de instalacións ao borde do mar, pero poñendo o foco especialmente na fábrica de Ence en Pontevedra.
O conflito de Ence
O PP galego centrou a súa oposición á norma no artigo 18 por considerar que pon en risco a continuidade de ENCE en Pontevedra, factoría pendente dun ditame da Audiencia Nacional á que pon de exemplo para toda a industria situada na costa
A orixe do conflito de Ence sobre a concesión dos seus terreos na ría de Pontevedra está en 1958, cando se lle outorgou o espazo. As concesións públicas en España están limitadas a un máximo de 75 anos, pero en 2016 o Goberno en funcións de Rajoy ampliou a de Ence ata 2073, máis alá do 2033 en que se acadarían os 75 anos iniciais. Fíxoo amparándose nunha reforma previa impulsada polo propio PP da Lei de Costas e no regulamento posterior que tamén elaboraron os populares, dous textos que foron criticados polo Consejo de Estado por “ambiguos”, xa que non deixaban claro se os prazos máximos de concesión debían contar desde o primeiro outorgamento ou desde a autorización das prórrogas posteriores á reforma legal.
A legalidade desa prórroga outorgada a Ence está a ser avaliada pola Audiencia Nacional, pero ao tempo o Goberno central incluíu no seu proxecto de Lei de Cambio Climático o artigo 18.4 no que quere poñer fin á ambigüidade que deixou o Goberno de Rajoy sobre como se contan as prórrogas e establece que “os prazos de duración” das concesións previstas na Lei de Costas “computaranse en todo caso desde o seu outorgamento e incluirán todas as súas prórrogas”. Pero engade a continuación un matiz: “sendo nulos de pleno dereito os actos administrativos ditados en incumprimento do previsto neste artigo”. Esa redacción foi tamén criticada polo Consejo de Estado, nun novo ditame no que di que “procedería substituír a expresión ‘ditados’ por ‘que se diten’, coa fin de deixar claramente establecido que se trata dos actos posteriores á Lei”.
Nese contexto é no que o PP asegura que a nova lei podería afectar ás prórrogas xa 'ditadas' ata agora, como a de Ence, e ás doutras moitas concesións na costa galega, mentres que o PSOE nega a maior e lembra que a concesión de ENCE depende do que xulgue a Audiencia Nacional sobre a decisión de Rajoy de 2016. No medio, o BNG considera que a prórroga de ENCE foi ilegal pero quere que se garanta a continuidade no litoral das industrias directamente ligadas á actividade marítima.
O resultado final deste xoves foi que, coa abstención do PP, o artigo 18.4 permaneceu invariable: "Os prazos de duración dos títulos de ocupación do dominio público marítimo terrestre computaranse en todo caso desde o seu outorgamento e incluirán todas as súas prórrogas, de ser estas posibles, sen superar os prazos máximos establecidos na Lei 22/1988, de 28 de xullo, de Costas e na Lei 33/2003, de 3 de novembro, de Patrimonio das Administracións Públicas, sendo nulos de pleno dereito os actos administrativos ditados en incumprimento do previsto neste artigo".