O 2019 foi un ano de importantes cambios no sector da enerxía en Galicia. Por unha banda, confirmouse a fin da produción de enerxía eléctrica con carbón, anunciándose o peche nas contaminantes centrais de Meirama (en 2020) e As Pontes (antes do 2022). Ademais, nos últimos meses relanzouse o sector eólico no noso país e, de feito, Galicia instalou no 2019 o dobre de potencia que en toda a década anterior.
Mesmo eliminando completamente a parte producida polas térmicas das Pontes e Meirama Galicia seguiría a ser excedentaria
A pesar das advertencias lanzadas dende algúns ámbitos, mesmo por parte do presidente da Xunta, que afirmou que sen a central das Pontes Galicia sería "deficitaria" en enerxía, os datos de xeración eléctrica correspondentes ao conxunto do ano 2019 amosan unha realidade moi distinta: medra a achega das fontes renovables (que supuxeron o 65% da produción total), diminúe a do carbón (inferior xa ao 10%) e constátase que mesmo eliminando completamente a parte producida polas térmicas das Pontes e Meirama Galicia seguiría a ser excedentaria, é dicir, produce máis da que consome.
Red Eléctrica de España (REE) publicou este xoves o Avance do Informe del Sistema Eléctrico Español correspondente ao ano 2019. Nel, atopamos que a xeración total de Galicia se situou nos 24.845 GWh. Trátase do dato máis baixo dos últimos anos, pero segue moi por riba da demanda total galega, que tamén descende ata os 18.835 GWh.
Eliminando dos datos a parte producida polas dúas centrais térmicas de carbón, a xeración total sería de 22.835 GWh, o dato máis alto dende o ano 2013 e case dous mil GWh por riba das cifras de 2018.
O peso total das enerxías renovables en Galicia pasou do 55% ao 65% no último ano
A análise das distintas fontes revela que no ano 2019 medrou notablemente a enerxía eólica producida en Galicia, que pasou de representar o 27% do total a ser o 35%, converténdose na primeira fonte de xeración de electricidade no noso país. O carbón, que no 2018 representaba aínda o 33% do total (e o 41% no 2017) pasou a significar unicamente o 10%.
A enerxía hidráulica, a máis variable de todas, mantívose no 2019 no 28%. A que medrou, compensando o descenso da enerxía térmica producida polo carbón, foi a de ciclo combinado, que pasou do 3% ao 14%. O peso total das enerxías renovables en Galicia pasou do 55% ao 65% no último ano.
Este aumento de produción renovable débese, en parte, a que se puxeron en servizo 394 novos MW de potencia de xeración eólica. A eólica suma un terzo da capacidade de xeración galega, seguida moi de preto da hidráulica (32,6%), o carbón (17,2%), o ciclo combinado (10,9%) e a coxeneración (4,3 %).
No conxunto do Estado, a achega do carbón foi aínda máis reducida, pasando do 13,5% ao 4,2%. A enerxía nuclear foi a que representou unha achega maior á demanda da España peninsular, co 22%, seguida da eólica (20,9%) e dos ciclos combinados (20,1%). A solar segue en niveis baixos (5,5%), pero medrou notablemente. En total, as enerxías renovables significan xa o 39% da enerxía producida en España.