Autoridades portuarias galegas viron como os tribunais anularon os seus plans de usos por non estudar os seus posibles impactos e agora o Goberno central quere eliminar ese requisito
As Delimitacións de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), coñecidas anteriormente como plans de usos dos portos, son documentos que establecen a organización espacial básica desas infraestruturas e, con amparo nelas, permiten certas obras. Nos últimos anos os portos de Vigo e Marín viron como os tribunais anulaban os seus respectivos plans de usos por ser aprobados sen avaliar os seus posibles impactos ambientais. Agora, con esas e outras autoridades portuarias planificando novas ampliacións dos seus peiraos, o Goberno central, a través de Puertos del Estado, quere eximir de xeito expreso da avaliación ambiental a aprobación deses plans. Unha mudanza na que a propia palabra “plan” resulta clave.
A lei establece que non só as obras concretas senón tamén os "plans" e "programas" deben avaliarse ambientalmente, e Puertos quere que os plans de usos deixen de ser considerados "plans"
A lexislación establece que non só as obras concretas que acomete unha administración deben someterse a un procedemento de avaliación do seu posible impacto ambiental. Tamén debe analizarse o impacto dos “plans” ou “programas” que as administracións elaboran como avance de actuacións futuras. Agora Puertos del Estado, segundo conta Adolf Beltrán en eldiario.es, quere deixar claro que os coñecidos ata agora como plans de usos dos portos non entrarían nesa obriga: “A delimitación dos espazos e usos portuarios, dado que non ostenta a natureza de plan nin de programa, non está sometida a avaliación ambiental estratéxica".
Esa é a redacción do que sería un novo apartado no artigo 69 da Lei de Portos estatal que eximiría aos responsables das autoridades portuarias da supervisión ambiental cando realicen obras que impliquen cambios de usos e de espazos. A modificación forma parte dun borrador de decreto-lei que corrixe o texto refundido da Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante de 2011 para a súa "adaptación á normativa da Unión Europea en materia de servizos portuarios".
Fomento di que a proposta de modificación trátase dun mero "documento de traballo" xa que o Goberno está en funcións
O documento foi enviado o pasado mes de maio a responsables portuarios polo director de Explotación de Puertos del Estado, Leandro Melgar, para que lle fixesen chegar comentarios. Na carta, o alto cargo explica que o obxectivo do decreto é a adaptación á lexislación europea, e engade: "Iso non obsta para que consideremos necesario realizar axustes técnicos dirixidos a dar coherencia á normativa que se proxecta sobre os servizos portuarios en orde a evitar situacións que dificultasen o normal desenvolvemento destas actividades e, mesmo, que desen lugar a certa litixiosidade".
Na introdución do documento faise referencia explícita a "unha modificación relativa ao instrumento delimitador do perímetro portuario co fin de expresar indubitativamente que, dado que este non ostenta a natureza de plan nin de programa, non está sometido a avaliación ambiental estratéxica". E na parte dispositiva redáctase a modificación concreta do artigo 69.
O ministerio xustifica a modificación "pola existencia de pronunciamentos xudiciais contraditorios que xeraron unha situación de inseguridade xurídica que paraliza a adecuada xestión do dominio público portuario"
O Ministerio de Fomento que dirixe José Luis Ábalos asegura que se trata dun mero "documento de traballo", xa que o Goberno está en funcións "e non ten prevista ningunha medida lexislativa deste tipo". Sobre o seu contido, asegura que "a modificación do instrumento delimitador do perímetro portuario deveu urxente pola existencia de pronunciamentos xudiciais contraditorios que xeraron unha situación de inseguridade xurídica que paraliza a adecuada xestión do dominio público portuario e que debe liquidarse á maior urxencia". Con todo, engade: "Está a prepararse unha reforma normativa na que se está traballando desde Puertos, aínda que non hai nada concreto aínda".
A puntualización de Fomento rebaixa certa inmediatez no cambio que se contempla no mencionado borrador e que podería ter repercusións de calado. Sería a culminación dunha deriva lexislativa que substituíu en 2011 na Lei de Portos a anterior referencia á figura do "plan de utilización dos espazos portuarios" por unha "proposta de delimitación dos espazos e usos portuarios". Un paso de "plan" a "proposta" que, no caso de prosperar o borrador de decreto agora en estudo, acabaría eximida explicitamente de avaliación ambiental nos cambios de usos.
A “litixiosidade” á que se refire o Goberno central ao falar dos plans de usos portuarios puido comprobarse recentemente en Galicia, ao ratificar o Supremo as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon os documentos de Vigo e Marín
A “litixiosidade” á que se refire o Goberno central ao falar dos plans de usos portuarios puido comprobarse recentemente en Galicia. En 2013 a Audiencia Nacional anulou o plan de usos da Autoridade Portuaria de Marín por non contar coa avaliación ambiental, sentenza que foi confirmada polo Supremo en 2016. Iso non impediu que a Autoridade Portuaria de Vigo fixese o mesmo e en maio de 2015 aprobase igualmente o seu plan de usos sen avaliación ambiental, malia que nel se incluían espazos protexidos ambientalmente como as proximidades das Illas Cíes, Parque Nacional, ou a enseada de San Simón, incluída na Rede Natura. En 2017 a Audiencia Nacional anulaba o plan de usos do porto de Vigo e o pasado xaneiro o Supremo ratificaba esa decisión, nun recorrido paralelo ao de Marín duns anos antes.
Agora a Autoridade Portuaria de Vigo vén de encargar a redacción dun novo plan de usos, ou “Delimitación de Espazos e Usos Portuarios”, segundo a nova denominación, un documento que podería quedar eximido de avaliación ambiental se sae adiante despois de que entre en vigor a modificación legal que estuda introducir o Goberno central.
Os cambios prodúcense ao tempo que os portos galegos seguen a planificar novas ampliacións das súas instalacións. No caso de Vigo a Autoridade Portuaria prevé novos recheos nos seus peiraos de Bouzas, Areal, Rande e fronte ao Auditorio da cidade, mentres que no caso de Marín quérese ampliar un peirao para habilitalo como terminal de cruceiros.