A Autoridade Portuaria avanza coa tramitación de diversos aterramentos que defende como “progreso” fronte a “actitudes negativas” que compara coa oposición á construción da AP-9
Hai un século a distancia que separaba a vila mariñeira de Bouzas, na beira sur da Ría de Vigo, de Punta Rodeira, en Cangas, na beira norte, era de 3,65 quilómetros. Se finalmente se executan os plans da Autoridade Portuaria de Vigo de ampliar o actual recheo de Bouzas, empregado fundamentalmente para embarcar vehículos de PSA Peugeot-Citroën, a distancia entre as dúas beiras da ría quedaría reducida a uns 2,65 quilómetros, un quilómetro menos. Sería un dos efectos dos diversos plans que ten en marcha o porto vigués para executar novos recheos ao longo de boa parte da beira sur da ría, non todos cuantificados aínda, que sumarían cando menos 200.000 metros cadrados gañados ao mar, equivalentes a uns 20 campos de fútbol. Boa parte deses novos recheos son presentados pola Autoridade Portuaria como parte da súa estratexia de “crecemento sostible”.
Co novo recheo de Bouzas a distancia entre as dúas beiras da ría pasará dos 3,65 quilómetros de hai un século a 2,65 quilómetros
A Autoridade Portuaria de Vigo, presidida desde 2015 polo popular Enrique López Veiga, conselleiro de Pesca con Fraga, cuxa sucesión chegou a disputar a Feijóo, ten en marcha e en distintas fases de elaboración e execución diversos documentos de planificación que contemplan sucesivos novos recheos sobre a ría. Aínda deberán someterse a cadansúa avaliación de impacto ambiental, pero o porto xa considera a boa parte deses novos aterramentos como parte da súa “estratexia azul” ou “Blue Growth” (crecemento azul).
A Autoridade Portuaria de Vigo considera os recheos parte da estratexia de "crecemento sostible" da UE e di aplicala "desde unha perspectiva holística"
O crecemento azul é unha iniciativa da Comisión Europea, con fondos comunitarios, que a define como “unha estratexia a longo prazo de apoio ao crecemento sostible dos sectores mariño e marítimo”. A Autoridade Portuaria de Vigo asegura que está a aplicar esa “estratexia Blue Growth de maneira integral desde unha perspectiva holística”, un proxecto que contempla a ampliación do recheo de Bouzas para máis tráficos de vehículos (o denominado Ro-Ro) coa argumentación subxacente de que desviar ese tipo de transportes ao mar a través de grandes buques permite reducir a contaminación que producirían en terra con camións ou trens.
O Plan Estratéxico do porto de Vigo defende os recheos como "progreso", pide "espabilar" e advirte de que “a historia non perdoa que os pobos atrasen a toma de decisións”
A ampliación do recheo de Bouzas, e boa parte dos outros que se recollen nesta información, tamén figura no Plan Estratéxico 2018-2028 da Autoridade Portuaria, que define o seu crecemento para os próximos anos. Nese documento deféndense as ampliacións portuarias a partir de novos recheos fronte ao que define como “as actitudes negativas que como as de ‘autoestradas non’ ou ‘recheos non’ tanto dano fixeron ao progreso e o benestar de Vigo e de Galicia”. “A historia recente de Galicia lémbranos o considerable atraso que estas posicións supuxeron para a terminación da autoestrada do Atlántico [AP-9]”, engade o Plan Estratéxico, que argumenta que calquera ampliación das actividades portuarias vai requirir compaxinar “o común desexo de manter a beleza paisaxística da ría de Vigo e a necesidade de construír as estruturas que demanda o progreso”. O documento chega a pedir mesmo “espabilar” e advirte de que “a historia non perdoa que os pobos atrasen a toma de decisións”.
Nin a Estratexia Azul nin o Plan Estratéxico cuantifican a superficie concreta de recheos que planifica o porto senón que engloba esas actuacións no concepto xenérico de superficie portuaria “creada, liberada ou aplicada a outros usos”, que cifra en 550.000 metros
Esa ampliación do recheo de Bouzas presentada como “crecemento azul” ou “progreso” nos anteditos plans xa está a ser estudada tecnicamente. A proposta inicial dun novo recheo duns 50.000 metros cadrados con disposición rectangular no extremo nordeste do actual espazo gañado ao mar nos anos 80 vén de ser ampliada a un espazo máis amplo, duns 90.000 metros cadrados, e disposicións trapezoidal. E mantense outro recheo no interior da dársena doutros 15.000 metros cadrados. Así o publicou esta semana a prensa local, tradicional espazo de divulgación dos seus novos proxectos por parte dos últimos presidentes do porto vigués, desde Abel Caballero ou Corina Porro ata o actual.
Á espera de que se concreten as dimensións finais desa e outras actuacións, nin a Estratexia Azul nin Plan Estratéxico cuantifican a superficie total de recheos que planifica o porto, que engloba esas actuacións no concepto xenérico de superficie portuaria “creada, liberada ou aplicada a outros usos” e que cuantifica en 550.000 metros cadrados. Non todos serán recheos, pero estes poden irse sumando en parte.
A actuación máis avanzada é o recheo de 5.000 metros cadrados que afastará máis do mar o Auditorio Mar de Vigo
Aos 90.000 de Bouzas hai que engadir outra actuación de menor entidade pero cuxa tramitación está máis avanzada e ameaza con ter mesmo maior visibilidade. É o recheo duns 5.000 metros cadrados fronte ao Auditorio Mar de Vigo sobre o que se quere ampliar a contigua lonxa. A actuación fará que o espazo cultural, cun custe para as arcas públicas de 70 millóns de euros e deseñado por César Portela cunha gran fiestra sobre o mar, pase de ter a auga a 50 metros, só separada pola avenida de Beiramar, a uns 170 metros, ao outro lado dun espazo que será empregado por vehículos pesados.
Entre os peiraos Transversal e Comercial, no centro da cidade, está xa en estudo outro aterramento de 55.000 metros, e prevese converter en peiraos, gañando tamén metros ao mar, diversos diques de cachotaría existentes tanto en Bouzas como entre Teis e San Simón
Como Bouzas, tamén está xa en estudo técnico o recheo do espazo existente entre os peiraos Transversal e Comercial, na zona do centro da cidade contigua ao paseo marítimo e o Náutico. Serán uns 55.000 metros cadrados.
Seguindo polo bordo litoral cara o leste, os plans do porto tamén falan de xeito xenérico da posibilidade de “incrementar os metros de atraque” na terminal de contedores de Guixar, en Teis. Unha actuación que segundo diversos medios o porto podería realizar ocupando o espazo setentrional no que está o estaleiro Vulcano se non se atopa para el outro uso similar de construción de buques tras o peche desa empresa.
Desde Teis e ata a enseada de San Simón, xa pasada a ponte de Rande, os plans do porto falan da “posible transformación das escolleras existentes a continuación do monte da Guía en verdadeiras liñas de atraque, de maneira que se obteña o calado suficiente para o amarre de unidades de pequeno e mediano porte”. Iso implicará novos recheos cando menos ata a base baixo a auga deses diques de cachotaría así como o “aliñamento”, como o define o porto no seu Plan Estratéxico, das formas irregulares que presenta actualmente ese bordo litoral. Unha actuación que tamén se baralla “a medio prazo”, segundo o mesmo Plan Estratéxico, para o bordo exterior do recheo actual de Bouzas, que na súa cara setentrional ten máis dun quilómetro de lonxitude. Só con que o aterramento para proxectar verticalmente a base dese dique e convertelo en peirao requira de vinte metros de anchura, o novo recheo xa sumaría outros 20.000 metros cadrados.
Marea de Vigo e BNG rexeitan os recheos e PSdeG e PP evitan pronunciarse sobre eles
Ante este despregue de novos recheos, a reacción por parte dos partidos políticos municipais estase a limitar ao rexeitamento de Marea de Vigo e BNG, apoiándose mutuamente en diversas plataformas veciñais e ecoloxistas. Os nacionalistas veñen de presentar ante o Pleno municipal unha moción contraria a novos recheos que contou só co apoio da Marea local e que foi rexeitada grazas ao voto en contra da maioría absoluta do PSdeG de Abel Caballero. Os socialistas argumentaron que se opoñen aos recheos en xeral, pero non a algúns concretos e que a moción dos nacionalistas era demasiado xeral. O resultado foi que, grazas á postura dos socialistas, os populares non precisaron nin posicionarse en defensa dos proxectos que impulsa o seu compañeiro López Veiga e abstivéronse.
Mentres, a falta dun debate aberto sobre a totalidade dos recheos, a Autoridade Portuaria segue a avanzar na tramitación de cada un deles.