A decisión da multinacional Maersk de deixar de operar no porto de Vigo e comezar a facelo no de Marín, ata agora un conflito entre empresas privadas, aínda que con repercusión pública e económica en ambas cidades, vén de converterse abertamente nun enfrontamento entre administracións controladas por un mesmo partido, o PP, tinguido á súa vez de localismo e implicacións familiares. A decisión do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, o exconselleiro Enrique López Veiga, de pedir formalmente a Puertos del Estado que impida ao porto de Marín acoller esas operacións implica directamente no conflito á ministra de Fomento, Ana Pastor, e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. De Fomento dependen xerarquicamente ambos os dous portos e o marido da ministra, José Benito Suárez, é o presidente do de Marín. E a Xunta é a que nomea aos presidentes das autoridades portuarias e a que leva anos gabándose da coordinación que fai dos portos do Estado en Galicia.
Maersk é líder mundial no transporte de colectores por vía marítima e responsable dun terzo dese tráfico no Porto de Vigo, o que máis move de todos os galegos. O servizo de carga e descarga dos colectores téñeno entregado as autoridades portuarias en réxime de concesión a empresas privadas, Terminales Marítimas de Vigo SL (Termavi) e Pérez Torres Marítima SL, respectivamente. Así que Maersk convocou hai uns meses un concurso para contratar os traballos cos seus barcos a quen lle ofrecese mellores condicións. Gañou Pérez Torres, polo que en maio Maersk ten previsto cambiar Vigo por Marín, o que provocará non só que Termavi vexa reducido o seu negocio senón tamén importantes perdas para a Autoridade Portuaria de Vigo ao caer os seus ingresos por taxas portuarias.
O presidente do porto vigués reclama que Puertos del Estado prohiba que Marín capte ese novo tráfico a través do peirao construído ilegalmente, segundo o Supremo
Nesta situación é na que o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, remitiu unha carta ao presidente de Puertos del Estado, publicada o pasado venres por Faro de Vigo, na que pide que se lle prohiba ao porto de Marín empregar para ese novo tráfico de colectores o peirao construído segundo o Tribunal Supremo de xeito ilegal cun recheo sobre o mar. López Veiga reclamou asemade, a intervención da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) no contencioso.
O Concello de Vigo, gobernado polo socialista Abel Caballero, cunha longa traxectoria de enfrontamentos localistas, xa presentou a marcha de Maersk como un novo agravio cometido pola Xunta do PP contra Vigo a través do anterior presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López-Chaves, hoxe delegado do Goberno galego na cidade. Porén, é López Veiga, no cargo desde o pasado outubro, quen abre a batalla con Marín coa carta que remite a Puertos del Estado. Unha batalla con múltiples derivadas políticas e familiares.
Conflito político con implicacións familiares
Por unha banda, López Veiga, conselleiro de Pesca con Manuel Fraga, tentou en 2005 disputarlle a Alberto Núñez Feijóo a sucesión á fronte do PP de Galicia. Tempo despois Feijóo colocouno no Senado e, o pasado outubro, no porto de Vigo. O seu homólogo no porto de Marín é José Benito Suárez, marido de Ana Pastor, no cargo desde que o PP recuperou a Xunta en 2009 grazas a que, aínda que os portos pertencen ao Estado, o Goberno autonómico ten maioría no seu consello de administración. Un consello, o de Marín, no que está presente como vogal en representación da Xunta Paloma Rueda Crespo, tía do vicepresidente do Goberno galego Alfonso Rueda e directora do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) que ten a súa sede no porto de Vigo.
Feijóo situou o exconselleiro no Porto de Vigo mentres o de Marín segue dirixido polo marido da ministra de Fomento
Preguntada o pasado xoves por este conflito nun acto do PP no que estaba presente o seu marido, a ministra Pastor eludiu decantarse publicamente por un bando, o que na práctica supón apoiar a chegada de Maersk a Marín. Pastor dixo que este é “un asunto entre empresas privadas” que elixen con liberdade os seus provedores de servizos e que a operación “non depende das institucións”. Porén, empresas viguesas usuarias do porto e o propio López Veiga xa saíron aos medios a criticar que as condicións de traballo autorizadas polo Estado no porto de Marín son menos esixentes que as de Vigo, o que faría que os custes laborais que asume a empresa concesionaria da estiba no primeiro, Pérez Torres, lle permitan facerlle a Maersk unha oferta máis competitiva que a de Termavi.
A Consellería do Mar, que salienta periodicamente o seu papel de coordinadora dos portos, evita posicionarse no conflito
Pola súa banda, a Xunta, a través da Consellería do Mar, salienta periodicamente o seu papel de coordinadora do traballo das cinco autoridades portuarias que hai en Galicia: Vigo, Marín e ría de Pontevedra, Vilagarcía, A Coruña, Ferrol-San Cibrao. Porén, nesta ocasión o departamento que dirixe Rosa Quintana é o único que non fixo declaracións sobre o conflito. Tampouco atendeu a petición deste medio para coñecer a súa postura.
Por último, a entrada no conflito do Concello de Vigo acusando a Xunta e Fomento de prexudicar a cidade pon á súa vez o foco no concello de Marín, gobernado pola popular María Ramallo, con boas relacións tanto na Xunta como en Fomento e que de momento limitouse a congratularse pola chegada de Maersk ao seu porto pero evitando declaracións altisonantes. O contrario que a presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, man dereita do rexedor vigués, quen tamén criticou á Xunta pola perda que para Vigo supón a marcha de Maersk, sen ter en conta que ese tráfico de colectores non se move da provincia que dirixe.