O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este martes que o Concello pagará 35,2 millóns de euros para liquidar a concesión do Auditorio Mar de Vigo tras a quebra da súa adxudicataria, un rescate que se produce doce anos despois da adxudicación dun contrato para a construción e xestión do inmoble ao que as arcas autonómicas e municipais xa destinaran outros 35 millóns de euros. O rexedor presentou a operación como “magnífica” asegurando que espera recuperar parte dos cartos con novas concesións e di que a resolución do contrato foi un “tema cerrado marabillosamente para a cidade” pois así Vigo gaña “un novo espazo público”.
Para a súa construción a Xunta puxo 18 millóns e o Concello 12, aos que sumou máis tarde outros 5 e agora engade 35 máis para compensar á adxudicataria quebrada, impulsada no seu momento por Sacyr e Caixanova
O Auditorio Mar de Vigo, en primeira liña do porto pesqueiro da cidade, é un proxecto que se comezou a deseñar a finais do pasado século co obxectivo de ser un polo de atracción para a recuperación urbanística desa zona degradada, na que hoxe segue sendo a única actuación concretada. Na súa tramitación víronse implicados nas dúas últimas décadas os sucesivos gobernos locais e autonómicos conformados por PP, PSdeG e BNG. Os terreos nos que se levanta eran propiedade portuaria e a súa cesión foi a achega que correspondeu no seu momento ao Goberno central.
A construción do auditorio concretouse a través dunha concesión pola que a Xunta puxo 18 millóns de euros, o Concello 12 e os 60 millóns restantes, ata os 90 en que se valorou o complexo, debían ser achegados por unha empresa privada que construíse o edificio e o xestionase durante 35 anos. Avalado pola Xunta bipartita, o concurso adxudicouno en 2006 o Concello daquela gobernado pola popular Corina Porro a unha unión de empresas formada por Sacyr e a todopoderosa Caixanova, que ofreceron rebaixar en 5 millóns o prezo de partida, pero o proxecto aínda sufriría varios cambios ata que o edificio foi inaugurado en 2011, xa co socialista Abel Caballero na alcaldía.
Ao ano de inaugurarse, o Concello prorrogou a concesión de 35 a 60 anos e inxectou 5 millóns, pero segundo a concesionaria non impediu a súa quebra porque nunca houbo público suficiente atraído polo contido do edificio
Ao pouco tempo de adxudicarse o contrato a concesionaria xa comezou a advertir de que as súas condicións e o insuficiente contido do edificio que non atraía público suficiente lle estaban a causar perdas, e un ano despois da apertura o Concello decidía inxectarlle outros 5 millóns de euros públicos e prorrogarlle a concesión dos 35 anos previstos inicialmente a 60 para que así lle resultase máis fácil recuperar o investimento. Diversas medidas de apoio das administracións para dar contido ao auditorio e outros espazos anexos e axudar a encher así tamén o hotel que inclúe o complexo non foron suficientes e a concesionaria acabou quebrando e solicitando unha liquidación do contrato por 74,5 millóns de euros, segundo indica o Concello, que se gaba agora de reducir esa cifra á metade, aos anteditos 35,2 millóns.
Caballero asegura que o custo neto da operación será menor para o Concello pois agora prevé vender ou volver entregar en concesión algunhas das partes do edificio por separado
O alcalde salientou este martes que o custo neto da operación será menor para o Concello pois, unha vez recuperada a propiedade de todo o complexo, agora prevé vender algunha das súas partes como o hotel ou baixos comerciais que suman 4.000 metros cadrados. O goberno local tamén salienta que ao asumir a propiedade do auditorio deixará de gastar os 600.000 euros anuais que lle custaba alugar espazos do mesmo nos que se opera a sede viguesa da UNED e unha biblioteca municipal. Por outra banda, o Concello di que o resto de partes do complexo, como o aparcamento subterráneo ou o restaurante, suporán ingresos para as arcas municipais a través de novas concesións parciais ou da súa xestión directa. Pola contra, o PP local critica que a concesión fracasou porque Caballero modificou as súas condicións iniciais reducindo o tamaño do recinto.